Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, fevereiro 24, 2010

Celebración

Foto de Xebe d´Afrei


–Queda máis?
–Era o último.
–Sempre se pode escurripichar...
–Pois escurripucha.
–Unha, dúas, tres pingotiñas. Mmmmmmmmm. Néctar de deuses.
–Estás ti boa deusa.
Gurgulloulle un riso denso sen chegar a estralar. –Esta noite estou. Adiviña cal delas.
–Podo desexar, pero adiviñar... difícil mo pos.
Ergueuse, púxose detrás del, tapoulle os ollos coas mans e bisboulle amodiño na orella.
–Dime o que ves.

quinta-feira, fevereiro 18, 2010

Traxectoria



Aproveitei estes días para medrar un pouco, catro ou cinco folliñas, e pegarme ben ao muro. Procurei seguir os carreiros trazados antes da última vez que me cortaron, pero case non quedaban marcas e tiven que improvisar a traxectoria varias veces. As xeadas das últimas semanas foron implacábeis e despegaron moitas trazas; non son capaz de entender que estraña lei física mantivo as cascas de caricola no sitio.
Sexa como for, pagou a pena: hoxe deume o sol toda a mañá.

segunda-feira, fevereiro 08, 2010

Grilanda

Foto de Xebe d´Afrei


Non é doado afirmarse no optimismo, tal e como están as cousas, e moito menos facelo deliberadamente, ignorando as caras feas do que vemos e quedando co bonito. "Hai que ser positivo", di moita xente, pero mellor sería dicir, "sufririamos menos se non visemos tanto".

Que ves ti nesa foto?

Ves o milagre da grilanda que non deixa ver o muro feo. Ves que é posíbel medrar e florecer e prosperar en menos dunha presada de terra, desafiando a lei da gravidade. Ves tanta cor e tan harmoniosamente misturada que non che é posíbel xa reaparar nas augas podres, nos lodos contaminados. Pensas con certa lóxica que a próxima marea purificará todo e traerá hordas de organismos novos que se alementarán desta decadencia. E non che falta razón; sempre a vida se alimentou da morte.

segunda-feira, fevereiro 01, 2010

Intensidades

Foto de Xebe d´Afrei

O noso desexo emerxe nesta lagoa onde afincamos a vida sempre con frecuencia impredecíbel, sempre con intensidade inesperada. É así, unha lagáchima percorrendome o fío do lombo, ai estes raxiños, rula, uns dedos enterrádoseme nas coxas, ai xamonciños, ai, ai, unha corrente eléctrica estoupando en risa, quería uns dentiqueiros dese xeito asomaren entre os beizos e tesmos que dar ti, ti, ti. É así, a morneza de fluídos que se solidifican na pel, o gatiño que é tigre de poutas retraídas, pero están aí, por un se acaso.

Na lagoa hai vida, dixérono o outro día na radio, e tamén falaron de conservarmos os espazos húmidos porque nos preservan da secura e da morte segura. Eu entendino tamén así a pensar como estaba na nosa lagoa.

sexta-feira, janeiro 29, 2010

Aló, no fondal de todo

Foto Xebe d´Afrei


Ás veces na mirada dos outros atopo profundidades que me fan perder o equilibrio. Ás veces acontece, pero case nunca. O normal é cruzar miradas que son paxaros fuxidíos. Miradas que seleccionan e centran e afirman, pero que non queren ver máis. É normal, eu tamén o fago: mirar sen querer ver demasiado, unha rápida pasada sen importunar e xa o cerebro se encargará de completar a información e escollerá o ton no que se debe falar, se é que se fala, a calor coa que se choca unha man, se é que se choca, o chasquido dos beizos sobre a pel da cara ou simplemente no aire –plis, plas– se é que se bica.

