Número total de visualizações de páginas

quinta-feira, março 17, 2011

Mazá + Z, mazá + Z, mazá + zeta...



Mentres deixaba o último post-relato en standby estábase armando unha boa.
Mentres pensaba seriamente, no camiño de ida e volta á casa, como ía resolver eu, que nunca nunha tal me vin, o asunto da declaración policial da protagonista, estaban pasando cousas terríbeis.
Mentres me preguntaba se non sería mellor rematar o relato coa protagonista colgada no loureiro observando un cadáver que lle é totalmente indiferente, pero aínda así imponlle respecto e desexaría que non estivese alí, as cousas terríbeis complicábanse tremendamente.

Que traballiño nos custa recoñecer que, no mundo real, non hai marcha atrás.

segunda-feira, março 07, 2011

O paseo

Foto Xebe d´Afrei

Era un carreiro case escondido á dereita da senda principal. Debía andar a modo cun pé despois do outro e tendo conta de non esbarrelar. O último temporal deitara algunas árbores que o aguantaban e deixara treitos no aire. Fose como for, pagaba moito a pena perderse por el e buscar acougo na soidade dos seus recunchos. Sobre todo aquela tarde.

A marea estaba subindo e choupaba docemente contra as penedas. Que delicia, alí colgada nun loureiro abstraída nos efectos do sol e as sombras da tardiña na auga da ría...

Un ruxe ruxe de pasos que se deteñen de repente, logo o bater alporizado doutros. Non ve ninguén, queda sen respiración e concéntrase nos sons que a rodean: a auga nas penedas, unha brisa nas follas resecas, a voz dun home maldicindo. É difícil baixar ao acantilado para agacharse desde onde está, pero máis difícil saír de alí sen facer ruído coas follas. Escoita os pasos apresurados e a respiración sen folgos. Maldita sexa! Foise meter no ollo dun furacán. O medo faina agachar como pode polo loureiro e disimularse nunha galla. Os pasos acércanse decididos: é un home e sóalle a súa cara. Busca. Volve para atrás. Parece nervoso. Para e senta mirando o mar. Pasan dez minutos, saca o móbil e fai unha chamada. Espera impaciente co teléfono pegado á orella. Algo se move máis adiante. El mete o teléfono no peto e bótase a correr. Á do loureiro dórmeselle unha perna, está a punto de saír en escena cando a serea dun coche no camiño principal a detén. O home queda petrificado moi cerca dela. Agora si que lle ve perfectamente a cara: é o que se pon á porta do supermercado polas mañás. Séntese pechar as portas do coche. O home mira a un lado e a outro e bótase ao acantilado. Esvara e despénase, o seu corpo queda tendido debaixo do loureiro.

A testemuña involuntaria está aterrorizada. Os gardas civís chegan e ela non é quen de dar un chío: ten os pés entalados, as mans case non as sente e o corpo tremelle sen poder controlalo. O tremor fai que un dos gardas levante os ollos. Axúdanlle a baixar e ela sinala o corpo. Case non sabe como dicir que hai alguén máis, que debería haber alguén agachado na fraga, alguén que estaba sendo perseguido, alguén que dera a alerta?

Non, a alerta deuna un home que estaba a pasear e presenciou unha forte discusión entre un home e unha muller, seguida dunha carreira. eles estaban patrullando cerca e foran rapidamente. Non era ela a muller? Que facía alí soa? Terá que declarar.

sábado, março 05, 2011

Tradución

Foto Xebe d´Afrei

Ás veces as metáforas aparécenche na soleira da porta dun xeito tan evidente que non hai maneira de desfacerse delas: as patiñas tesas, a plumaxe encetada, a fría levidade.

No capítulo de onte, Jean-Luc Picard e a súa tripulación non eran quen de entenderse cunha etnia humanoide que falaba en metáforas, "falaba por voltas", como se dicía antes. "Temos un programa no ordenador para traducir milleiros de linguas alieníxenas, pero non nos vale de nada", laiábase a conselleira Troi, "eles parecen falar en sentido figurado e, para entendelos, teriamos que sabelo todo acerca da súa historia, da súa literatura, das súas crenzas... semella unha tarefa imposíbel".

