Número total de visualizações de páginas
quinta-feira, julho 27, 2006
Sen cancelas
Hoxe síntome co poder dunha formiga.
domingo, julho 09, 2006
Deserción
Esta nunca vola contei, aínda que hai tempo que a teño apuntada, coma para facer un conto con ela. Pero hoxe quero contala así, ao bruto, tal e como a lembrei ao pouco de morrer a miña avoa Xoquina.
Eu era pequena, pero non sei canto...non conservo referencias para ser máis exacta. Os meus avós eran aínda novos e gobernaban a casa. Sempre traballaban xuntos, sempre miraban na mesma dirección. Poida que fose decembro ou quizais febreiro porque o día antes matárase un porco e levaban toda a tarde despedazándoo. Xa era de noite: no inverno logo é noite aínda que sigamos dicindo que é pola tarde. Estabamos no alprende do curral e eu miraba como ían colocando a carne nunha saba que puxeran enriba do carro. Era un ritual fascinante que non sempre me permitían ver. Meu avó non quería que os nenos vísemos a mata do porco, argumentaba que toda esa crueldade podería causarnos un trauma e levarnos a imitala. Hai que preservar aos nenos do horror... o porco enteiro colgado do teito da bodega tamén era un horror que eu evitaba, pero agora o porco non eran mais que pezas de carne que pronto serían comida. A pesar disto eu estaba un pouco sobrecollida.
Inesperadamente, a miña avoa díxome que tiña que quedar coidando a carne mentres eles ían preparar o baño de sal. Deume unha aguillada para que tornara os cans que andaban por alí. Quedei soa coa carne. Un carro de carne: as costelas, os touciños, os xamóns...a cachola inutilmente feroz de dentes arregañados. Tiven medo da escuridade, dos ladridos perdidos na noite, pero sobre todo da carne, e tremín coa miña aguillada no alprende, diante do carro.
Botei a correr polo curral arriba e metinme na casa de Pilarita. Chamei por ela chorando. Baixaron as escaleiras e acolléronme moi cariñosos. O home estaba en camiseta, coa cara laporetada de xabón de afeitar e a Pilarita fíxenlle gracia. Pero pouco me durou a felicidade, porque xa entraba pola porta a miña avoa feita unha furia. A carne, abandonada, sufrira o ataque dun can ou de dous cans e eu era a nena máis tonta e desgraciada do mundo, se me collía esgazábame que non merecía outra cousa. Volvín a chorar moitísimo, escondida nas saias da miña valedora.
terça-feira, junho 27, 2006
A fonda do Sopapo
- Queee, xa vides outra ves á fonda do sopapo?
Ao principio nin caso, pero a broma repetíase unha e outra vez e empezaba a non ter graza. Non víñamos acaso á nosa casa? Xa nos quería botar, ou?
- Es ben tonta- dicía entón a miña avoa. Dío pola Fonda do Sopapo, non sabes o que era?
A cousa poñíase interesante...
A Fonda do Sopapo era o sitio onde paraba sempre o noso bisavó fogoneiro en Barcelona mentres agardaba para embarcar ou descansaba dalgunha travesía antes de coller outra. Chamábase así porque a dona, que era unha muller de armas tomar, esixíalles aos hóspedes que lle entregaran o diñeiro todo no momento de entrar na súa casa. Ela administrábao honradamente, reservándose o que lle debían e encargándose persoalmente de enviarlle o resto ás súas mulleres antes que o gastasen en puterío e borracheiras. Se non se aviñan ao trato non entraban na casa e se algún dos seus fieis lle chegaba borracho e non entraba en razóns, arremangáballes un sopapo, poñía os cartos a salvo e logo... ¡a durmila! A patroa da Fonda do Sopapo era ao final para todos aqueles lobos de mar un anxo da garda que velaba polo benestar dos seus fillos, que facía posible a compra dunha leira ou o amaño da casa e daba seguridade a aquelas mulleres que quedaban soas coa vida ás costas. Por iso, nos momentos de lucidez, todos veneraban a aquela entrometida mandona e, cando desembarcaban no porto de Barcelona, sobrios ou bébedos, poñíanse baixo a súa protección.