O peor son as emocións capaces de levar ao fracaso calquera plan comunicativo previamente artellado. As emocións obrigan a buscar ao outro nas profundidades e atopar sorpresas desagradábeis, cousas que meten medo mais tamén oasis con auga, dátiles e sombra que convidan a descansar. Aí as están, difícilmente domesticábeis, profundamente animais, digan o que digan, sen palabras, con bágoas, tremores, carcalladas, suspiros. Emocións animais e mamíferas: pelo, dentes, uñas, leite e lingua.

quarta-feira, janeiro 27, 2010

Mirar detrás


Non, por favor, non descorras a cortina, non quero ver os barrotes que me encerran neste paraíso. Déixao así: a luz do amencer podo imaxinala; a ausencia de barrotes, unha vez que os vexa, non.

domingo, janeiro 24, 2010

Tres historias


Percorrer unha praia no inverno en completa soidade é moi entretido. Non digo que non o sexa no verán, cando, en disfraz de camuflaxe, quero dicir espid@ con taparrabos e gafas de sol, se pode participar pasivamente de varias conversacións de descoñecidos ao mesmo tempo. Pero no inverno os contos tróuxoos o mar, deitounos sobre a area en aparente desorde, e retirouse ata a próxima marea.

Este sostén tróuxoo o mar. Non sei a quen llo quitou, pero podo imaxinalo. Foi a unha muller de pel suave e peito fermoso. Unha muller madura. Si, este tipo de prendas úsanas as mulleres maduras; a certa idade a comodidade anteponse a calquera outra consideración: branco, sobrio, para levar debaixo sen ensinar, para traballar sen que che escapen as tetas o se che descoloquen as tiras, contundente para erguelas e presentalas orgullosas e desafiantes. Que vos podo dicir eu? Cando vexo un sostén no mostrador dunha tenda xa sei como me vai facer sentir.

Mais o mar non sabe desabrochar sosténs... sigamos, pois, coa historia da nosa muller madura paseando pola beiramar. Esperaba un amante? Poida que si e que fose este quen llo quitase, entre bicos e caricias apaixonadas arrolando na area mentres saía a lúa. Ben doado é de esquecer un sostén en tales circunstancias. Ou poida que non, e que fose ela a que o pousase nunha peneda da praia e, mentres se bañaba e se secaba ao sol, non se decatase de que a marea subía e lambía a súa roupa e cando espertou, coa auga enfriándolle os pés, o sostén sobrenadaba xa moi lonxe e desistiu de ir buscalo. Se cadra tampouco foi así. A muller, despois dunha desagradábel discusión co seu marido, foi dar un paseo á praia. A brisa despeiteábaa, facía un pouco de frío pero non lle importaba: espiuse na praia solitaria e decidiu deixar alí todo o que a oprimía, todo o que lle sobraba. Logo marchou descalza.

O mar tragouno todo e cuspiu os restos da dixestión noutra praia, nunha calquera, a unha hora en que aínda non había pegadas de ninguén.

sexta-feira, janeiro 22, 2010

Enguedello

Foto de Xebe d´Afrei

Gañarían as eleccións, quen o dubida?, pero iso non quita que sexan torpes. Por riba do que cada un pense acerca do tema da normalización, é unha torpeza darlle categoría de oficialidade ao inglés e outra torpeza non menor meter aos pais nos colexios a decidir sobre o curriculum cada catro anos (alguén me pode explicar por que non cada curso?).
E ese rapaz, o Anxo Lorenzo, tan listo tan listo que ía para catedrático e acabou de secreatario xeral, non tardou nin dous meses en falarnos de "maiorías silenciosas". Un profesor da universidade galega falando todo cheo de razón da "maioría silenciosa". Debería informarse de onde vén tal expresión, de onde a sacaron os seus actuais amigos, como fai hoxe Manuel Rivas en EL PAÍS. Pero non o fixo, xa se lle pegou a empanada ideolóxica da FAES, xa tanto ten.
Cheira a franquismo e a salazarismo e a fascismo á italiana, cheira a autoritarismo latinoide, que noxo, que falta de cultura. Para facer o que fixo el valía calquera, un tonton macute anónimo, un que soubera cortar e pegotear, un que non tivera falta ningunha de pensar.

