Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, setembro 30, 2009

Tránsitos



Dentro é escuro e os sons chegan amortecidos. Móvome seguindo un ritmo profundo e imposible de ignorar, pum-pún, pum-pún, pum-pún. É un corazón, agora seino, un corazón que está fóra e está dentro. O ritmo acelérase e empúxame, aprétame. non, así non, quero coma antes teño medo por aí non vou non hai para agarrar por que medra o pum-pún, pún, pún, algo está pasando e apreta moito vanme papar esmagar primeiro logo papar en anaquiños eu quero estar enteira non en anaquiños non podo ir a contracorrente o fluxo arrástrame hai que pasar que pasar puún facer forza a favor do fluxo ou nin adiante nin atrás ou partida en anaquiños nunca máis enteira nunca máis o ritmo tranquilo amortecido abalando o fluído que me protexe vou saír por un buratiño estreito non quero estanme botando imperativamente. Non, dou a volta, pelexo por abrir os ollos e espertar, non por saír, por espertar porque estou durmida e teño febre.

terça-feira, setembro 29, 2009

Actualizacións I


–Escoitame ben, Borrallenta, e deixa de dar voltas, muller, que mareas a unha, vouche facer unha chamada perdida nalgún momento da noite; en canto a escoites ponte de camiño enseguida porque en dez minutos a carroza convertirase en Noitebús con esmorgantes e vomitonas, o traxe en chándal vello con lamparóns de graxa e as chanclas refulxentes en lorchos e vas pasar moita vergonza diante dos selectos convidados. Faime caso: non abuses e quedarás divinamente prendida na súa memoria. Non fagas caso de nada, que te busque se quere no Google.

segunda-feira, setembro 28, 2009

Si que si



A princesa de Bande decidiu reunir no chateau dos outeiros a toda a súa corte nun festorro, se non do século polo menos do ano. A cousa prometía de verdade: nos días previos non se falaba doutra cousa e o face [féjs] ardía de expectación.

Pero a pobre Borrallenta non podía ir: despois de traballar todo o día descubriu que se ben tiña un traxiño apañado e tiña carroza... as zapatillas non valían para ver. Remendada aínda bueno –ademais era tendencia de tempada– pero lixosa iso si que non. Encomendouse á súa Dama Protectora e esta fixo aparecer unha preciosas chanclas con letelliñas de plástico nas tiras, coma o cristal refulxentes, debaixo dunha cama.

E entón si que si!

sábado, setembro 19, 2009

Onde os amorodos salvaxes se chaman careixós


A protagonista-heroína do artigo de Manuel Rivas de onte ten en común comigo que de pequena pasaba grandes momentos apañando careixós e, polo tanto, tamén ten en común a mesma área dialectal. O dos amorodos salvaxes parece unha tradución literal do título en castelán da película de Bergman.

Non sei en sueco Smultronstället, mais en galego, o adxectivo "salvaxe" engadido a careixón ou amorote ou amorodo soa curioso; é coma se Mia Couto escribe que un dos seus personaxes se adentra no mato e atopa un leopardo salvaxe. Dentro de pouco o "salvaxe" será tan raro que o normal será ser leopardo de granxa e careixón de invernadoiro do mesmo xeito que o robalo de piscifactoría é o que un/unha pode agardar cando o pide nun restaurante. Se cadra por iso na lingua popular quedaron os termos autóctonos prerromanos para a variedade endémica do país e o termo latino para as variedades cultivadas, evitando as precisións adxectivas.

Haberá careixós en Castela? Nin idea, habería que preguntarlle a Delibes, o único dos escritores en castelán que pode ter ese tipo de competencia lingüística. Dígoo porque o de "salvaje" aplicado a bichos e plantas que nacen e medran á marxe dos intereses humanos pqaréceme a típica expresión de "urbanita" e se cadra no castelán popular rural perviviu algunha forma semellante ao noso "careixón" que ninguén se preocupou de recoller nun dicionario.