Ao capitán da nave alieníxena ocorréuselle poñer ao capitán Picard en contexto e, non esperabamos menos dun shakespeariano, reaccionou e entendeu. O máis fermoso do capítulo foi que, precisamente cando Jean-Luc se comunicaba fermosamente con metáforas co seu raptor-anfitrión, este tivo que morrer. Estaba no guión, pero fíxoo cun sorriso nos beizos.

O paporrubio morreu antes de que puidese traducir o seu fraseo musical de polas mañás.
Estaba a piques.

quarta-feira, fevereiro 16, 2011

O silencio


Hoxe tivemos unha mañá dura: preitos sen resolver, chispas que prendían lume, berros, saídas airadas... De repente un xesto definitivo asolagou a penúltima clase en silencio.

Os "animadores" calaron desconcertados perante o baleiro inesperado. As cabezas xuntáronse de dúas en dúas e nun bisbeo contido resolvían os enigmas do texto. Só ela, que seguía debuxando unha gran cara de boneco con trazas de manga na libreta, levantou os ollos do papel, buscou os meus e preguntou moi comedida cal era a miña música preferida.

Sorrín, non ía sorrir!, diante dunha pregunta tan atinada e díxenlle moi intimamente:

–O silencio.

quarta-feira, janeiro 26, 2011

Pensando, pensando...


Tranquilos tod@s, non dei cabo de min (aínda)... Por fortuna empecei comendo as uñas, fixéronme mal e xa non seguín. Foron pasando os días e alimenteime deles –exclusivamente de días, prométoo– e axiña uns pensamentos foron presa dos seguintes, e dos que viñeron despois e, a continuación daqueles, outros e outros máis. Un mes pensando, podédesmo crer, e rematei o que traía entre mans, medio enterrada na bibliografía. Practicamente rematei, quero dicir, "practicamente" porque os traballos de pensar nunca se rematan con todas as letras.

Pero agora que o penso, que vos vou contar eu que non saibades xa? Pobre de min! E aínda que puidera facelo, como dixo Ela, sen "regras nin gramática de ningunha clase" habíavos de rinchar nos oídos. Empezando por aí... e seguindo por aquí.

segunda-feira, dezembro 27, 2010

Cabeza pensante



Ultimamente teño escrito pouco e, sen querelo, algunhas entradas saíronme inquietantes. É difícil decatarse do pouco control que unha ten sobre o que escribe, ou mellor, sobre o que os outros van ler no que unha escribe. Por iso non vén mal, de cando en cando, facer metaescritura.

Isto é un blog no que se vai anotando un certo transcorrer vital. Eu conto cousas dalgún xeito experimentadas, mais non ao pé da letra, ou case nunca ao pé da letra. Quero difuminar na miña nubosidade os datos concretos que me empuxan a un estado de consciencia, de coñecemento do eu no mundo e, ao revés, do que me fai o mundo.

Estes meses do último tramo do ano foron ricos en experiencias que vou pouco a pouco dixerindo: antes de contalas teño que fagocitar a circunstancia, a anécdota, transformala en nutrientes para asimilala e convertila en células propias.

Véxome como unha devoradora da miña vida.

domingo, dezembro 19, 2010

Esperanza


Con este título e esta imaxe case sobra o que vai vir. Deixar na sombra do misterio todo o contexto que me levou a elexir un e outra multiplicaría a forza conxunta que se prestan. A esperanza é unha pequena regandixa deixada adrede nun muro pétreo, só a apertura imprescindíbel para ver desde dentro sen ser adiviñado desde fóra no escuro. Eu sei o que hai dentro e as armas que teño para defendelo, mentres que os de fóra só poden imaxinar sen moitas, ou sen ningunhas, garantías o que hai de verdade.

Só vou dicir dúas cousas máis:

–O ventanuxo, aínda que estreito, non pode ser confundido cun accidente involuntario, unha fenda regañada a causa da mala calidade, ou a antigüidade, do muro nin unha casualidade da natureza.

–Está orientado ao sur, de xeito que o seu pequeno tamaño sexa compensado pola potencia do sol que recolle.

E así, preparada, eu espero.

segunda-feira, novembro 29, 2010

Jean-Luc Picard... engage!

