Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, maio 09, 2012

Sete cuncas de manifestos

Levo un mes longo sen escribir. En realidade tería que escribir un manifesto todos os días, como parte dun colectivo damnificado ou agraviado: usuarios da sanidade pública, do ensino público, dos medios de comunicación públicos, do transporte público, funcionarios públicos, persoas que algunha vez gardaron os seus aforros nun porquiño con rañura no lombo e anagrama dunha Caixa de Aforros, persoas con fillos menores, persoas con tendencia á lonxevidade, persoas con familiares dependentes, entusiastas da culturas minorizadas, pagadores contumaces de impostos...

Debería escribir manifestos, solicitudes e cartas de reclamación, debería berrar desde a ventá máis alta da miña casa, desde esta mesma ventá batida de todos os ventos e esparexer a miña profunda incomprensión por todo o que leo e escoito: "a culpa é vosa, vosa e vosa" "víase vir" "o que máis e o que menos" " se non queredes unha cunca, habedes de comer sete" "seismil euros?: esa miseria?" "miles de millóns, trae p´acó que xa os administro eu!" "privaticemos mentres poidamos que logo xa nacionalizaremos se for mester". Debería escribir, asinar, despachar e quedar tranquila.

Tranquila? Imposible! A situación absurda que vivimos prepáranos o corpo para o impensable, de xeito que a estas alturas todo o mundo empeza a sentir un formigo de intranquilidade. A próxima cunca... tocarache tamén a ti?

Ai, Kafka, Kafka... e dicir que a túa "loucura" segue a ser tan actual!

Sem comentários: