Número total de visualizações de páginas

domingo, maio 29, 2011

Carme, Carme Chacón


Así é como me gusta verte, Carme, unha nova Marianne dirixindo as tropas por terra, mar e aire, poñéndote diante deles co teu corpo proa, símbolo da socialdemocracia liberal dun país de carcundias. Quero esquecer a túa voz tremente do venres, as olleiras e a mirada perdida de onte e quixera tamén non ter oído nunca do teu mentor o seboso eloxio que celebraba o teu sacrificio polo ben del, do partido e, en definitiva, do Estado.

Teño hoxe a penosa certeza de que fuches, fomos enganadas, unha vez máis, Carme. Parecía que nos ían deixar entrar no seu xogo e aprendimos as regras, preparándonos para servir á causa; vestímonos ben e fomos ao salón de peiteado; entregámonos ilusionadas sen condicións, pero só faciamos falta para adornar a foto. A ambición, a independencia de criterio é duramente castigada nunha muller; a submisión e o sacrificio cotizan á alza. Onte a túa faciana sobrecolleunos, mater dolorosa. Deus pai diche que te fagas a un lado e non molestes moito agora que xa fixeron a icona.

Eu tamén teño gana de chorar de rabia.

domingo, maio 22, 2011

Desazo

Foto SW

Nunca tanto me custou ir votar coma hoxe. Barallei seriamente todas as opcións: abstención, voto en branco, voto nulo, voto ignominioso, voto desilusionado... e todas as posibilidades me parecían que esa non era a cuestión. Votase ou non votase, votase o que votase a cuestión é o sistema. Si, si, si, un sistema que nos pide encarecidamente que votemos para logo amordazarnos: "entregádenos o poder que xa logo nós veremos o que facemos". O caso é que eles tampouco teñen nin idea do que van facer, non hai máis ca ler os programas, nunha boa parte dos casos actúan improvisando e noutra (peor aínda) baixo algún tipo de presión. Un non se debería fiar e ten que darlles practicamente carta branca, patente de corso para catro anos. Loitar contra unha decisión política que che pode cambiar a vida é un acto heroico, só ao alcance de xente con boa saúde, posibilidades económicas e contactos... políticos e xudiciais.
Non tedes a sensación de que estamos alimentando pacificamente unha caste de impresentábeis sen facernos demasiadas preguntas?


segunda-feira, maio 16, 2011

Pichas bravas


A vella e manoseada historia do señor poderoso (hai moitas maneiras de ser poderoso, algunhas verdadeiramente cutres) posto na picota por un escándalo sexual nunca pasa de moda.
De todos os casos célebres que saltaron aos medios ultimamente, por riba das evidentes diferencias, hai un punto en común: os implicados son uns pichas bravas.
Os pichas bravas non son, como se ten dito, "homes aos que lles gusten moito as mulleres". Non. Os pichas bravas son simplemente uns aproveitados moi pagados de si mesmos. E o que normalmente pasa é que os aproveitados máis cedo ou máis tarde acaban atopando alguén que lles toma perfectamente as medidas e, dun xeito ou doutro, toman a revancha. Xustiza poética: eu sempre admirei aos que se enfrontaban aos abusóns.

Non podo dicir que me sorprenda a historia do ex-candidato in pectore DSK e a camareira, como tampouco a inmediata sospeita de complot que se barallou, como fai eco Cabaret Voltaire. Sei tan pouco destas argalladas que todo me parece posíbel, mesmo vexo moi factíbel unha cousa e maila outra xuntas. A cousa promete un culebrón dos bos con análise de ADN nas persoas implicadas e nas súas roupas.
Aínda existirá aquel vestido de Mónica Lewinsky que nunca foi á lavandería? Non quero imaxinar a clase de flora e fauna que alimentaría todos estes anos.
Enfín, miñas queridas e meus queridos, é triste pensar que poden vir as revolucións que se queiran pero a estreita relación entre sexo e poder seguirá aí inalterábel.

sábado, maio 07, 2011

Escoita, Michelle...


Ti sabes que agora ou nunca, non ía ser coma quen di "se ten barba San Antón e se non a Purísima Conceución" non, eu non podía permitirme desaproveitar esta ocasión para cuspirlles a todos á cara que para americano eu, eu, medio negro e medio branco. Eu que levo un nome oriental que fai que se confundan os xornalistas en quen a vítima e quen o vitimario desta vez. EU son o que elixistes e Eu son todos e cada un de vós desde que vos xurei aquel día frío, icluída ti, miña rula, de luvas e zapato verde da miña man por aquela avenida triunfal xeada.

Michelle, tan seguro como estaba e estou que había que facelo como e cando se fixo, e non podo esquecer aquelas imaxes tinguidas de sangue. O sangue é unha cousa pegañenta. É doce e salgada á vez, eu non me explico. Pesadamente líquido, o sangue convértese en tremelicantes callóns en poucos minutos, que cousa, fúndese nunha película irisiada coa pel das mans de quen ousa tocala. Non a cheguei a tocar e aínda así cheguei a ulila, a lambela. Aquel ollo derramado, Michelle, aquel ollo que eu non vin e que non me viu, dígoche que non son quen de sacalo da cabeza. Eu miraba a Hilaria nese momento. Confiaba en que ela ía manterse rexa. Procuraba na súa cara unha axuda para manterme alí e ser quen de mirar. De repente tamén ela se contraeu nunha arcada e tapou a boca. Logo dixo que tiña tos e que era alérxica. A verdade é que ela vomitou e eu pechei os ollos.

Como mostrarvos o que eu non quixen ver? Non somos salvaxes, non comemos as vísceras dos inimigos nin nos refregamos co seu sangue pegañento. Non é necesario. Somos civilizados e isto non foi máis que volver a poñer no sitio o que estaba desconxuntado, out of joint, Michelle, coma no Hamlet.

terça-feira, maio 03, 2011

Xosé Carlos Caneiro caga rosas

Enlace
Meterse con Xosé Carlos Caneiro vén sendo na bloguería galega tan tópico como foi en tempos facer leña de María Balteira mediante todos os artificios posíbeis da retórica medieval. Por agora funme safando, pero hoxe non o puiden evitar e apunteime á romería anticaneirista. Picade aí e xulgade se teño razóns.

Se habitualmente Caneiro na súa columna da Voz non se fai rogar con toda canta cursilada lle pasa pola cabeza, hoxe parece unha parodia de si mesmo. "Poema de amor" está escrito por un Caneiro hiperbólico, desatado, impúdico, empezando pola reserva inicial da dama (
"Columna para enviar a (...) Miña lúa, miña flor, meu vento. ") e rematando por "Chove cando te vas. Pero, no regreso, ábrense todos os ceos para de par en par rir".

Sosteño que estamos diante dun malabarista de tópicos sobados que ve (será consciente?) como lle cae unha maza detrás da outra producindo algo semellante a un cataclismo. Se todas as inflamadas aseveracións son de pé de banco, e que lindas ensartadas nun colar!,
o remate non pode ser máis explícito: "Quérote máis cada día que pasa. Por ti existo."

Estou absolutamente impresionada, podedesme crer. Vou facer unha tortilla de xeranios, chau!

segunda-feira, maio 02, 2011

Gran reserva de sonora poesía


As cousas acontecen, os poemas recítanse, os transeuntes pasan, os viños frouxos bébense no ano, pero ás veces as cousas quedan en suspenso, os poemas grávanse, os transeuntes deteñen o paso e os viños gárdanse e mímanse ata que chega o momento.

Das frescas adegas de Radio Fene xorde vinte e sete anos despois a voz de Pereiro recitando os seus poemas. Escoitade e non vos poñades mitolóxicos, que xa chega con el.


http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=10211

http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=10216

sábado, abril 30, 2011

Realismo moderado

Foto, moderadamente realista, de Xebe d´Afrei

Moitas veces pasa, a min pásame demasiadas veces, que estou lendo un conto ou unha novela e danme ganas de coller ao narrador polas lapelas e berrarlle: "déixame pensar, maldito, ou pensas que son parva!!!".

O exceso de detalles sobrecarga a nave narrativa e desequilíbraa, pero o exceso de explicacións lévaa a un naufraxio seguro. O narrador debería abrir as portas do seu castelo só no momento preciso e permitir que os lectores sintan antes a imperiosa necesidade de saber que hai detrás delas, creen as súas imaxes, xoguen e fagan as súas apostas. Daquela si, daquela é o momento de deixarlles ver por unha fenda calquera imaxe equívoca, escoitar un son inclasificábel, manipulalos, na medida en que se deixen, de todas as formas posíbeis. Pero a maioría non teñen paciencia, sutileza nin moitas ganas de xogar, ai!, e, temerosos de que os lectores se desanimen e teñan que pensar, prefiren abouxarnos con ruído innecesario.

Realismo moderado. O concepto atopeino na páxina 12 da novela de J. M. Coetzee Elizabeth Costello:

"Suministra los detalles y deja que los significados emerjan por sí mismos. Un procedimiento del que fue pionero Daniel Defoe. Robinson Crusoe, náufrago en una playa, mira a su alrededor en busca de sus compañeros de barco. Pero no hay nadie. "Nunca los volví a ver, ni vi otro rastro de ellos –dice– que tres de sus sombreros, una gorra y dos zapatos desparejados". Dos zapatos desparejados. Al estar desparejados los zapatos dejan de ser calzado y se convierten en pruebas de la muerte, arrancados de los pies de los ahogados por los mares espumeantes y arrojados a la orilla. Nada de grandes palabras, nada de desesperación, simplemente sombreros, gorras y zapatos".
Coetzee, J.M., Elizabeth Costello, Ed. Mondadori

quinta-feira, abril 28, 2011

Olga Novo: poeta salvaxe

Olga Novo, espeluxada polo aire do mar, nunha foto de Xerais

Coñecín onte á poeta Olga Novo nun dos actos programados na Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol. Malia a súa presencia delicada, as falas suaves, a total ausencia de afectación, adivíñase un lume interior moi difícil de disimular. Ah, claro, debe ser por iso!

Olga Novo recitando á entrada do Mercado da Magdalena esta mañá era unha rapsoda que nos conducía polas súas mitoloxías con voz profunda –nunca bronca, aínda que sabe ladrar– e o trafego do lugar quedaba por un intre suspendido. Eu sentino porque estaba alí seguíndolle o rastro: carriños da compra que se deteñen, mandís que se remangan, oídos que prestan atención. A voz de Olga misturada con verzas e xurelos.

Ceibar á poesía das gaiolas, que gran idea!

domingo, abril 24, 2011

Toxo arnal

Foto Xebe d´Afrei

Meu toxiño arnal

Noto que a auga abondosa destes días inchou de zume verde as túas poutas afiadas. Mírote e imaxino o rápido proceso químico co que te alimentas. Probo a tocarte a advirto a tenrura que se foi apoderando de ti. Con todo, procuro que o roce sexa superficial e a caricia no se convirta en rabuñazo. Sei moi ben quen es ti, a estas alturas, e non quero levar un desengano.

Déixame que me recree na túa beleza: xenos tenros que nunhas semanas serán púas, verde luminoso que a seca e o vento nordés apagarán de contado, maíñas montesías que estarrican os dedos en todas as direccións.

Ai, toxiño, lembras cando nos coñecimos? Eu nunca chegara tan lonxe e a primeira vista parecíchesme un toxo coma os demais. Nin me preocupei demasiado en afastarme de ti. Pasei rozándote e dunha cruel dentellada lanzáchesme o primeiro aviso. Eras duro, eras poderoso e implacábel, trabaches na miña carne con saña e o meu sangue parecía compracerte. Aínda teño as marcas.

Agora xogo contigo. Aproveitando a debilidade primaveral dos teus novos gromos acércoche un dedo, presiono suavemente contra os máis recentes dos teus pinchos e divírtome comprobando que non poden ferirme, que dobran antes de poderen rachar a pel. Domestícote así, con estas caricias burlonas e fago plans para convidarte ao meu xardín, a un espazo rocalla onde lucirías ben cando entres en flor.

Que me dis?

sábado, abril 09, 2011

Fin de etapa

Foto SW

Estou chegando, si, si, non hai perda xa: despois deses piñeiros queimados e deses outeiros medianos está a montaña á que me propuxen subir hai dous anos. Vexo o cume perfectamente debuxado nas cores da tardiña. Agárdame e eu vou.

Non podo evitar mirar polo espello retrovisor todo o camiño que deixei atrás, o pedregal do que partín –un autodespido e a perspectiva de dous anos no paro –os prados húmidos recachados de flores lilas e brancas e amarelas que atravesei –moitas lecturas, moito remexerme no asento, moitos parágrafos fallidos, moitas ideas sen forma. E vós comigo, vell@s coñecid@s amig@s deste blog, fostes apañando o resultado desta viaxe intelectual que acabou nuns cantos post e nunha tese.

E agora xa, véndome tan preto do obxectivo, superados todos os perigos, esquecidos os medos, sinto, como senten todos os viaxeiros despois de que se pon o sol, que o ritmo baixa e cómpre buscar un aconchego para a noite.

quinta-feira, março 17, 2011

Mazá + Z, mazá + Z, mazá + zeta...



Mentres deixaba o último post-relato en standby estábase armando unha boa.
Mentres pensaba seriamente, no camiño de ida e volta á casa, como ía resolver eu, que nunca nunha tal me vin, o asunto da declaración policial da protagonista, estaban pasando cousas terríbeis.
Mentres me preguntaba se non sería mellor rematar o relato coa protagonista colgada no loureiro observando un cadáver que lle é totalmente indiferente, pero aínda así imponlle respecto e desexaría que non estivese alí, as cousas terríbeis complicábanse tremendamente.

Que traballiño nos custa recoñecer que, no mundo real, non hai marcha atrás.

segunda-feira, março 07, 2011

O paseo

Foto Xebe d´Afrei

Era un carreiro case escondido á dereita da senda principal. Debía andar a modo cun pé despois do outro e tendo conta de non esbarrelar. O último temporal deitara algunas árbores que o aguantaban e deixara treitos no aire. Fose como for, pagaba moito a pena perderse por el e buscar acougo na soidade dos seus recunchos. Sobre todo aquela tarde.

A marea estaba subindo e choupaba docemente contra as penedas. Que delicia, alí colgada nun loureiro abstraída nos efectos do sol e as sombras da tardiña na auga da ría...

Un ruxe ruxe de pasos que se deteñen de repente, logo o bater alporizado doutros. Non ve ninguén, queda sen respiración e concéntrase nos sons que a rodean: a auga nas penedas, unha brisa nas follas resecas, a voz dun home maldicindo. É difícil baixar ao acantilado para agacharse desde onde está, pero máis difícil saír de alí sen facer ruído coas follas. Escoita os pasos apresurados e a respiración sen folgos. Maldita sexa! Foise meter no ollo dun furacán. O medo faina agachar como pode polo loureiro e disimularse nunha galla. Os pasos acércanse decididos: é un home e sóalle a súa cara. Busca. Volve para atrás. Parece nervoso. Para e senta mirando o mar. Pasan dez minutos, saca o móbil e fai unha chamada. Espera impaciente co teléfono pegado á orella. Algo se move máis adiante. El mete o teléfono no peto e bótase a correr. Á do loureiro dórmeselle unha perna, está a punto de saír en escena cando a serea dun coche no camiño principal a detén. O home queda petrificado moi cerca dela. Agora si que lle ve perfectamente a cara: é o que se pon á porta do supermercado polas mañás. Séntese pechar as portas do coche. O home mira a un lado e a outro e bótase ao acantilado. Esvara e despénase, o seu corpo queda tendido debaixo do loureiro.

A testemuña involuntaria está aterrorizada. Os gardas civís chegan e ela non é quen de dar un chío: ten os pés entalados, as mans case non as sente e o corpo tremelle sen poder controlalo. O tremor fai que un dos gardas levante os ollos. Axúdanlle a baixar e ela sinala o corpo. Case non sabe como dicir que hai alguén máis, que debería haber alguén agachado na fraga, alguén que estaba sendo perseguido, alguén que dera a alerta?

Non, a alerta deuna un home que estaba a pasear e presenciou unha forte discusión entre un home e unha muller, seguida dunha carreira. eles estaban patrullando cerca e foran rapidamente. Non era ela a muller? Que facía alí soa? Terá que declarar.

sábado, março 05, 2011

Tradución

Foto Xebe d´Afrei

Ás veces as metáforas aparécenche na soleira da porta dun xeito tan evidente que non hai maneira de desfacerse delas: as patiñas tesas, a plumaxe encetada, a fría levidade.

No capítulo de onte, Jean-Luc Picard e a súa tripulación non eran quen de entenderse cunha etnia humanoide que falaba en metáforas, "falaba por voltas", como se dicía antes. "Temos un programa no ordenador para traducir milleiros de linguas alieníxenas, pero non nos vale de nada", laiábase a conselleira Troi, "eles parecen falar en sentido figurado e, para entendelos, teriamos que sabelo todo acerca da súa historia, da súa literatura, das súas crenzas... semella unha tarefa imposíbel".

Ao capitán da nave alieníxena ocorréuselle poñer ao capitán Picard en contexto e, non esperabamos menos dun shakespeariano, reaccionou e entendeu. O máis fermoso do capítulo foi que, precisamente cando Jean-Luc se comunicaba fermosamente con metáforas co seu raptor-anfitrión, este tivo que morrer. Estaba no guión, pero fíxoo cun sorriso nos beizos.

O paporrubio morreu antes de que puidese traducir o seu fraseo musical de polas mañás.
Estaba a piques.

quarta-feira, fevereiro 16, 2011

O silencio


Hoxe tivemos unha mañá dura: preitos sen resolver, chispas que prendían lume, berros, saídas airadas... De repente un xesto definitivo asolagou a penúltima clase en silencio.

Os "animadores" calaron desconcertados perante o baleiro inesperado. As cabezas xuntáronse de dúas en dúas e nun bisbeo contido resolvían os enigmas do texto. Só ela, que seguía debuxando unha gran cara de boneco con trazas de manga na libreta, levantou os ollos do papel, buscou os meus e preguntou moi comedida cal era a miña música preferida.

Sorrín, non ía sorrir!, diante dunha pregunta tan atinada e díxenlle moi intimamente:

–O silencio.

quarta-feira, janeiro 26, 2011

Pensando, pensando...


Tranquilos tod@s, non dei cabo de min (aínda)... Por fortuna empecei comendo as uñas, fixéronme mal e xa non seguín. Foron pasando os días e alimenteime deles –exclusivamente de días, prométoo– e axiña uns pensamentos foron presa dos seguintes, e dos que viñeron despois e, a continuación daqueles, outros e outros máis. Un mes pensando, podédesmo crer, e rematei o que traía entre mans, medio enterrada na bibliografía. Practicamente rematei, quero dicir, "practicamente" porque os traballos de pensar nunca se rematan con todas as letras.

Pero agora que o penso, que vos vou contar eu que non saibades xa? Pobre de min! E aínda que puidera facelo, como dixo Ela, sen "regras nin gramática de ningunha clase" habíavos de rinchar nos oídos. Empezando por aí... e seguindo por aquí.

segunda-feira, dezembro 27, 2010

Cabeza pensante



Ultimamente teño escrito pouco e, sen querelo, algunhas entradas saíronme inquietantes. É difícil decatarse do pouco control que unha ten sobre o que escribe, ou mellor, sobre o que os outros van ler no que unha escribe. Por iso non vén mal, de cando en cando, facer metaescritura.

Isto é un blog no que se vai anotando un certo transcorrer vital. Eu conto cousas dalgún xeito experimentadas, mais non ao pé da letra, ou case nunca ao pé da letra. Quero difuminar na miña nubosidade os datos concretos que me empuxan a un estado de consciencia, de coñecemento do eu no mundo e, ao revés, do que me fai o mundo.

Estes meses do último tramo do ano foron ricos en experiencias que vou pouco a pouco dixerindo: antes de contalas teño que fagocitar a circunstancia, a anécdota, transformala en nutrientes para asimilala e convertila en células propias.