Jean-Luc Picard era o meu capitán favorito ata que se cruzou no meu camiño a capitana Janeway. En ambos os dous personaxes de ficción, como tamén adoita pasar nos personaxes da vida real, as súas máis valiosas virtudes son tamén os seus máis lamentábeis defectos. No caso de Jean-Luc a frialdade da súa mente, moi útil para afrontar os retos do liderato, é moitas veces un obstáculo para solucionar problemas. Jean-Luc, falando claro, é un castrado emocional que se prohibe a si mesmo investigar parte das súas ricas facetas humanas. É por iso que necesita ao seu lado de maneira case permanente unha telépata, a tenente Troy, que complementa a súa total inutilidade en certas funcións cerebrais como a intuición ou a empatía. Será tamén por iso que é un lector obsesivo de Shakespeare. E se cadra tamén que, nun mundo que xa superou ese rollo malo dos nacionalismos, Jean-Luc é inequivocamente francés, defensor apaixonado da excepcionalidade cultural, cultivado bon vivant deses que dubidan seriamente se pedir matrimonio a unha muller cando teñen a Tour Eiffel de fondo de pantalla ou entregarse en corpo e alma á Flota Interestelar?
En tout cas... un momento de debilidade teno calquera.

terça-feira, novembro 23, 2010

Capitana Kathryn Janeway


Capitana Janeway dirixe cun estilo moi peculiar a nave de exploración Voyager, perdida nos labirintos espaciais, xa non do cadrante Alfa, senón do Delta. Lonxe, ben lonxe da casa á que non renuncia a volver de xeito ningún. . . porque, aínda que ás veces as cousas parece que se torzan definitivamente, ela sabe que da súa fe e determinación depende o ánimo de todos.

A Capitana é quen, no lonxe espazo-temporal, debe manter acesa a luz dos principios éticos humanistas que rexen as normas da Flota Interestelar e faino da única maneira posíbel: adaptándoos a cada circunstancia. Que gran lección de relativismo (flexibilidade) e de supervivencia (xamais baixar a garda).

A soidade visita ás veces á Capitana Janeway, pois, no fondo, unha capitana non pode compartir o peso da responsabilidade con máis ninguén, por moi bos colaboradores cercanos que teña, que os ten. Kathryn Janeway busca a soidade neses momentos de remorso polos mortos que vai deixando atrás e de dúbida pola incerteza do prometido, e entón, coma o bardo, abandónase á melancolía.

Era inevitábel, no deseño dunha figura feminina tan poderosa, que se fixera alusión á súa capacidade de dar vida. A capitana non se pode permitir a reprodución biolóxica, tendo como ten tanta xente ao seu cargo, nin outorgar a súa confianza nin o seu corpo sen perder autoridade. Non pode e non o fai, mais tampouco pode evitar que a súa voz abrande cando ve un neniño de calquera especie, e a súa intelixencia emita destellos cando albisca un "home" á súa altura. Porén, non dubida en outorgar vida "humana" a criaturas que non foron concebidas para gozala, como o holograma Doutor, ou ás que lles foi arrebatada, como a (ci)borg Seven of Nine e convertirse, como sen querelo, na gran nai de todos.

segunda-feira, novembro 22, 2010

E ti, para quen escribes?

Hai uns meses chamáronme á casa para facerme unha entrevista en calidade blogueira. Sorprendeume tanto que preguntei á miña vez como diaños deran comigo nesta enmarañada rede. A xornalista de voz cristalina respondeume que non podía reproducir exactamente a cadea, pero que fora a través doutro blog que tiña este enlazado. Tampouco era tan raro; eu visito blogs e deixo comentarios e con eles, inevitabelmente, tarxetas de visita.

Contra o final da entrevista había unha serie de preguntas sobre as estatísticas do blog: número de visitas, número de entradas ao mes, etc. Canta xente entra neste blog? Cantos paran a ler ou simplemente miran os "santos"? Cantos volven? Nin idea, non tiña nin teño reconto de ningún tipo. Pero sodes sempre os mesmos, non o neguedes. Algúns co seu nick de toda a vida, outros co da temporada, tamén os que xogan ao anonimato, aínda que eu ben saiba quen veñen sendo, e, por suposto, os que levan o DNI nos dentes se fai falta. As miñas lectoras e os meus lectores non sodes unha multitude, podo aseguralo sen ver ningún tipo de contador de visitas, pero si un grupiño bastante definido e perseverante.