O único, pois, que nos pode librar da cursilería é ou andar o país e falar coa xente como o facía Delibes ou consultar o Atlas Lingüístico de Galicia de cando en cando, entre novela e novela. Se lingua é a ferramenta dos escritores, deben tela ben afiada, en orde e sen po.

terça-feira, setembro 15, 2009

Citas textuais

Colleu o libro e abriuno ao chou. Pasou unhas cantas follas adiante e atrás ata que atopou o que buscaba.

–"Tiempo de amor. Mayo. Hoy llueve y hace un tiempo húmedo. Estuve en Nechranice para comprar más rosas, y me encontré con Tesar, él no me reconoció, yo a él un poco, y luego, al día siguiente, me mandó un saludo a través de cierta señora con la que anduvo un trozo de camino..."

Parou de ler e levantou os ollos. Ela choraba.

–Non te preocupes, muller, xa ves que todo isto vai pasar. Dentro dunhas semanas vaste rir de todo. Palabra de Bohumil Hrabal.

Colleulle a man e cando viu que acougara un pouco ergueu o seu vaso.

–Brindemos polo vello borrachín.

–Cando te levantaches da mesa pola tarde non puiden evitar ir mirar o libro que deixaras enriba da mesa. A xente que le meréceme todo o respecto e se o que le me gusta, como neste caso, ten a miña simpatía.

–Non sei que dicir, ademais de grazas. Vou ter que marchar e buscar un sitio para durmir. Nestes momentos síntome coma unha náufraga.

–Pois aos náufragos hai que acollelos e reconfortalos; son as vellas leis do mar. Podes quedar aquí esta noite e mañá xa se verá.

–Non vou ser moi boa compañía. – acabou o gin tonic e dubidou– Ou se cadra tampouco tan mala. Pon, logo outra copa, imos acabar de recoller o bar.

Mentres levantaban as cadeiras que quedaban e recibía instrucións para coller e preparar os útiles de limpeza observaba ao seu amigo, o lector de Hrabal, con curiosidade. Antes, pola tarde, cando a atendeu, non lle chamara a atención. Era máis xove ca ela, iso resultaba evidente, e aínda conservaba unha especie de flexibilidade de animal novo nos membros. Imaxinouno correndo pola praia de cara ao mar, chimpándose de cabeza coma un golfiño. Estaba moreno, seguro que o facía todas as mañás, que o faría mañá pola mañá cedo. Prometeuse estar atenta, axexar o momento en que se erguese para cumprir o ritual do baño.

–Que pasou?– achegáraselle por detrás –Xa te cansaches? Se queres senta que remato eu.

–Ah, non, non, quedei apampada. –Díxollo virando a cabeza cara a el e, sen querer, os seus narices case se tocaron. El púxolle as mans nos ombreiros e achegouse un pouco ata rozala suavemente.

–Vale, pois se ti varres, eu paso a fregona.

O traballo fixérono rápido e alegremente. Sen as cadeiras no chan o bar parecía moito máis amplo e poñerse a bailar pareceulles o máis natural do mundo. Bailaron abrazados, ulironse o pelo, xuntaron as meixelas e bicaronse de vagar. A cama estaba nunha pequena habitación traseira. El intentou arranxar precipitadamente a desorde das sabas e ela axudoulle. Fóronse quitando a roupa un ao outro pousando as prendas en dous montonciños separados. Dixéronse palabras ardentes pronunciadas nunha caricia dos beizos. Ela colleulle as mans e guiounas polos recunchos segredos do seu corpo aprendéndolle os camiños do seu pracer. Logo deixou que a enlazara fortemente ata sentir os arreguizos da súa éxtase. Os amantes descansaron un no outro tenramente escoitando o devalar da marea.