Se fora hoxe...dáríanlle o Príncipe de Asturias da Concordia ou algo así?
terça-feira, junho 20, 2006
mercurio-Venus-a terra
sábado, junho 10, 2006
Ferocidades domésticas
Carapuchiña é unha nena doce e xeitosa, só ten un defecto: é unha lingoreteira e fala con calquera, mesmo con descoñecidos. Ela foi a que trouxo ao lobo á casa "coñecino polo camiño, avoa, non te enfades, está famento". Famento e esfarrapado, diría eu, quen sabe que tipo de vida levaba aló no monte.Porén, desde que entrou na casa era todo mel. Abríame a porta do curral para que pasara eu antes, sacáballe o esterco aos porcos, separábame a cadeira para eu sentar...e se lle dicía grazas sempre contestaba "as que ti tes". Unha vez bañado, o seu pelo tornou brillante e suave, dentro da súa natural dureza. Non, nunca chegou a semellarse á la de ovella. Carapuchiña ía e viña da súa casa á miña, pola Corredoira Vella, pola Pedra do Couto e o Camiño Real case todos os días. Unhas veces traía requeixo, outras pan de trigo, se cadra unha botella de viño, e moitas viña só a que eu lle dera a merenda. Aquel día trouxome o lobo e logo marchou. Logo duns días, xa vos digo, o lobo domesticouse moito e pedíame aloumiños coma un gato. Unha noite tivo o atrevemento de pasarme o rabo polas pernas mirándome fixamente. Cando fomos para a cama, abriume a porta da miña habitación e despois meteuse el. Non me resistín, a min tamén mo pedía o corpo. Había tanto tempo que eu non...Ai! Un día Carapuchiña chegou cedo de máis. Entrou coma unha tola na habitación e atoupounos en plena función. Os ollos de Carapuchiña non puideron abrirse máis, deu un chío de paxaro e saiu a todo canto lle daban as pernas: "o lobo come á avoíña, o lobo está comendo á avoíña". Estábame comendo, estaba, e a min prestábacheme ben. Pero o lío xa estaba armado. Case non nos dera tempo a recoller cando apareceu a Garda Civil na casa armando un escándalo do demo. O meu lobiño tiña o rabo entre as pernas, as miñas pernas, cando recibiu o primeiro disparo. "Alto ou disparo", e non se movera, meu pobre. ¡¡Asasinos, fillos de puta!! ¡¡Entrometidos do carallo!! Nunca vou esquecer a túa mirada de animal sobre min, lobo. Xa non quero vivir maís coa xente, bótome ó monte, fágome fera, ataco canallas de uniforme. AAAAAUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUU!!!!! Meu lobiño lindo:
Espero que te vaias recuperando do disparo nas costas que che deron aqueles brutáns. Espero moi pronto sentir o teu rabo nas miñas pernas (aquelas caricias que me gustaban). Venme buscar á fraga. Agora a fera son eu e necesito domesticación. domingo, maio 28, 2006
Careixós
A miña avoa traíanolos sempre cando viña das leiras e era o presente máis desexado por nós. Logo aprendín os sitios deles e con outros nenos pasaba as tardes buscando entre as herbas o seu fulgor escarlata. Primeiro apañabamos e logo comiamolos ás mans cheas.
Os careixós forman parte do meu imaxinario infantil, primeiro por experiencia (recibilos, buscalos, saborealos) e despois por unha ilustración enmarcada que había na sala da miña casa, no espacio de respecto, xunto ó reloxio de parede, o chineiro e a cómoda. A ilustración representa a a Carapuchiña Vermella nunha espesa fraga en animada compañía do lobo. Podería ser un locus amoenus se a escuridade do fondo da estampa non dera un pouco de medo. Non polo lobo, quero insistir nisto, que parece moi amiguiño da nena dándolle ao rabo entre as súas pernas.
Na parte inferior e en primeiro plano, vense claramente, entre o tapizado verde da herba que pisan Carapuchiña e a súa cuase-mascota, unhas vizosas plantas de careixós a plena producción.
