Número total de visualizações de páginas

domingo, outubro 29, 2006

Un colariño de post arredor do sol


Hai xa un ano que decidín abrir este blog. Non foi unha idea premeditada, o resultado de darlle voltas ao asunto e chegar á conclusión de que tes certas necesidades comunicativas e dicir "eu o que necesito é un blog". Non foi así, non, e se vos conto como foi realmente, poida que vos dea a risa. O caso é que eu hai xusto un ano matriculeime nun interesantísimo curso e o profesor pensou que estaría moi ben colgarnos os documentos que necesitabamos para traballar nun blog creado para este fin. "Fixémola boa" pensei eu, "co burra que son eu para estas cousas". O caso é que para poñer comentarios había que ser blogger, é dicir, ter aberto o teu propio blog. Nestes casos de emerxencia informática acudo ao meu irmá para que me saque as castañas do lume e, unha tarde -plisplas- xa tiña eu armado o meu blog, cun suxerente nome e un ambiguo nick. "Isto é unha proba, pero de seguido virán máis" escribín no meu primeiro post. Eu estaba segura de que non virían máis pero...como xa sabía o procedemento, probei a poñer un relato que tiña no caixón e...que vos vou contar, xa sabedes que isto é moi vicioso. Cada vez que me poño cunha entrada destas síntome Madame Bovary saíndo co cabalo a galope cara o máis escuro do monte a buscar emocións. Un ano de emocións desenfreadas, de risas, de expectación, de experimentos e ousadías.
De hoxe nun ano e vós que o vexades!!

sexta-feira, outubro 27, 2006

Viaxes


Non, non, eu estou aquí, desta vez non me fun. Os días corren rapidamente, non nunha roda, senón nunha espiral na que case non nos movemos do sitio, pero movémonos. Lentamente os nosos ollos vanse volvendo vellos, "ai, si isto xa o vira eu, isto déjà vu" e pousamos unha mirada de benevolencia superior nos que aínda non o viron e non están no camiño de volta da espiral coma nós. Así que eu estou aquí, non sei se indo cara o centro de min mesma ou cara a vós, criaturas da mesma constelación. Reparade no maxestuoso movemento da miña espiral, mentres ides revirando a vosa propia traxectoria.

terça-feira, outubro 17, 2006

A metáfora total


Soñeino ou foi certo? Eu habitei esta casa, ou unha coma ela, aínda nena de teta. A miña habitación, a nosa, era a máis quentiña porque a besta durmía debaixo. A calor que desprendía a besta axudou a criarme coma o leite da miña nai. No sobrado enorme a familia compartía intimidades, cada un no seu currunchiño e eu no mellor dos aconchegos.
Unha tarde a miña nai veu un coche veloz atravesando a chousa e chamou aos nenos da casa entusiasmada. Eran dúas bestas correndo. Só dúas bestas brincando no campeiro de su a casa.

domingo, outubro 15, 2006

Humilde patrimonio popular


Unha casa así non debería baleirarse nunca de vida: xente, animais, trafegar das colleitas. Nunca debería permitirse que se lle esfondara o tellado, lle apodreceran as madeiras e as ventás fosen só bocas abertas berrando. Casas que levan séculos nesa mesma posición, referentes familiares e colectivos de repente son descoidadas, abandonadas, esquecidas, unha morea de pedras comidas polas silvas. Belas estruturas feitas firmes durante séculos por canteiros e carpinteiros habelenciosos coa técnica de noso, inxeniadas por nós mesmos para resolver os problenmas do espazo e do clima: solucións asombrosamente prácticas. Escola de arquitectos despistados que fan edificios onde chove ou onde te derretes co sol.
Se tedes unha casa así, mirade por ela. Ten un valor incalculábel.

domingo, outubro 08, 2006

Madame Bovary c´est moi


Seique iso mesmo contestou Flaubert á pregunta tan pouco orixinal de se existira realmente unha muller tan arrebatada, tan errada e tan drástica nos seus remedios. El era Emma Bovary e Emma Bovary era el.
O que escribimos está na nosa cabeza, poderemos recoñecelo ou non, deixar que nos posúa por uns instantes, unha semanas, uns meses ou trazar claramente as estremas con marcos e piagueiros: ata aquí ti e ata aquí eu. As boas historias non saen de nada, como o fume necesitan combustión e o escritor ten que mollar as bragas para apañar as troitas. Madame Bovary, c´est moi, que gran frase, que gran escritor!
Hai uns anos tiven a ousadía de promocionar entre os meus compañeiros de traballo unha revista que por aquel entón facía unha minúscula asociación cultural. Nas súas páxinas había un relatiño meu: Chica de calendario. A pregunta, morbosa, non tardou moito "era eu a protagonista?" e aínda "era eu a da fotos que acompañaban o texto?". Que responder? "Si e non", "se cadra", "non necesariamente", "o poeta é um fingidor"... Nada diso, queridas e queridos, botei peito e atrevinme:
-Madame Bovary c´est moi.

quarta-feira, outubro 04, 2006

O mal do século

Telepredicadores, sanadores, astrólogos, sacerdotes do fitness...Ai que desgraciados somos! O estado do benestar non fai máis que poñer en evidencia a soedade ontolóxica que nos esgana. Teño un amigo que leva máis dun lustro dunha noutra: constelacións familiares, hiperventilación, chamanismo (new-chamanismo, digamos), música tecno, regresións, eu que sei! pero a angustia que o atrapou non fai máis que medrar. Necesita destes personaxes (non sei como chamalos, "vendedores de benestar" paréceme bastante axeitado) para tomar calquera decisión. Seique todo está escrito nas nosas mans, todo decidido non momento de nacer, porque arrastramos os erros e sufrimentos dos nosos antepasados e deixamos a pesada herdanza, cada vez máis insoportable, a medida que se van acumulando frustracións e dor, aos que han de vir. E esta especie de enerxía negativa transmitímola non só bioloxicamente senón a aqueles cos que temos un trato cercano. Sentir toda esta negatividade debe ser terrible, unha especie de pecado orixinal sen a posibilidade redentora da graza cristiá, nin a segunda oportunidade da reencarnación budista, nin...E daquela que? Aquí cada iluminado ten a súa propia receita, misteriosas menciñas para a alma que só eles (culto á personalidade) administran e fan de quen os escoite cegos adeptos.
Moito coidado cos feirantes.