Por que acaban gobernándonos sempre os máis mediocres? Sería bon pensarmos seriamente nisto.

segunda-feira, janeiro 18, 2010

Prender o imprendíbel

Imaxe de Xebe d´Afrei

Hoxe os meus pensamentos son un rabaño de cabras salvaxes, choutando polas penedas da serra. Hoxe parte de min, famenta, intervén nunha manda de lobos que saiu a asexalas, rodealas, regañarlles os dentes e buscarlles o pescozo. O éxito das cabras radica na súa diseminación e os lobos pregúntanse a cal delas atender, cal está máis nerviosa e fallará o salto. Penso en cabras e lobos nun abrazo de sangue e pálpitos entolecidos.

Pero os depredadores empezan a perder a esperanza ao ver o abismo polo que as cabras se despenan sen perderen o equilibrio. Recúan coa lingua de fóra e resígnanse pensando nunha carroña.
Hai días así. Algo atoparei.

domingo, janeiro 10, 2010

Efecto "remember"

Cursiva

Onte fomos ver uns amig@s o drama Urtain, posto en escena pola compañía Animalario no Auditorio de Narón. Todos quedamos impresionados pola calidade do texto, interpretación e posta en escena, pero non todos dixerimos de igual maneira a intensidade da historia que se conta. Unha historia moi dura que todos coñecíamos de oídas, pero na que apenas reparáramos, un titular pequeniño entre a marea das noticias diarias.

Uns días antes do comezo das Olimpiadas de Barcelona do 92, un home tírase do balcón da súa casa no barrio madrileño do Pilar. Trátase de Urtain, José Manuel Ibar, o home máis forte de Cestona, de Euskadi e de España, o boxeador que non sabía boxear e gañaba todas as pelexas por K.O., símbolo do tardo franquismo e dun país onde "al corazón se le llama cojones".

A representación produciu no grupo curioso un efecto remember que puxemos en escena na seguinte parada colectiva, compartindo unhas cervexas. Todos eramos nenos ou adolescentes nos anos en que Urtain era a gloria "nacional". Unha das bebedoras de cervexa non entendía por que cando neva un pouco todo se paralizaba agora, mentres que, lembrábao vivamente, ela ía á escola calzada con zocas no medio dunha gran nevada. Esta lembranza foi o inicio dunha reflexión acerca das condicións materiais nas que se criara, nunha aldea sen luz eléctrica a 6 quilómetros da maior central térmica de España: aqueles abismos sociais entre o rural e o urbano... Outro bebedor de cervexa confesou que puidera ir á praia e ver o mar porque o seu pai garda civil era mobilizado, como sucedía coa mitade dos efectivos de toda Galicia, para atender os veraneos de Franco na Coruña, e contou unha graciosa anécdota de como fora ásperamente reprendido por "un señor de paisano" cando lle botou man a unha caracola de mar na praia: unha caracola do patrimonio nacional, posta alí para solaz do ditador e familia. Pola contra, e xa contaxiados todos polos alegres vapores cervexís, houbo quen confesou que se criara coas patacas fritidas e as cocacolas do Azor, sen ver nunca na vida a Franco en persoa, e que os colgadores do barco eran caveiros de cachalote moi feitucos. O Azor... aquel barquiño no que a Felipe González lle apeteceu dar unha volta, ai, ai...

E os colexios de monxas, e as faixas pantalón, e os grises, e os fachas armados? E os embalses? E os plans de desarrollo? E os 1º de maio? E os cardados de sábado das señoras?

Cando rematou, en realidade, o franquismo? En 1992?

Un, dos, tres, responda otra vez: segue vostede a ter medo?

quarta-feira, janeiro 06, 2010

Lecturas e conversas enguedelladas


Espíritos, espectros, simulacros... "The time is out of joint" (Hamlet). Xunguir é poñer baixo o mesmo xugo, xunguir o tempo, tanto o que se foi coma o que vén, vencellando o pasado e o futuro: "o presente é o que pasa, o presente pasa, reside nesa pasaxe transitoria, no ir- e- vir, entre o que vai e o que vén, no punto medio entre o que se vai e o que chega, na articulación entre o que se ausenta e o que se presenta" (Derrida). Este "out of joint", esta disxunción no tempo, desvinculación entre o pasado e o futuro, fálanos da inxustiza do presente, da deuda, da culpabilidade, do dereito a que o don sexa restituído. Marx fala de espectros, coma Sheakespeare: Marx era sheakesperiano, segundo Derrida. De Rubén Ruibal non me cabe a menor dúbida de que tamén o é. En ¿Onde andas Karl? os espectros envíanlle postais ao espírito de Marx e fan un simulacro de actuación circense. En Delimvois todo anda "out of joint" e a perspectiva está totalmente trastocada, coma na Satire on false perspective de William Hogarth, mesmo o real e o non-real xógannos unha boa pasada.
Enfín, se quedastes con curiosidade, podedes escoitar aquí a conversa que tiven onte con R.R.

domingo, janeiro 03, 2010

Don Dije Digo Digodiego ábrenos o seu corazón. Entrevista inclusiva.

Foto de ANT dispoñíbel en google imaxes

–Don Dije, non lle tremeu a man cando asinou o proxecto de Decreto?
–No, le soy manco de nacimiento. Como le dije, no tengo extremidades, ni cabeza.

–Iso que me conta, vostede comprenderá que é imposíbel...
Algunha extremidade terá, algo de cabeza... Ademais, se non tivese cabeza non se podería vostede peitear!
–Sempre huí de los extremismos. Fui un hombre de izquierdas, o quizás no, y ahora de derechas o quizás sí.

–Xa, e o da cabeza como o solucionamos?
–Don Feijoó comparte la suya conmigo, porque es cabezón.

–O de compartir é moi bonito, pero, francamente nin todo se pode compartir...
–Puede, puede, o no.

– Un Hamlet no goberno?
–Soy, yo (c´est moi?). Cuál era la pregunta?

–Non me será comunista? Mire que lle anda o espectro de Marx por aí ceibo!
–Le fui comunista de nuevo y se lo sigo siendo. Me dijo el Feijoo, “Haz un decreto cumunista, donde todos puedan decidir si eliminan el gallego”. Y aquí está. Libertá, sin ira, pero libertá.

–Pois vostede ben que provoca a ira de amplos sectores da súa administración: reitores, directores de centro, ANPAS, sindicatos verticais e dos outros...
–Pero es que no leyeron el decreto. Lo pone bien clarito, en la página 3, “Quien quiera gallego que lo estudie por su cuenta”. Una cosa tan importante no la vamos dejar en manos del gobierno. ¿No es?Una cosa tan importante no la vamos dejar en manos del gobierno. ¿No es?

–Non lle sei, porque se as cousas importantes non deben deixarse en mans do goberno... para que queremos goberno?
Vostede sabe para que está o goberno?
Que fai vostede no goberno?
Como chegou aí?
–Eso mismo me pregunto yo, mujeriña. Pues no le sé. Don Feijoo me dijo: coje uno de tus conflitos interiores y se lo das a las escuelas. Y mi dicho mi hecho. Hay conflito. Lo hay, ¿no? Pues eso es lo que hay, el vivo reflejo de lo que había. ¿Cómo que no lo había? ¿Y luego a mi de dónde me vino? Y por lo demás... a mi lo de consejero ni fu ni fa, pero ya le estaba harto de la Universidá y de Orense, que le es muy pueblerino. Y ahora le estoy muy bien de consejero y me llevo muy bien con Ángel, que es un chico muy salado.

sábado, janeiro 02, 2010

Rober Varela, a parodia do dandy

Foto de tele5 dispoñible en google imaxes

Tiven un soño:
"O decadente melómano de Morte en Venecia paseando por Santiago nunha góndola con rodas, alguén entre a multitude de pasmados pelingrís ponse a berrar, "Rober, Roberrr!!!!!", e el mira sen sorpresa e responde, "c´est moi!".
Ti: Seguro que pon un tren chu chu deses con forma de góndola para o Xacobeo e contrata uns gondolieri para que puxen Franco arriba e Franco abaixo do Obradoiro á Porta Faxeira.
Eu: A min contáronme que ía montar os Nibelungos na Quintana con Corina Porro de Walquiria.
Ti: De extra ou cantando?
Eu: Cantando. Ten a ta 3º de solfexo aprobado no conservatorio. Ti que pensas? Aforran as dietas, que ela ten onde quedar en Santiago. Á crise hai que facerlle fronte con pequenos xestos.