As ilustracións da sala, que trouxera o meu bisavó das súas viaxes, eran o máis bonito que había na casa: Carapuchiña co lobo apañando careixóns e unha linda nena gordochiña colocándose un gracioso sombreiro rosa. As dúas teñen sobreimpresa a mesma mensaxe publicitaria:
(Con sorpresa) es el mejor
SAINT MARTIN HERMANOS, Moreno, 750, Buenos Aires
quinta-feira, maio 18, 2006
papanduxas (para pablo e todos os papanduxeiros que aínda queden)
As papanduxas , xunto coas peras cocidas eran unha das industrias favoritas da miña bisavoa. Eu colaboraba: escolliamos as mazás, lavabamolas e metiamolas no forno. Mentres se facía o caldo tamén se facían as papanduxas, logo deixábanse enfriar e eran un rico aperitivo a calquera hora do día.
Un verán veu unha familia vasca a facer turismo rural á casa do outro lado da aira (vir viñan á praia, pero non atoparon nada máis adecuado e acabaron na casa dos veciños). Unha corrente de simpatía mutua instalouse no rueiro entre os forasteiros e os propios. Os nenos, aínda que máis pequenos ca nós, viñan moito pola casa e sempre apañaban ou un cacho de pan, ou unha froita ou unha papanduxa.
Un día saímos eu e máis a nena para a aira con cadansúa papanduxa lambe que lambe. A nai veunos e chamou á filla. Mirou para a papanduxa e berroulle moito por comer nunha "mazá podre". Sen lle facer caso ás protestas da nena, colleulla e cimbrouna nunha silveira. A nena choraba, pero non lle valeu de nada. Desapareceron as dúas na casa do outro lado da aira. Antes de pechar a porta aínda mirou para min como culpándome porque era máis vella e debía coidarlle mellor a nena. Eu, que miraba a escena estupefacta, non me atrevín a desfacer o equívoco e seguín comendo a miña papanduxa, agora xa ostensiblemente, para exculpala de todos os males que inxustamente se lle atribuíran.
domingo, maio 07, 2006
O ruxirrou
Unha vez unha tendeira sacou, mentras me cortaba un pouco de friame, como tema de conversación os paseos marítimos.
- É unha marabilla. Aínda que o bonito sería seguilo pola parte de Cabanas ata Irís, ¿non che parece?
- Pois non, a min os paseos marítimos parécenme unha barbaridade e estragan as ribeiras naturais. As cousas bonitas canto menos se lles toque mellor. Preparar un camiño de terra para poder andar, coidalo e listo.
- Pois a xente está encantada.
- Para pasear non fan falta baldosas. O único que se fai é sepultar a ribeira que había.
- Ó mellor tes algo de razón. Antes desde a miña casa, cando estaba a marea baixa, sentíase o ruxirrou de todo o bicherío que había e agora xa non se sente nada, debeu morrer todo.
Evidentemente, os meus gustos estéticos non influíron nada nos seus, pero regaloume a palabra ruxirrou, que permaneceu na miña memoria ata esta mesma semana, naque outro vilancho a refrescou.
Veu á miña casa a tomar unhas medidas e, mentres o acompañaba curral arriba, empezamos a falar de ghatos.
- Non os podo ver.
- ¿E logho? Non son tan malos, cazan ratos.
- Cazábaos eu a eles! Á miña tía deulle polos ghatos e xa ten máis de vinte. ¡Están en tódolos sitios e non hai quen lles dea coas crías! Aí atrás deron en morrer e botáronme a min a culpa.
- Se acaso tíñala.
- Noooo, eu só matei un, co camión; encendino para darlle atrás e nesto séntese un ruxirrou tremendo. Mi Maaaa! Un ghato que se metera no ventilador. Os outros debeunos cazar os do restaurante chino. Agora pechou e xa volveron inzar.