–Mañá ireime sen dicirche adeus. Por favor, queda co libro


Porque unha rosa é unha rosa


Fai hoxe un ano saía á luz o blog de Lándoas (ou Casas). Aquel experimento, supoño que dunha noite de insomnio, en pouco tempo converteuse nunha das páxinas de referencia do blogmillo e conseguiu ser nomeado para a distinción "mellor blog literario" que outorga a AEGL.

Eu penso que Lándoas (ou Casas) nalgún momento sentiuse desbordado pola acollida e expectativas que xeraba cada nova entrada e mesmo tivo momentos de dúbida e reflexión no deserto (un pouco menos de 40 días, que o bloguismo engancha e o sangue ferve).

Doce meses van alá, diseccionando a realidade política, reflexionando sobre literatura, ofrecéndonos textos pouco accesíbeis: doce meses blogando porque un fascista é un fascista e unha rosa é unha rosa e hai que ter peito a chamarlles ás cousas polo seu nome ou se non para que raio nos vale a ciencia semiótica?
De hoxe nun ano, unha ducia de rosas para Lándoas!

segunda-feira, setembro 14, 2009

Gin tonic


A decepción facía os seus membros pesados. Os pés arrastrábanse pola area e os brazos case lle chegaban aos xeonllos, ou polo menos esa era a súa impresión. Na praia non quedaba ninguén e abrazou con alivio aquela soidade mentres intentaba calmar a respiración que se precipitaba nun pranto contido e seco.
Non era a primeira vez que experimentaba unha decepción semellante. Nin moito menos. Un plantón logo maquillado como malentendido era algo recorrente no seu historial amoroso. Cada vez doía máis; un novo golpe no xa mallado, debía ser iso. Pouco a pouco foi baleirandose de todas as ilusións coas que empezara a xornada. Intentaba recoñecer algún indicio que lle pasara desapercibido que puidese adiantar unha posible decepción. Non atopou; a voz del cantaba aínda nos seus oídos con expresivo optimismo. Veuno de novo recortándose na posta de sol que os dous querían prolongar infinitamente.

Deixou que a marea subise case ata lamberlle os pés. Púxose en pé e foi andando cara ás luces do primeiro bar. Na terraza xa non quedaba xente e un mozo ía recollendo as cadeiras e poñéndoas do revés sobre as mesas. De dentro chegaba unha música brasileira moi suave que non soubo recoñecer. Estaba tan concentrado que pegou un chouto cando a viu.

–Desculpa. Non te vira.

Ela tentou un sorriso.

–Entrei sen anunciarme.

Miráronse un momento sen falar e el ofreceulle unha cadeira.

–Querías algo?

–Non sei, se estás recollendo... se cadra veño molestar.

–Sempre se pode facer unha parada. O negocio é o negocio.– Quedou mirándoa mentres se ría, agora si, con certo alivio.

–Viña pensando nun Gin tonic.

El foi ata o mostrador e colleu dous vasos. Cando os tivo listos a música parou.

–Música ou silencio?

–Música. Xa volvín do silencio.

Rebuscou e soou a melancólica voz de Elis Regina.

–Tes unha boa colección de música brasileira.

–E ti xa estiveches aquí antes, verdade? Alí mesmo, lendo un libro.

–Lendo e facendo que lía. Facéndo o tempo para nada; deixáronme colgada na illa.

Levantou o vaso e achegouno ao del.

–Pola marea, que sobe e devala, sen faltar á cita!

Beberon e escoitaron respectuosamente o silencio dos seus corazóns.

domingo, setembro 13, 2009

Cercáronme as ondas

A idea de vérense na illa soou nos beizos del coma música celestial. Interpretouno como a promesa de compartir un anaco de paraíso á marxe de todo, sen obrigas, sen convencións, sen testemuñas incómodas. Unha labarada inquieta subíalle polas pernas cando imaxinaba o tempo así ofrecido: a alegría do encontro, a conversa despaciosa, a complicidade das almas, a disposición dos corpos.

