Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, janeiro 11, 2006

Flores murchas


Erguinme tan cedo porque tiña que cambiar aquelas flores murchas antes de que viñeran eles. Sempre me din mamá que desastre e míranme dun xeito que me fan sentir moi mal. Por iso me erguín cedo, para que non me colleran outra vez sen mudar as flores. Pero agora resulta que en vez de cedo foi tarde, fíxose tarde, non entendo por que, e é de noite, non sei que hora. O reloxio tamén está parado e non lle chego para darlle corda, chégolle subida a un tallo pero daquela bérranme ¡mamá! que son moi listos e sempre me descobren. E teño medo porque non sei a miña cabeciña ás veces…se volvo para a cama podo quedar durmida e vólvese a facer tarde e non cambio as flores e ¡mamá! Non sei por que teñen que murchar tan axiña, antes durábanme máis.

Antes de nova tamén as noites duraban menos, pero non podía tocarlles ás flores se andaba mala porque murchaban. Pasáballes o mal ás flores e morrían. Coidadiño a que se lle tocaba cando unha andaba mala. O mundo acababa tinguíndose do meu sangue impuro e podía provocar desgracias. Recollerse, mirar baixo, non tocar a auga, non tocar nada. Pero algo había que tocar, porque a vida seguía coma os outros días. Facíase caso e non se facía. Só se pasa algo malo pensabas que eras a culpable. As mulleres nacimos para sufrir, dicía miña nai. Pensar así para non esperar máis que desgracias, tomar todo coma unha desgracia: medrar, que te aperte un home, ter fillos, que deixen a casa. Mamá ameazándome con desgracias cando me vía contenta, xa aprenderás, xa aprenderás. Eu non quixen ser así, pero quedoume o medo. Non sempre hai disculpas para este medo. Xa non teño a regra, poucas desgracias podo provocar xa. Non subir no tallo para poñer a andar o reloxio, non saír fóra para tirar as flores murchas que podo tropezar e romper a alma, estar atenta a que veña o día porque ¡mamá que desastre! Eu aínda sei, se me organizo, sei; pero ás veces…xa non me acordo e daquela teño máis medo.

Cando boto o día enteiro pensando como se chamaba a que me di ¡mamá! porque está a dos nenos e a outra. Pois a dos nenos non, a outra que cando ven por aquí ¡mamá! e ó final, nada, non me din acordado e púxenlle queixo na trampa e non foi a el. Pero disto lémbrome. Do que non me lembro, logo lémbrome moitos días e teño que pensar moito e logo esquézome das outras cousas. E iso é o peor. Porque aínda que non me deite e estea aquí agardando o día, e quedar quietiña sen subir ó tallo para darlle corda ó reloxio, estou pensando no que non me lembro, e ó mellor despois xa non me acorda o que tiña que facer cando chegue o día. Ou se chega e eu non me decato, que tamén me ten pasado, e logo faise tarde e ¡mamá! coma se fora unha neniña. Por iso teño medo. Eu fágome a forte e penso moito as cousas, ás veces hai que poñerlles trampas, e organízome para que non se me vaia a cabeza, para non ter que oír ¡que desastre, mamá! nin sentir que provoquei outra desgracia por non ter coidado, por tocar ou por mirar para dereito e beber auga fría. Deixádeme, deixádeme que xa non sangro máis.


11 comentários:

máis alá disse...

Fermoso. Simplemente fermoso.

SurOeste disse...

Gracias por visitarme con tanta fe. Ás veces tardo en volver porque se me pon o nordés farruco e non hai quen poida con el. Pero son capaz de esperar a miña vez e poder entrar polas rías. Sempre polas rías, gústanme todas.

FraVernero disse...

Sempre agardamos con impaciencia os retornos do vento do suroeste...
xD
A verdade, tantas culturas e tanto prexuízo arredor do sangue e o estado mensual. No Levítico, creo que era, aparecen longas notas arredor do aillamento da muller de mes, considerada impura...
Mais algunhas poetas americanas xa fai tempo que se rebelaron.
E o noso vento predilecto está con elas...

SurOeste disse...

Irmá:

Heiche soprar mentres te concentras na monodia e che enfría o cu na cadeira pétrea. E fareino a modiño para que non che refulíen as saias.

eue disse...

Nunca tiven a regra, pero creo que acabo de sentilo.
Un texto moi potente e ben construído. Saúdos

SurOeste disse...

E xa, co comentario de Eue, estouvos que non me cabe unha fabiña no cu.

eue disse...

Hahahahaha!

máis alá disse...

Queres participar no xogo? Visita o meu blog.

Anónimo disse...

Good design!
[url=http://ozpuhtpp.com/aefo/tkvu.html]My homepage[/url] | [url=http://rasevegj.com/tuqi/brjs.html]Cool site[/url]

Anónimo disse...

Good design!
My homepage | Please visit

Anónimo disse...

Great work!
http://ozpuhtpp.com/aefo/tkvu.html | http://fkabovhm.com/sgqs/apqs.html