O ruxirrou xa é voso tamén, ¡disfrutádeo e difundídeo!
quarta-feira, abril 26, 2006
O país dos colchós de lá
Había unha vez unha nena que vivía nun estraño país onde os colchós eran de la de ovella. Eran colchós cálidos e confortables e mantiñan unha estreita comunicación cos corpos que acollían. Moi de cando en cando era preciso desfacer os colchós para deixar airear e espilir a la. O tempo ideal para realizar este labor eran os soleados días de verán ben venteados de nordés. Daquela a casa víase presa dunha actividade frenética: desfacer costuras, varear a la, estendela polo piso do sobrado e deixala asollar. As felerpas de la, vellas e amarelas, sepultaban a paisaxe cotiá. Podería ser unha festa para a nena aquela, pero, inexplicablemente, era un espectáculo horripilante que lle producía pavor. A visión, a posibilidade do tacto e o boreo que se formaba arredor daquelas tristes piltrafas esparexidas por tódolos sitios mantíñana arredada nun curruncho.
-¡Ven aquí, non sexas parva! Teño unha cousa para ti.
Era o pai, sorrindo e ofrecéndolle os brazos. Unha tentación moi forte, pero no medio, interpoñéndose, moreas de la amarela.
¿E se brincara moi rápido, pechando os ollos e sen respirar, pensando só nos brazos fortes do pai, no seu olor, na súa risa ó collela en alto?
-¡Veña...!
Foron varios brincos, unha sensación de repugnancia subíndolle polas pernas acosadas de la esfelerpada, pero alí estaban os brazos amorosos para rescatala. Xa se esquecera da recompensa porque o mellor era ser quen de chegar onda el e ter o seu recoñecemento.
Pero si que houbo sorpresa e un berro altísimo porque diante dos fuciños tiña unha presada de la ofrecida burlonamente polo seu pai para que a metera dentro do vestido. O seu pai tan amado, ¡que contento estaba de completar con éxito a broma e acabar coas aprensións ridículas da nena!
domingo, abril 16, 2006
Cáceres
Nunha desas pequenas poboacións, Abadía exactamente, veu un vello a falar con nós. Contounos unha historia con reis namorados, galerías subterráneas, princesiñas empreñadas malamente, franceses impíos e cristos rescatados da barbarie iconoclasta laica.
-¿De dondes venís?
-De Galicia.
-Ahhh, de allí vinieron los reyes más antiguos de España.
Pro se eles para nós son exóticos, nós para eles non o somos menos. Cada vez que me collían os datos do DNI para inscribirme nun aloxamento armábase. Os catalás son catalás, os vascos son vascos pero o noso é o nunca visto, eu penso que é porque andamos polo mundo como avergonzados. Contoume meu irmá, que andou traballando un par de meses por aquelas serranías, que nunha ocasión empregou toda a súa paciencia en facerlles pronunciar e escribir o seu nome.
-Xoán Xosé
- Lloán Llusep
- No, soy gallego, no soy catalán:Xoán Xosé.
-¿Lloán Ksoksé?¿Pero eso que nombre es?
- Juan José en castellano, Xoán Xosé en gallego. En catalán sabeis y en gallego no ¿eh? Os ponen a andar los catalanes.
E vén outro e empeza a escribir Juan....
-¿Que haces? ¿No ves que no es así?
-Pero es lo mismo.
-Por eso, porque es lo mismo.
E escribiu Xoán Xosé.
Unha pica en Flandes (e moitas en Galicia) hai que ir poñendo.
quinta-feira, abril 06, 2006
O campeiro da Graña
Xa non había clase pola tarde. A Fermín mandárano alinda-las vacas no campeiro da Graña, onda a escola. Facía calor e o aire estaba espeso. A cadela Tula, sentada e coas orellas moi tesas, recontaba dos animais mentres Fermín tentaba sacar grilos dos seus buratos cunha palliña. Axiña cansou de facerlles cóxegas ós buratos sen ningún resultado: os grilos habían estar durmindo. Virou a cabeza á dereita e veu á mestra, dona Dorucha, amañando o pequeño xardín de diante da escola. A filla da mestra, unha nena duns catro anos, aparecía e desaparecía entre os macizos rodeados de buxo. Fermín decidiu achegarse alí.
-Dona Dorucha, ¿pode vir Ana comigo?
-¿E onde ides?