Nunca pensei que a arroutada que me deu hai xa cinco anos me fose durar tanto, malia as subidas e baixadas en cantidade e calidade dos post, nin moito menos que fose quen de engaiolar un(@)s lector@s coma vós, antes lectores ca amigos, aínda que algúns acabastelo sendo tamén.
Seguireino intentando.

sexta-feira, novembro 19, 2010

Azul


Unha borrasca tropezou nalgún guicho desta terra accidentada e o resultado son días grises entre cortinas de auga.
Un día típico de novembro, digo eu.
Non. Ti dis que non, que os días de novembro teñen a luz dourada dos paseos entre follas que fan crnch, crnch.
Pero tamén están os días en que o suroeste campa ás súas anchas e levanta tellados e arrinca araucarias. Estamos onde estamos, non o esquezas, e aí ao lado está o atlántico.
Ti pecha os ollos e pensa en novembro, insistes cando paramos nun semáforo. Que ves?
Se me mandas pechar os ollos só vexo azul e, detrás, outra borrasca.
Contigo non hai maneira.

segunda-feira, novembro 01, 2010

O conflito lingüístico explicado aos nenos



Contexto: Serán do domingo, pequena reunión familiar arredor dun programa da TVG sobre o marabilloso e entrañábel mundo dos animais domésticos. O reto hoxe é converter uns cans calquera, sen oficio nin beneficio, en útiles cans-pastores. Estamos nuns campeiros de Boimorto con moito movemento: hai cans, donos dos cans, unha ducia de ovellas e un adestrador que dirixe a escena.

ADESTRADOR: Ti colles o can e fas así, así e andando, de acordo?
DONO DO CAN: Si perooo... ao can fálolle en castelán ou en galego?
CAN: What?

sexta-feira, outubro 29, 2010

A febre do ouro

... e viu unha moura asollando ouro cabo da súa peneda e brillaba tanto que quedou como cego, parcialmente cego con visión caleidoscópica do ollo esquerdo, e escoitou a voz dela dicindo algo así como "ven, ven" pero moi suave, entrándolle nos oídos misturado co vento e o frus das follas, e logo se quería algo de ouro mentres estendía os seus brazos oferentes e se prefería levalo aos puñados ou aos ferrados.
–Aos ferrados! –que pregunta, todo o mundo sabía que nun ferrado caben moitos puñados– Aos ferrados! –repetiu, por se non o oíra ben coa refuliada que lle levantou os cabelos.
–Pois logo vai buscalo –e sorruille maliciosa, aínda que el daquela entendeu que un rapaz tan listo e afouto, por riba do ouro, aínda había merecer outro galano daquela mouriña tan xeitosa.
E foi correndo coma un lóstrego e volveu sen folgos co corazón a rebentar para ver o sitio, meu pobre, coa herba amansada e baleiro, sen ouro nin moura nin can a lle ladrar. Co sol nas costas pechou os ollos e entendeu, agora ben claro, o sorriso da moura.

sábado, outubro 23, 2010

Vergonza me había dar


Vergonza me había dar tender a roupa á vista da xente, neste balcón hiperreal, coma nos barrios pobres de antes dos patios interiores, exposta a propia miseria a todas as miradas e censuras do mundo.

Vergonza me había dar e non ma dá. Xa non ma dá porque penso que podo facer literatura do trapo de limpar cristais, ocasionalmente trapo de secar culleres, antes manga de camisa de diario, despois de descender do sancta sanctorum das prendas con dereito a percha no armario.

Vergonza me había dar, malia omitir as bragas. Por favor, non sei facer literatura con elas.

Iso é, estou segura, porque non me poño en serio.

segunda-feira, outubro 18, 2010

(Re) Tomando posición (sen toma de posesión)


Desde que o outro día intentei explicar nunha aula que a gravidade era aquela forza magnética que, desde o centro mesmo da Terra, nos mantiña cos pés no chan non volvín a levantar voo.

Comprendino despois de intentalo sen éxito máis de unha e dúas veces, seguindo o procedemento tal e como detallei nun post anterior: concentrarse, inspirar profundamente e ... elevarse. Cheguei a imaxinar a cara de pastoriños que lles quedaría aos alumnos e ás alumnas perante o prodixio da profesora voadora. Pero nin co meu máis encendido desexo nin coa miña máis acuciante necesidade era xa posíbel. A lei, deixárao ben claro, non admite excepcións.