Véxome como unha devoradora da miña vida.

domingo, dezembro 19, 2010

Esperanza


Con este título e esta imaxe case sobra o que vai vir. Deixar na sombra do misterio todo o contexto que me levou a elexir un e outra multiplicaría a forza conxunta que se prestan. A esperanza é unha pequena regandixa deixada adrede nun muro pétreo, só a apertura imprescindíbel para ver desde dentro sen ser adiviñado desde fóra no escuro. Eu sei o que hai dentro e as armas que teño para defendelo, mentres que os de fóra só poden imaxinar sen moitas, ou sen ningunhas, garantías o que hai de verdade.

Só vou dicir dúas cousas máis:

–O ventanuxo, aínda que estreito, non pode ser confundido cun accidente involuntario, unha fenda regañada a causa da mala calidade, ou a antigüidade, do muro nin unha casualidade da natureza.

–Está orientado ao sur, de xeito que o seu pequeno tamaño sexa compensado pola potencia do sol que recolle.

E así, preparada, eu espero.

segunda-feira, novembro 29, 2010

Jean-Luc Picard... engage!

Jean-Luc Picard era o meu capitán favorito ata que se cruzou no meu camiño a capitana Janeway. En ambos os dous personaxes de ficción, como tamén adoita pasar nos personaxes da vida real, as súas máis valiosas virtudes son tamén os seus máis lamentábeis defectos. No caso de Jean-Luc a frialdade da súa mente, moi útil para afrontar os retos do liderato, é moitas veces un obstáculo para solucionar problemas. Jean-Luc, falando claro, é un castrado emocional que se prohibe a si mesmo investigar parte das súas ricas facetas humanas. É por iso que necesita ao seu lado de maneira case permanente unha telépata, a tenente Troy, que complementa a súa total inutilidade en certas funcións cerebrais como a intuición ou a empatía. Será tamén por iso que é un lector obsesivo de Shakespeare. E se cadra tamén que, nun mundo que xa superou ese rollo malo dos nacionalismos, Jean-Luc é inequivocamente francés, defensor apaixonado da excepcionalidade cultural, cultivado bon vivant deses que dubidan seriamente se pedir matrimonio a unha muller cando teñen a Tour Eiffel de fondo de pantalla ou entregarse en corpo e alma á Flota Interestelar?
En tout cas... un momento de debilidade teno calquera.

terça-feira, novembro 23, 2010

Capitana Kathryn Janeway


Capitana Janeway dirixe cun estilo moi peculiar a nave de exploración Voyager, perdida nos labirintos espaciais, xa non do cadrante Alfa, senón do Delta. Lonxe, ben lonxe da casa á que non renuncia a volver de xeito ningún. . . porque, aínda que ás veces as cousas parece que se torzan definitivamente, ela sabe que da súa fe e determinación depende o ánimo de todos.

A Capitana é quen, no lonxe espazo-temporal, debe manter acesa a luz dos principios éticos humanistas que rexen as normas da Flota Interestelar e faino da única maneira posíbel: adaptándoos a cada circunstancia. Que gran lección de relativismo (flexibilidade) e de supervivencia (xamais baixar a garda).

A soidade visita ás veces á Capitana Janeway, pois, no fondo, unha capitana non pode compartir o peso da responsabilidade con máis ninguén, por moi bos colaboradores cercanos que teña, que os ten. Kathryn Janeway busca a soidade neses momentos de remorso polos mortos que vai deixando atrás e de dúbida pola incerteza do prometido, e entón, coma o bardo, abandónase á melancolía.

Era inevitábel, no deseño dunha figura feminina tan poderosa, que se fixera alusión á súa capacidade de dar vida. A capitana non se pode permitir a reprodución biolóxica, tendo como ten tanta xente ao seu cargo, nin outorgar a súa confianza nin o seu corpo sen perder autoridade. Non pode e non o fai, mais tampouco pode evitar que a súa voz abrande cando ve un neniño de calquera especie, e a súa intelixencia emita destellos cando albisca un "home" á súa altura. Porén, non dubida en outorgar vida "humana" a criaturas que non foron concebidas para gozala, como o holograma Doutor, ou ás que lles foi arrebatada, como a (ci)borg Seven of Nine e convertirse, como sen querelo, na gran nai de todos.