-Aí onda o campeiro.
-Non vos poñades moito ó sol que hoxe esmecha.
Para a pequena Ana nada podía ser máis excitante ca seguir a Fermín nunha aventura. Deixaron á Tula vixiando o gando e baixaron pola boqueira do campeiro ó camiño. O sol de maio era lume pero enchía de vitalidade á multitude de pequenos seres que ruxían agora na Graña.
Un poco máis adiante, á beira mesma do camiño, gornecido de silvas e xestas en flor, Fermín descubriulle á súa amiguiña un exótico tesouro: cascas de mexillón. Rudos moscardóns e atarefadas abellas zoaban sobre aquel magnífico achado, atraídos polo seu cheiro picante.
-Imos facer unha arradio que xa verás- dixo Fermín entusiasmado.
Escolleu unhas cunchas e chascounas coma se fosen castañolas. Logo, con incrible axilidade, atrapou con elas unha abella. Os dous riron a escachar co zumbido rabioso do insecto ó quedar atrapado.
-Toma. Colle por aquí e apreta ben, non vaia a escapar. ¿Va que parece unha arradio?. E ten conta non lle achegue-lo dedo pola beira. Eu vou facer outra para min.
A nena estaba embelesada co seu inesperado xoguete. Non podía afasta-los ollos da estreita fenda que formaban as dúas cunchas ó se xuntaren, xusto por alí vía a boca da abella e o movemento continuo dos seus órganos libadores.
-Parece unha arradio- dixo a nena moi convencida mirando cara ó seu amigo, e axitou a man para volvela a escoitar a todo volume.
Fermín non lle respondeu. Estaba moi afanado na caza dunha segunda abella que, ó parecer, se estaba complicando máis da conta. O enxame alporizárase e non daba feito; era coma se xa estiveran avisadas da ameaza que supoñía o chascar das cascas de mexillón.
A nena volvera a concentrarse naquela misteriosa regaña que deixaba ve-la actividade do seu inquilino. Observaba o dalle- dalle das patas e da boca sobresaíndo naquela escuridade e a intervalos sentía o zunzún das ás.
-¡Xa temos outra!- anunciaba victorioso Fermín no mesmo intre en que Ana achegaba un curioso furabolos á fatal abertura. Non fixo máis que pousa-lo dedo na beira do mexillón e inmediatamente recibiu unha punzante resposta da prisioneira.
Os alaridos de dor racharon o sopor da tarde. As vacas deixaron de pacer, Dona Dorucha deixou o sacho e a abella liberouse por fin do seu encerro. Fermín non sabía qué facer.
-¿Que fixeches? ¿ non che dixera que non metéra-los dedos aí? ¡Burra! ¿Quen che mandaría? Agora hei leva-las culpas eu e a túa nai vaime poñer bon.
Dona Dorucha xa viña polo camiño guiada polos berros da filla con cara de preocupación e paso apurado. Fermín adiantouse á pregunta.
-Traboulle unha abella.
Pareceulle que con aquela explicación era abondo e iniciou discretamente a retirada.
Xa de volta na escola e unha vez extraído o aguillón , Ana contou saloucando a súa frustrada aventura. Dona Dorucha rifoulle por non segui-los consellos de quen sabía máis ca ela e, sen darlle máis importancia ó asunto, volveu ó xardín.
Pero a nena seguiu a chorar sen consolo, co dedo envolto nun gran pano branco que se lle enchoupaba de bágoas e mocos. Á dor da picadela xuntábase agora o ver que a súa nai non se compadecía dela nin a aloumiñaba con palabras de alento e consolo, semellaba que nin sequera escoitaba a súa tristísima ladaíña.
As vacas xa se retiraban unhas detrás das outras guiadas pola Tula. Fermín era unha sombra que o sol da tardiña arrastraba polo campeiro da Graña, a carón da escola.