Rematou, pois, a miña navegación arround de moi même. Nunca vou esquecer que cheguei a voar e que me era tan doado como apañar as mazás que van caendo da maciñeira. Adeus, don marabilloso, luz que me envolvías, regreso ao meu lugar noutro lugar, ás miñas rotinas, xa nunca máis as mesmas, ás miñas armas ben puídas, nas que non permitín o óxido nin a decadencia neste tempo que só pasou dentro de min.

Et bien, meus non moi estimados superiores de Recursos Humanos da Consellería de Educación, eu cumprín a miña parte, espero agora que vostedes cumpran a súa, como xa deberían ter feito, e, ao recibo da presente ordenen por fin os seus papeis e
a) Envíen a miña toma de posesión.
b) Paguen ao remate do mes.

Atentamente

Suroeste

quarta-feira, setembro 29, 2010

Folga dicir...

...que iría á folga se estivese traballando, pero como aínda non, o meu foi outra cousa. E vouno contar, porque á manifestación si que fun...
...e cheguei case en tempo de ver unha gran columna humana ocupando a Estrada de Castela ferrolá
as masas axitaban bandeiras vermellas e coreaban con moi poucas ansias consignas que non tiñan ritmo e a duras penas rimaban en asoante...
"pero é fermoso", malia todo, era fermoso, e inchei o peito revolucionando o o meu propio corazón...
..."son unha ovella descarriada", pensei, "abandonei o meu sindicato, logo de comprobar que o meu sindicato me abandonara soíña no monte inzado de alimañas carnívoras, a quen me vou acoller agora?"
Desfilaban bandeiras da UUU e de KKOO e eu ía indo polos laterais pegando chimpos cada vez que estoupaba un petardo.
"Non te preocupes, non te preocupes que che imos buscar á Unión Xudaica", dixo alguén, e fíxome rir, porque o humor nunca se perde, disque.
"Eu só teño claro que non vou cos cabrós da GGG"
"pois imos cos da CNT"
"pois veña!"
e fomos buscalos ao seu local de Esteiro, pero cando chegamos xa saíran e alí en frente saen os da GGG tamén (media hora despois cós da UUU-KKOO, coidado!)
eu escapándolles aos da GGG
"estás obsesionada, Suroeste!"
queé tráfico manifestatorio!
Dúas manifestacións nutridísimas, mais a da CNT, que aínda non encontraramos, e que debían serrrrr...
Total
que atopamos aos da CNT: oito persoas con dúas bandeiriñas vermellas e negras dúas cores que, xuntas, impoñen moito
e achegámonos a eles e observámolos
eles tamén observaban nunha intersección como ía pasando a manifa dos UUU-KKOO
Que facían
AHHH!!! agardan á cola para metérense eles sen perder a súa identidade: a identidade avant de toute chose.
A manifa chegou ao seu final e os da CNT miráronse uns a outros e deron media volta
Fóronse sen máis historia
Nisto tomei a iniciativa dunha vez, hoxtia, e unímonos nós ao final da manifa coas ovellas desperdigadas
"Viva a folga xeral e acabouse!"
Cando volviamos para a casa dous rapaces achegáronse a darnos unhas octavillas. Eran da CNT
"E vós? Que facedes? Ao final non fostes á manifa, por que?", eu pedindo explicacións.
"EHhh, si, bueno, algúns querían e outros non, así que uns foron e outros quedamos repartindo papeis"
"Pois que saibades que perdestes catro adeptos"

"Ehhhh....
....bueno, pero pegáronnos unhas hostias a unha compañeira e mais a min. Mira, mira!"
E arremangouse e ensinounos unhas rozadoras nos pulsos.
"Valla unha cousa pola outra, ou non?"
"Si home si, vaia home vaia. Estámosche bos".