Ti: Eu tamén tiven un soño....

"Rober Varela introducindo chourizas de contrabando en EUA e coméndoas nun banco de Central Park mentres le as esquelas do LVG. Cando acaba lustra os zapatos coas páxinas de contactos".
Eu: Exportando cultura?
Ti: Poida que si... non se me ocurrira!
Eu: E se as góndolas van provistas dun pipotiño de viño e dunha grella para asar os chourizos?
Ti: Chourizos ou chourizas?
Eu: Mmmmm... poñeríamos góndolas de chourizos e góndolas de chourizas. Iso si, todas con cadanseu exemplar de LVG e un especial Xacobeo cos manifestos vangardistas de Santiago Rey.
Ti: Xenial! Vai ser un éxito.
Eu:
"E logo din que a cultura galega non vale para nada"

sexta-feira, janeiro 01, 2010

Aninovo



Como non saín, nin bebín, nin farreei a noite pasada e como non lle desexei bo ano a case ninguén, aproveito que me erguín fresca e me apeteceu poñer o meu vestido máis bonito e bailar para felicitarvos o 2010.

segunda-feira, dezembro 28, 2009

Restos e sombras

Foto de Xebe d´Afrei

Remata o ano; xa caeron a maioría das follas cos últimos temporais, xa recibimos unha tonelada de bos desexos e imos facendo o balance, como sen querelo, e apuntando propósitos para a nova xeira.

O ano que remata empezaba para min coa maior das incertezas: un naufraxio e a desolación dos restos esparexidos na area, atacados de salitre, practicamente inservíbeis.

Pero non.

Non se pode dar por vencida unha ao primeiro embate. Buscar auga era crucial. Onde hai auga hai froitos para comer e animais que cazar. Fíxenme cazadora e fruticultora. Devorei todo canto caía tremente nas miñas mans.

E aquí me tedes.

Teño que varrer os últimos restos para facer esterco.
O ano que vén, tamén quero vivir.

sexta-feira, dezembro 18, 2009

Un libro imprescindíbel; unha mirada independente

Desde que caeu nas miñas mans As novelas da memoria non deixou nin un momento de facerme pensar e tomar notas e de novo pensar. Memoria, espectros, traumas agachados ou compartidos na máis estrita intimidade. As historias que moitos levamos dentro remexéndose nerviosas, pulando por saír á luz, como saen as osamentas das foxas escavadas.

A min nunca se me ocultou que houbera República nin Guerra Civil, nin represión nin fame, nin dor, nin medo. Nunca de portas a dentro da miña casa, si de portas a fóra. Non lembro nin unha soa alusión na miña vida escolar, nin un só comentario nos xornais, nin un documental na TV ata hai moi poucos anos. De repente a memoria rebentoulle a algúns na cara e miraron para outro lado, facendo que non vían. Pero unha cousa son os espectros, cousa desprezábel desde o punto de vista científico, e outra os restos humanos con sinais de violencia que van aparecendo teimudamente. Esta evidencia obriga, loxicamente, a que moitos adapten o seu discurso: "si é certo, pero de que vale remexer no que pasou hai tantos anos?"

Vale, claro que vale, é unha mínima reparación, unha necesidade diría que hixiénica que o sistema político español, que toda a sociedade actual, construída sobre o aniquilamento de moitos e a dor e a humillación dos que lles sobreviviron, ten pendente. Por iso non é nada estraño que o que o discurso oficial ignorou ou minimizou tanto tempo buscase vías de saída alternativas na literatura, un xeito tan válido coma outro calquera, segundo Thompson, para achegarse á historia. As novelas da memoria son a marca dun tempo épico e bárbaro que moitos vivimos a través da voz dos que nos precederon.