quinta-feira, março 30, 2006
Saltaparapetos
O saltaparapetos era unha beberaxe que lles daban ós soldados antes de entrar en combate, para que fosen coma ovellas, cegos ó perigo, e para que mataran coma lobos a todo o que se puxera por diante. El nunca bebía. Nin o viño da casa. Tampouco o saltaparapetos, por iso era dobremente consciente do horror da guerra e sabíao transmitir cando contaba os centos de avoitres devorando cadáveres abandonados, ou os saqueos salvaxes ordenados polos mandos. Sempre sobrio, estudando a maneira de safarse daquilo.
Nunha ocasión, un veciño co que coincidía pediulle o seu saltaparapetos. Deullo e a dobre ración salvoulle a vida: estaba tan borracho que non puido ir canda os da súa compañía e cando espertou era o único vivo.
Ó meu avó ferírono con metralla nunha perna, sempre ensinaba a cicatriz, e xurou que non volvía ó inferno. Arriscouse a que lle amputasen a perna pero saiu coa súa.
sábado, março 18, 2006
Curral kitsch
Ai!
terça-feira, março 14, 2006
Os meus posmodernos preferidos
Pés fríos, xelados, doridos.
Ti non estás. Eu non estou.
O autobús non para.
¿Por que daquela me cabreo?
Falta de madurez en min, en ti, no chofer, no autobús
e na marquesiña.
Lóxica atropelada.
Media hora máis tarde chega outro autobús, igual pero
maduro.
Para.
Subo e séntome nun sillón cortado a navallazos e no que
pon puta puta
e miro pola ventaíña e teño aínda os pés fríos.
Ti non estás.
X.L.Mosquera Camba, A tensa calma da catapulta, Ed. Positivas
quinta-feira, março 09, 2006
Homenaxes
Á miña avoa, que me deixaba nun paxe no arredor mentres sachaba o maínzo.
Á miña bisavoa, que me aprendeu a pelar as patacas moi pequeniña.
Miñas mulleres traballadoras de mans doces e encalecidas que non queiman as brasas.
sexta-feira, março 03, 2006
Poetas á marxe: Lois Pereiro
Perigo de extinción, perdidos na nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos.
Paisaxes espalladas, enfiadas entre os Perfiles do Pasado, coa presencia dunha vexetal sensación de eternidade.
Paixón e Poses "punk", refrexos Postmodernos e altas horas nos Peiraos urbáns da noite.
Lois Pereiro, "¿Que é Galicia?" (guión televisivo) (Emitido pola TVG o 25-7-88)
terça-feira, fevereiro 28, 2006
Para Clarice Orwell
unha ironía sin neoloxismos
escribe no revés dos días
toda a noxenta vulgaridade
da novela do meu romantismo.
Manuel Antonio, 1924.
quinta-feira, fevereiro 23, 2006
quarta-feira, fevereiro 22, 2006
Pastiche
As miñas tetas, que enchen e devalan canda a lúa, son un poema.
E ti, ouh ti, se te me achegas serás un poema.
E como me empreñes...
DAQUELA SI QUE VAI SER UN POEMA.
quarta-feira, fevereiro 15, 2006
Manuel Antonio sempre
Manuel Antonio mantén correspondencia con personaxes relevantes como Castelao ou Risco ós que pide información sobre os temas que lle interesan (arte, literatura, política), pero é con Roxelio e con Rafael cos que mantén unha relación fraternal na que se pode expresar con maior comodidade.
A R. Dieste repróchalle que sexa un "hespañolito" que colabora na guerra de África e pregúntalle " Si algún día recobraches a túa frialdade filosófica, pensaches n-a responsabilidade, diante da túa concencia, d´haber axudado a roubar a súa persoalidade (s´é salvaxe a min qué?) y-a sua liberdade (sempre respetabel) a un pobo?".
A Roxelio, que rexeita o seu convite a integrarse no nacionalismo porque a el o único que lle interesa é a pedagoxía, lémbralle que a pedagoxía é un medio, non un fin e que os establecementos de ensino británicos, que Roxelio tanto admira, teñen como finalidade facer ingleses, "Mais aquí nin somos ingreses nin compre facel-os.- Fai pedagoxía galega".
Tiña 22 anos e estudaba para piloto. Era vago, soñaba cunha vida de aventura e quería facer poemas novos en galego, isto último tíñao moi claro.