Número total de visualizações de páginas
sexta-feira, julho 17, 2009
Febre
Tardaba un pouco, pero era seguro que estivese na casa; o coche diante da entrada do edificio, luz nun dos cuartos do piso. Outro timbrazo. Arrimouse máis á porta para escoitar. Por fin uns pasos e logo algo que cae estrepitosamente. A súa voz farfullando calquera cousa cada vez máis cerca. Silencio. Estaba sendo observado. Arrédase un pouco, mira á porta e agarda.
–Pasa.
Viña envolta nunha manta, descalza, o ollos coma dous berberechos na súa cuncha, os beizos encarnados.
–Encóntraste ben?
–Non sei. Máis ben non. Acábasme de espertar; había pouco que durmía.
Volvía cara á habitación, sen máis, arrastrando a manta.
–Perdoa, volvo á cama que enfrío. Non atopei as zapatillas.Ven e cóntame.
–Tomaches algo?
–Non.
–Vou á cociña, a ver que tes por aí.
–Como queiras.
Zume de laranxa e aspirina, unha cunca de cereais e unha bandexiña... Atopouno todo. Houbo que rescatar a louza necesaria dun vertedeiro acugulado de varios días. Ela agardaba recostada nas almofadas. Co pelo recollido nunha coleta frouxa e a cara acabada de lavar o seu rostro parecía máis relaxado. Tomou o zume e a aspirina sen protestar, pero rexeitou os cereais.
–Miraches a febre?
–Non, é só un resfriado con dor de cabeza.
–Onde tes o termómetro?
–Non insistas, por favor...
Púxolle a man na testa, ela mirábao coma un canciño manso.
–Estou aquí para coidarte. Só iso.
Ela pechou os ollos e apoiouse no seu peito. Unha bágoa esvarou pola meixela.
–Non che vou preguntar por que. Tanto me ten. Agradézocho.
–Vou fregar a louza; ti descansa.
Puxo música baixiña e pechou a porta da cociña. Atopou uns guantes e deixou correr a auga sobre a louza sucia. Pensaba na muller mentres fregaba os cacharros na auga morna, nos seus beizos encarnados e resecos, no tacto febril da súa pel. Fixo o traballo lenta e meticulosamente. Non tiña apuro; estaba alí por ela. Cando rematou prendeu un cigarro e abriu unha ventá. Pasaba de mediodía. A cidade retomaba o pulso trala pausa do xantar. Comprobou a hora no reloxio, apagou a radio e dirixiuse amodo á habitación onde ela descansaba. Con coidado de non espertala deitouse ao seu lado. Concentrouse na súa respiración un pouco inquieta, acaricioulle o pelo e ela volveuse nun sobresalto, abriu os ollos e mirouno estrañada.
–Xa non me acordaba que estabas aquí.– sorriu un pouco – Alégrome de verte.
El bicouna e preguntoulle pola dor de cabeza, se non tiña fame.
–Non.
As miradas eran tenras, case non facía falta falar.
–Quedas un pouco mais, si?
–Quedo o que queiras.
Agora os ollos esculcábanse ata o fondo e atoparon os seus corpos.
–Non estou moi sexi que digamos.
–Estás irresistíbel –a man percorrendo xa o interior das súas coxas– ardes coma no inferno.
–Déixame que vou á ducha.
–Non te movas de aquí.
Aproveitou o movemento dela para colocala enriba e collela polas cadeiras.
–Quéreste queimar?
–Quero.
–Vouche quitar a roupa; no inferno non fai falta.
O corpo dela tiña un gusto acedo suave; o del estaba dominado polo aroma da eau de toilette que puxera pola mañá.
Foi rápido e intenso coma unha labarada.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
Fever:
http://www.youtube.com/watch?v=aiMAh2cLczY
Grazas, vaille moi ben.
Moi bo, moi bo.
Tes que apañar os relatos e publicalos en libro. Téñenche moi boa pinta.
Enviar um comentário