A las barricadas?

domingo, setembro 26, 2010

Nanina Santos segue a poñer picas en Flandres


Nanina Santos en Ames Radio 24/09/2010

O venres pasado fun a Radio Ames a entrevistar a Nanina Santos. Parafraseando a nosa conversación, non me pareceu an absoluto "amargada, histérica, fea nin culibaja", cualificativos disuasorios cos que se intentaba denigrar ás feministas de hai unhas décadas que ameazaban con romper o sistema sexo-xénero que tan ben lles funcionaba a algúns. Enfín, confeso que non hai moitos días que me dedicaron unha serie de adxectivos bastante similares (algo pouco feminino faría ou diría eu!) e non fai falta dicir que aínda hai quen non ten vergonza en botar man de estereotipos semellantes desde os medios de comunicación.
Da conversa quixera resaltar que, ademais de facer un repaso pola transición desde o feminismo, Nanina aproveitou para colocar un par de picas máis no territorio cenagoso de dous temas clave da axenda feminista: a violencia contra as mulleres e a prostitución, defendendo puntos de vista nun e noutro tema moi polémicos.
Escoitade a entrevista e non deixedes de botarlle unha ollada á revista de pensamento feminista Andaina, da que é co-fundadora e redactora desde 1983.

quarta-feira, setembro 15, 2010

Academia de pavos reais (criterios de selección)



1. Ser recomendado por un pavo imperial

2. Contar co recoñecemento e recomendación de, polo menos, catro pavos reais.

3. Rirlles as grazas aos da asemblea pavera con todos os dentes, polo menos durante o periodo de observación.

4. Denigrar ás outras especies ou pavos ordinarios.

5. Coidar a plumaxe con primor e exhibila á menor provocación ou adulación.

6. Inchar o peito ao mesmo tempo que se inicia o despregue plumáceo.

7. Saber fuxir emitindo sons guturais en caso de que as cousas se poñan feas e haxa que disolver inesperadamente a Academia.

sábado, agosto 28, 2010

Xacobeo kitch


Cando Umberto Eco intenta explicar na súa Historia da fealdade o que é o "kitch" e o que é o "camp" non pode evitar facer referencia ás clases sociais, xa non só determinadas polas condicións económicas ou educativas senón de puro sentido estético (a experiencia estética escapa ao nivel académico). A maioría das veces, o colmo do mal gusto non é por causa da pobreza, senón máis ben consecuencia da riqueza brutal que se quere exhibir en obxectos de excesivo valor económico, esas cousas caras –e perfectamente prescindíbeis– de gusto rechamante. O colmo do kitch poderían ser tanto as mansións de rosa Porriño estilo pazo, co cruceiro sen encrucelada incluído, circundadas de bloque e balaústres, coma os regalos finísimos da trama Gürtel–na miña memoria aqueles reloxios hiperbólicos do conselleiro Costa– aos políticos que lles facilitaban os negocios.


Estes días pasados tiven, xunto coa miña familia, unha experiencia estética verdadeiramente impactante, e dígoo sen asomo de sarcasmo. Como é ben sabido, o que un ten diante dos fuciños todos os días non o ve sequera, pero nada máis poñer o pé fóra da casa estase máis predisposto a a percibir o estraño mundo que entre todos construímos. Así pois, antes de que rematasen os días de descanso oficial, saímos da casa sen destino determinado e sen reservas de ningún tipo, como quen di, á aventura e moi dispostos á interacción estética coas novidades da zona a explorar. Ás nove da noite estabamos nunha vila galega mediana buscando aloxamento e este apareceu, ao segundo intento, nunha pensión ao lado da principal e ruidosa vía de acceso.


A dona do establecemento mostroume as habitacións facendo fincapé na, para ela, encantadora decoración que as caracterizaba: "esta é preciosa e aos nenos vailles encantar" ou "desde logo, é unha habitación moi acolledora" foron algúns dos comentarios que acompañaron ao primeiro contacto con aquel mundo coidadosamente –si, podo afirmar que alí había unha personalidade dotada cunha verdadeira vontade estética– creado para o goce dos hóspedes.



Mais, como se verá, os detalles que compoñían o todo estético fóronse revelando en toda a súa potencialidade cando xa estabamos instalados. De cada curruncho xurdía un novo impacto, formando en pouco tempo un entramado complexo de relacións capaz de illar ao receptor do mundo exterior.


A todos eles habería que engadirlles o efecto dun fortísimo ambientador que intentaba disimular o cheiro dos canos e só conseguía potencialo ata a embriaguez. Non houbo máis remedio que renunciar a este efecto especial interrumpindo o sono no medio da noite para expulsalo ao corredor e deixar que emanase, puro e sen adobío: unha auténtica experiencia "camp" naquel universo "kitch" da que non estou moi segura de estar totalmente recuperada.