quarta-feira, dezembro 16, 2009

Para Clarice Lispector

Impoñíame moito respecto este post que che mando ao aire, Clarice, pero hoxe vai en arroiada despois de ler de novo e outra vez un dos teus libros.
Dubidei na imaxe que ilustrase estas palabras. Ti sempre namorando desde as fotografías coa túa mirada profunda, mesmo de ollos pechados. Gustoume esta, captada por unha cámara fotográfica que se foi achegando silenciosamente sen o teu permiso, dunha Clarice inmersa no traballo de escribir, coa fiestra do seu particular cuarto de seu aberta a un patio interior.
É unha cousa incríbel, Clarice, ti e as imaxes e textos que nos deixaches: "nasci na Russia mas nunca quis ser outra coisa que brasileira", algo así lle escribiches ao presidente Getúlio Vargas. Eras unha rapariga decidida e querías o pasaporte brasileiro. E escribías e escribías aquelas páxinas desacougantes, mesmo viaxando sen parar, mesmo cos teus fillos en brazos, pola noite, de madrugada.
Deberon de advertirche que as tús novelas vendíanse mal e o negocio é o negocio e a literatura vén sendo unha mercancía coma outra calquera. En todo caso non era o teu problema, ti bastante tiñas con enfrontarte a peito nu coa escritura, todos os días, cada madrugada. Nalgunhas fotos advírtese a ollada cansada, as olleiras indisimuladas baixo a maquillaxe porque cada vez que collías a pluma ou a máquina de escribir era para viaxar a lugares de ti mesma que nin imaxinabas – “Tenho medo de escrever. É tão perigoso. Quem tentou, sabe. Perigo de mexer no que está oculto – e o mundo não está à tona, está oculto em suas raízes submersas em profundidades do mar. Para escrever tenho que me colocar no vazio. Nesse vazio terrivelmente perigoso: dele arranco sangue. Sou um escritor que tem medo da cilada das palavras: as palavra que digo escondem outras – quais? Talvez as diga. Escrever é uma pedra lançada no poço fundo.” –Ou si, imaxinábalo, por iso tiñas que escribir, muller atrevida. A escritura é un cuarto baleiro e violentamente iluminado, "O quarto era o oposto do que eu criara em minha casa, o oposto da suave beleza que resultara do meu talento de arrumar, de meu talento de viver, o oposto de minha ironia serena, de minha doce e isenta ironia: era uma violentação das minhas aspas que faciam de mim uma citação de mim. O quarto era o retrato de um estômago vazio./ E nada ali fora feito por mim. No resto da casa o sol se filtrava de fora para dentro, raio ameno por raio ameno, resultado do jogo duplo de cortinas pesadas e leves. Mas ali o sol não parecia vir de fora para dentro: lá era o proprio lugar do sol, fixado e inmóvel numa dureza de luz como se nem de noite o quarto fechasse pálpebra." A escritura é un parque solitario dunha vitalidade amoral e orxiástica, ou Clarice?, e ti sempre tiveches certa tendencia a ese tipo de revelacións en momentos únicos, verdadeiras epifanías coas que nos abrumas: "As árvores estavam carregadas, o mundo era tão rico que apodrecia. Quando Ana pensou que havia crianças e homens grandes com fome, a náusea subiu-lhe á garganta, como se ela estivesse grávida e abandonada. A moral do Jardim era outra". A moral da natureza non ten nada que ver coas leis humanas, é neutra, "é planctum lutando, e a grande neutralidade viva lutando. Assim como a vida na barata pressa pela cintura./O medo que eu sempre tive do silêncio com que a vida se faz. Medo do neutro. O neutro era a minha raiz mais profunda e mais viva – eu olhei a barata e sabia. (...) No entanto ei-la, a barata neutra, sem nome de dor ou de amor. Sua única diferenciação de vida é que ela devia ser macho ou fêmea. Eu só a pensara como fêmea, pois o que é esmagado pela cintura é fêmea."

quinta-feira, dezembro 10, 2009

Distorsión

Foto de Xebe d´Afrei

Desde que o coñecera toda a súa vida anterior parecíalle nebulosa e sen graza ningunha. O momento cero marcábao aquel instante en que ela tivo o valor de retrucarlle unha opinión que el acababa de expresar con autoridade. El desviara apenas os ollos nun xesto de desdén e seguiu falando sen prestarlle máis atención. A partir dese momento sentiu a estraña necesidade de ser merecente dunha mirada de aprobación ou de disgusto, de calquera emoción nítida máis alá da friísima indiferenza.