Dispuxeron que collerían a lancha a horas diferentes para evitar encontros inoportunos e atoparíanse nun dos bares que había na praia principal á tardiña. O resto quedara sen pactar, engadíndolle unha boa dose de expectación á cita. Ela quedou de ir primeiro coa escusa de aproveitar os derradeiros raios de sol tumbada na area cun libro, mentres agardaba a hora do encontro. A aquelas alturas do verán había xa pouca xente na praia e un pertinaz vento nordés levantaba a area desagradabelmente, polo que decidiu abandonar o lugar antes do previsto e ir indo de cara ao bar. Alí, protexida do vento por unha fea mampara de aluminio e cristal, estaría máis tranquila. Pediu un café con xeo e abriu o libro.

A chegada da nova lancha baleirou por uns minutos o bar e de alí a pouco volveuno encher. O seu amigo non viñera por agora. Agardou mirando nervosa para a porta cada vez que sentía que se abría. Nada. Perdería a lancha. Mirou o reloxio. Tería que agardar unha hora máis a chegada da seguinte, que sería a última. Iso supoñía un problema, posto que os obrigaría a tomar a decisión de quedar ou volver precipitadamente, nada máis desembarcar el na illa. Unha situación inesperada, pero que axiña decidiu que podía ser dobremente excitante.

Levantouse lentamente e foi cara aos servizos. Preparouse para o encontro: lavou a cara, puxo un pouco de rimmel nas pestanas e pintou os beizos, pasou un peite polo cabelo e botou unhas gotiñas de perfume na culixa. Sorriulle ao espello; tanta espera estaba conseguindo alterala.

De volta para a mesa pediu no mostrador unha cola fría. Non puido ler máis, aínda que o intentou. Quedou por un momento ensimismada mirando ao mar, que xa empezaba a poñerse alaranxado co sol suspendido a rente do horizonte. A agullas tardaron en darlle a volta á esfera do reloxio, pero por fin chegara o momento de erguerse e ir cara ao embarcadeiro.

Agardou con verdadeira impaciencia a que baixaran todos os viaxeiros, moi poucos, algúns turistas que durmirían na illa e uns poucos empregados de hostelería que viñan a cumprir os seus turnos. Logo contemplou indiferente como entraba na embarcación un tropel de xente que daba por rematada a xornada de lecer na illa. Quedou parada sen poder reaccionar. Non sabía en que grupo integrarse. O barco foise e ela non se moveu ata que o perdeu de vista.

Xa case era de noite. Levou instintivamente a man ao bolso e comprobou que tiña a carteira. Tropezou co teléfono móbil e sacouno. Tiña unha mensaxe: "Non puiden ir. Síntoo. Vémonos mañá." O corazón galopáballe no peito. Tivo ganas de esmagar o teléfono, pero o que fixo foi borrar a mensaxe e o número na axenda de contactos antes de gardalo de novo no bolso. Aguantou as bágoas tremendo nos ollos e logo, coidadosamente, foinas secando cun pano de papel sen refregar para non estragar o rimmel.

Sentiu que o vento lle levantaba a saia mentres camiñaba cara á praia e non lle importou.

sábado, setembro 12, 2009

Tardiña


Á tardiña quedaran de verse nun dos baretos da praia: unhas cervexas para acompañar a posta de sol soaron a música celestial nos seus oídos.
Chegou ela primeiro e moveuse entre as mesas da terraza que daba ao areal buscando un sitio. Non había. Decidiu entón baixar á praia e dar un paseo para facer o tempo.

Aínda quedaban algúns nenos rematando as súas obras na area húmida; dentro dunhas horas a marea lamberíaas suavemente. Unha onda chegou inesperadamente xusto ao seu pé, ela deu un saltiño asustado e recuou un pouco. O nenos agora abandonaran o traballo e observaban atentamente o avance do mar cunha mistura de aprensión e de desexo impaciente.

Seguiu andando lentamente e de cando en cando miraba para atrás. Cando volvía buscou o móbil no bolso, pero non o atopou. Púxose nerviosa. E se chegara e ao non vela se fora? E se a estivera chamando ao móbil sen recibir resposta? Apurou o paso.
No bar non estaba. Agora había mesas libres, pero pensou que era mellor ir ao coche a buscar o móbil e ver se había mensaxes. Foi correndo. O corazón batíalle feramente no peito. No coche estaba o móbil, pero non había mensaxes. Chamou ao seu número pero non tivo contestación.

Volveu ao bar. Preguntou aos camareiros. Nin idea. Deulle unha volta enteira á praia. Xa era de noite, estaba suando e tiña ganas de chorar. Chorou pousando a cabeza contra a porta do coche, abría a porta cando sentiu o aviso dunha nova mensaxe. Tremíanlle as mans.

"Síntoo; non puiden ir"

Buscou o seu número, quedou mirándoo uns segundos e borrouno da axenda de contactos. Agora si que ía tomar esa cervexa.

terça-feira, setembro 08, 2009

Celanova era un souto


Foto de Ricardo Orxeira (atopada casualmente na rede e collida sen permiso)
Grazas, Ricardo, non podería atopar nada mellor para ilustrar o post.

Xosé Ramón Barreiro o domingo espetou unha landra. Non lle farán falta moitos coidados porque o fixo en terra fértil, agora só ten que chover e quentar o sol no seu tempo e a landra xermolará e sairá á luz facendo unha graciosa vara que co tempo será un carballo de porte maxestuoso. Foi un xesto fermoso: chantarse firme fronte aos que levan meses afiando os machados para profanar o souto e espetarlles a esperanza dunha landra.

Barreiro dixo que o facía naquel souto sagrado de poetas rebeldes porque era o que lle correspondía a el, como varón asinalado do reino, e porque, como algúns apuntaron despois, xa na idade provecta, pouco pode temer.

Nos alí presentes seique houbo sorpresa e tamén estupor: foran presenciar un novo capítulo do idilio do goberno coa intelectualidade galega e soara unha inesperada labazada xusto ao comezo do baile. Deste xeito, uns aplaudiron a Barreiro postos en pé e outros mirábanse cos ollos moi abertos encolléndose na cadeira.

O presidente seductor, noqueado mais cun sorriso equívoco nos beizos, na súa resposta atívose ao guión inicial e falou de harmonía e de xuntos e anestesiados cara un futuro moi bonito.

Algúns dixeron que preferiu o ton conciliador á confrontación que lle serviran e que a vinganza se serve fría. Eu penso que sabe dicir moi pouca cousa sen guión escrito e que as pernas lle tremeron un pouquiño e poida que sentise ganas de ouriñar cando ordenaba os papeis na palestra.

domingo, setembro 06, 2009

Fin de festa II



–Ole a domingo pola tarde– dixo o neno –o que pasa é que mañá non hai escola.
Dío con alivio: ole a domingo pola tarde e non medra a angustia no seu peito.
O sol desaparece máis axiña detrás das árbores; é un aviso. Habería que emborracharse destes últimos raios de sol sen culpa.

–Déixaa durmir un pouco máis– dixéchesme mentres dubidabamos na porta do dormitorio– non ves como lle está prestando?
Ela remexeuse e virou as costas para o outro lado. Seguro que nos escoitou. Sabe que non a vou espertar, mais entendeu que ten que espertar. Poida que caia de novo nun profundo sono culpábel.

sábado, setembro 05, 2009

Antollo mariño


Quero un vestido con estas tonalidades: do amarelo ao verde escuro con frebas acastañadas. Ten que ser de corpo liso e cinguido subindo da cintura ao peito nunha textura brillante e mollada coma a desas algas que parecen longas correas que se esgallan de repente en moitas fitas e a cor, logo, coma a desas algas, debe ser oxidada.
Non, palabra de honor non, un amplo colo barco e abertura profunda ata as costas.
A partir do van xa a textura do tecido irá gañando lixeireza para darlle movemento ao cunxunto; unha gasa de seda moi fina sería ideal e a cor enriqueceríase en mil tonos superpostos verdes e dourados. Apunta para esa parte unha gasa de seda delgadiña que vaia aumentando volume e remate escumosa á altura do xeonllo.
Ti fíxate nas algas. Iso é: unha saia de algas é o que che estou pedindo.
Nada de lazadas, non, o que si quero, podendo ser, é que, ao eu pasar con el vestida, se sinta o frufrú das ondas ao retirarse.

quarta-feira, setembro 02, 2009

Fin de festa

Rematan as vacacións para a maioría da xente; eu non teño claro se para min tamén. Poñamos que si, que remataron, que teño que organizar unha rutina axeitada para traballar moito nos próximos meses e que estou en proceso de adaptación a marchas forzadas. Poñamos que non só teño unha ducia de polos acaponábeis, senón dous máis de regalo e que para decembro xa terei que empezar a vendelos na feira das vaidades. Poñamos que cada capón dos da ducia consigo vendelos a un prezo razoábel e que aínda me queden os dous de regalo para o conxelador doméstico. Ai que felicidade, xa podo durmir tranquila!

segunda-feira, agosto 31, 2009

Embodiment



Seique non, que non é a alma a que está encerrada no cárcere do corpo, que é xusto ao revés: o corpo está encarcerado pola alma que lle impón límites, doméao, moldéao, codifícao, disciplínao, con durísimos castigos se é necesario.
E este corpo que eu vexo –reflectido no espello, recollido polo obxectivo da cámara e pegado na pantalla mentres escribo un texto– debe ser o meu corpo, o punto de partida de min mesma, o produto da bioloxía, dos meus sucesivos procesos de socialización –lazadas incluídas– e mesmo da problemática designación lingüística-simbólica de que é obxecto. Este corpo, finalmente de muller, que son eu.

sexta-feira, agosto 28, 2009

Lazadas

Eu era unha nena querida que compartía xogos na aira co meu irmán pequeno e facía moita psicomotricidade fina devagando fabas e chícharos coas avoas. Tiña tamén algunha boneca que todos os días decapitaba e todos os días aparecía de novo coa cabeza recolocada enriba dun saco de trigo. Levaba o pelo curtiño, porque, segundo a miña nai, era moi práctico. O mesmo ca hoxe, poucas nenas levaban o pelo curto daquela.
Só era consciente da miña anomalía moi esporadicamente, por exemplo, cando lle preguntaban á miña nai se a nena do par era o meu irmán ou cando iamos á casa das primas, de sedosos cabelos ondulados. A miña tía solucionaba o problema colocándome un gran lazo branco ou azul ceo no pelo e vestíndome de "anxo" con ás de algodón canda as demais. Neses momentos sentíame realmente "anxo" e case voaba ao saltar desde o murete do adro, tan linda me vía eu perfectamente sexuada.


Un día comprei un vestido azul moi sinxelo, como de costureira, co que me sentín como cando a miña tía me poñía lazos no pelo.
-A que é bonito?- Pregunteille mentres llo mostraba.
-Moi bonito, pero ven aquí un momento.
Achegueime, desatou a fita da cintura coa típica delicadeza lenta masculina e fixo unha coidadosa lazada.
-Agora si que estás bonita!

O muro, ese muro



Ese muro non se fixo nun día nin en dous. Fíxoo un home e unha muller, unha pedra por riba doutra. Tiveron que buscalas axeitadas, o máis axeitadas que lles pareceu, e foron poñendo masa de terra e auga polo medio, para que se agarraran e non esborrexeran á primeira. A masa secou e endureceu, e as pedras buscaron o seu acomodo.
E pasaron os días e as estacións e chegaron os temporais enrabexados do suroeste que foron lambendo area a area a terra de entre as pedras; mais estas seguiron unha por riba doutra, apoiándose e dando apoio firmemente.
O tempo fixo do muro un encaixe, a través do cal se pode ver o mar e o ceo, de pelouros redondeados polo que se coa o vento.
A terra que levou xa non facía falta ningunha.

quinta-feira, agosto 27, 2009

Suntuoso tapiz



Suntuoso tapiz? Suntuoso?


si

si

si

explícome

é abundante

espeso

ten moita variedade de especies aí apretadiñas


Xa, xa sei o que significa a palabra, grazas.


ten un colorido fantástico

eses violetas e diversas tonalidades

salpicando aquí e alí superficies extensas

ese luxo de texturas e colores


Tes que lle poñer un texto.


parece mol pero pincha

son incapaz

estiven mirando e mirando


É un reto, inténtao.


e penso que ata lle sobra o título

e o máis alucinante é que por baixo desa superficie

hai un mundo

con moita bichería


Estás xa facendo aquí o texto, pásao.


é suntuoso precisamente porque non regatea nin en condicións extremas de vento e sal a que está exposto

é un derroche moi ben aproveitado



Entendiches?





quinta-feira, agosto 20, 2009

Teño, teño, teño... xa non teño nada



"Yo tuve tres guileras, chaval... Mira, la primera me la cogieron, la segunda la llevó la pikola y la tercera me gripó tres veces y la vendí"

terça-feira, agosto 18, 2009

Determinismo étnico


Hoxe nas estanterías dos iogures abordoume unha muller duns 30 anos vestida cunha camiseta de tiras, que deixaba ver unha tatuaxe nun brazo, e un pantalón curto. Era morena, máis ou menos coma min, co pelo recollido nunha coleta e un aire de determinación que me chamou a atención.

–Oye, estos yogures son azucarados?
–Non, os azucrados son estoutros.
–Y valen lo mismo?
–Si.

Colleu o paquete dos iogures azucrados e seguiu tranquilamente facendo a compra.

Non sabía ler.

quarta-feira, agosto 12, 2009

Editoriais, libros, libreiros e lectores abraiados



Hoxe recibín unha carta dun amigo que me fai unha suxestión interesante, que en principio pensei en aproveitar facendo un escrito propio, pero que ao final transcribo aquí con toda a súa forza porque me parece que achega cuestións cruciais do campo literario galego de hoxe mesmo expostas dun xeito moi directo:

"Xa lin a recensión e oín a entrevista. Moi ben na recensión esa reivindicación da afouteza das nosas editoriais, moi necesaria neste país de pailáns. Hoxe cabreeime porque fun a unha librería comprar o Mombars (compro todo o que me recomendas) e vin os libros de Domingo Villar (sabes?, Ollos de auga, A praia dos afogados) colocados en castelán (Ojos de agua, La playa de los ahogados) na mesa de novidades. Os orixinais galegos nin estaban na sección de "linguas" onde está "galego". O mesmo me pasou o outro día en Santiago. Curioso. Cando unha novela galega ten moita venda e se traduce ó castelán, pasa a ser un orixinal nesa lingua. Non sei que fan os autores e se isto lles causa algunha incomodidade ou non: se cadra están contentos con esta librofaxia e cáelles a baba cando son recoñecidos polo mundo editorial español (estas traducións en Siruela xa sabes que campan moito).

Con recensións coma a túa, a ver se espabilamos. O mundo dos libreiros é ben paleto, dígoche a verdade. Moita librería pero pouco coñecemento dos libros. Por que non pos algo en Facebook? "Paseando o outro día pola Atenas de Galicia... ocorreume un caso propio de poubáns porque a poubanía inza este país e outros, tamén...."

Gústame o Hixinio Puentes. Fala ben. Hoxe comezo co Mombars... Sempre tiveches bo ollo para cazar as boas novelas. A B. tamén lle gustou".

Non vou engadir nada máis. Con isto temos para pensar e para empezar unha saborosa polémica, se temos xenio e vagar para facelo agora que por fin chegou o verán.

Saúdos