Número total de visualizações de páginas

domingo, fevereiro 15, 2009

Fritada de sangue

Estimadas e estimados lectores larpeiros, seguindo as ordes do noso Frater preferido, vou apuntar unha vella receita moi acaída para estes tempos irremediabelmente carnívoros de mata e antroido e engadirei que o meu avó, matachín do seu lugar e dos circundantes, loaba moito a miña fritada, aínda que non chegase á altura da de María Antonia a Melona, auténtico culmen da fritada de sangue do canon culinario occidental.

Precisamos:
-fígado cortado en anaquiños pequenos
-sangue de porco previamente cocido e ben apretado para que solte a auga. Debe quedar esfaragullado.
-cebola e allo
-un pemento encarnado ben maduro
-folliña de loureiro
-limón
-aceite ou, xa postos, grasa de porco
-pimentón doce e picante

Mans á obra:
-Fritimos lentamente a cebola picadiña co allo, engadimos, logo de mareala un pouco o pemento maduro tamén picado. Cando estea case feito botamos os anaquiños de fígado, deixamos que se faga, pero sen que se pase moito. É o momento máis emocionante: imos botando con xenerosidade o sangue esfaragullado na tixela e remexemos. Aderezamos co pementón, o loureiro e exprimímoslle por riba o limón. Remexemos e remexemos. Probámoslle o sal e xa temos listo un prato verdadeiramente delicioso, contundente e barato.

Suxerencias.
Acompáñase de patacas cocidas, aínda que un arrociño branco seguro que lle vai ben, viño tinto e pan do país.

Pensábades que vos ía facer filloas de anís, eh?

terça-feira, fevereiro 10, 2009

Caendo da burra


E pensar que ata onte mesmo estaba convencida de que Mortadelo e Filemón, o Súper e a T.I.A. no existían... Que criatura inocente son!

segunda-feira, fevereiro 09, 2009

Entre ciclón e ciclón, manifestación

Non me vou poñer agora a discutir os argumentos de Galicia Bilingüe e os seus secuaces, para que? Unicamente quero resaltar que
1.- Os seus argumentos son paupérrimos, contraditorios e denotan unha falta de visión, lecturas e comprensión do mundo e da sociedade preocupantes. Non son capaces de dar un pasiño máis adiante do seu caso particular (yo y mi niño) o cal invalida calquera pretensión de ofrecer unha proposta válida para o resto da sociedade.
2.- A súa postura sitúase claramente á marxe da lei, das leis aprobadas por maiorías democráticas, froito dun consenso que eles acaban de romper porque son incapaces da convivencia cos demais. Isto considero que é moi importante resaltalo: eles rompen as regras do xogo e sitúanse á marxe buscando unha posición de vítimas.
3.- A posición de vítimas facilítanllela os grupos que, coma os de onte, se enfrontan fisicamente a eles. Corina Porro confesaba aos medios que tivera medo, pero, aínda así, arriscou a súa cabeleira rechamante, probábel branco de todos os proxectís, e subiu ao estrado: xa teñen unha vítima propiciatoria, parabéns!
4.- As imaxes de onte tamén deixaron claro algo do que moitos dubidaban: a súa escasa capacidade de mobilización. Eu penso que, se me poño, son perfectamente capaz de convocar 2000 persoas en Santiago. Facemos a proba?

quinta-feira, fevereiro 05, 2009

Purpurados


Mª Teresa Fernández de la Vega o día en que vestiu de púrpura. Logo virían moitas máis ocasións. Campar cámpalle tan ben coma a calquera.

quarta-feira, fevereiro 04, 2009

Tirar pedras sen pasamontañas


Algo está pasando no mundo para que nun par de meses dous zapatos zarparan voando en dirección á cabeza de dous importantísimos líderes. Poderiamos interpretalo como unha anécdota curiosa ou unha broma pesada que se vai estendendo polo mimetismo hipnotizante que provocan nas masas os medios de comunicación. Pero non, hai algo máis, ten que haber algo máis.
De momento póñenseme os pelos de punta ao pensar na escena seguinte: que non saia ninguén de aquí! Pechen todas as portas! A quen lle falta un zapato? Conque tirando zapatiños, ehhh?
A continuación, a constatación de que o poder tamén ten os seus puntos fracos e entre as dúas ducias de gardacostas que sempre rodean aos magnates sempre se pode coar un proxectil ferinte ou letal, e de que por moito chumbo con que forren os seus automóbiles seguen a ser vulnerábeis: un apetitoso pombo no punto de mira de moitos cazadores.
Mais a cuestión clave é que hai moitos dispostos a desafiar o poder omnímodo que estes personaxes representan, e non tirando unha bomba e escondendo a man, senón a cara descuberta lanzando un zapato á vista de todos para humillalo.
Os profesores levaban moito tempo queixándose do descrédito da autoridade e ninguén lles facía caso porque seique tiñan moitas vacacións.