Era teimuda e buscou todas as posibilidades de intersección. Ao principio seguiu contradicíndoo. Logo, despois de ter estudado a conciencia as variantes do seu discurso, matizouno suavemente. Acabou dándolle a razón e ese día recibiu unha mirada cálida que a colleu desarmada e coa melena ao vento.

Xa non houbo máis posibilidade de diverxencia: a súa visión do mundo virou radicalmente para acomodarse á necesidade que tiña daquela mirada. Ás veces tiña que violentar a súa lóxica e os seus sentimentos, retorcer o seu sistema de defensa, estirar, engruñar, esgazar. Axiña veu a inseguridade, a espera cautelosa a que el falase antes, a búsqueda ansiosa da súa aprobación despois de apoialo con argumentos de pé de banco. Nunca era suficiente e cada vez se sentía máis pequena e indefensa.

Moitos anos despois de que a deixase, aínda seguía imperando nos seus soños.

quarta-feira, dezembro 09, 2009

O feisbú e mais eu: crónica dun desencontro



Nos últimos días levo recibidas varias mensaxes –varias non quere dicir unha chea delas– desde o feisbú, algunhas solicitándome amizade e outras preguntándome pola miña prolongada ausencia de foros, galerías de imaxes, post propios e comentarios nos post alleos.

Que non conteste a ningunha non é soberbia, é só que o feisbú tenme desde hai dous meses marxinada do sistema, de tal maneira que podo recibir mensaxes no meu correo electrónico pero non abrilas na miña páxina nin tampouco contestalas. Do mesmo xeito tampouco podo poñer post nin comentarios nin, o que é máis grave, borrarme dunha vez do sistema. Así é que quedei como conxelada e o meu sorriso da foto de perfil vaise pouco a pouco torcendo, como se pode aprezar.

"Que farías ti para que te botaran?" preguntaredes. "Nada en absoluto", aseguro eu. O que boto en falta, porque penso que teño dereito, é saber por que fun condenada ao ostracismo e, paradoxalmente, pendurada nas súas redes a perpetuidade.

Ceibádeme xa, secuestradores do feisbú!

segunda-feira, dezembro 07, 2009

Bravissima, Patrizia


O alegato anti Berlusconi deseñado por Patrizia d´Addaro poida que sexa o principio do fin da rutilante carreira do cavalieri. E vou defender tan aventurada hipótese por unha razón única, pero importante: ela foi a única capaz de adiviñar o punto de partida xusto, atacalo desde a mesma mentalidade que el representa e que, seguramente ela, como a maioría dos italianos, comparte.
Aquí non se cuestiona que o todopoderoso respecte ou non as leis da República e as do Mercado. Tampouco se acata máis ou menos os Dez Mandamentos. Non entra en cuestión a súa estética de chulo macarrónico nin o seu desdén machista e racista, intolerábel nos tempos que vivimos. Non, non, trátase do honor: o cavalieri enganou á dama menesterosa, que á súa vez loitaba polo honos da súa familia, causa sempre encomiábel, e non lle entregou o que prometera.
Que lle custaba a el facer que se lle tramitase a concesión dunha "casa rural", aínda que fose con cargo aos presupostos públicos, era para tanto? Sempre os cabaleiros ben nacidos recompensaron ás súas amantes cunha mercería, como mínimo, cunha xoia importante, se o diñeiro negro era dabondo, enfín, cun presente que resarcira á muller do noxo do sexo non desexado. Berlusconi pagou a tarifa mínima, sendo el tan rico, e defraudou as expectativas xustísimas de d´Adddario.
O cavalieri é cutre, é falso e esquece o que lle convén, vai haber que desmontalo do cabalo.