Número total de visualizações de páginas

domingo, dezembro 06, 2009

A caixa dos fíos

Foto de Xebe d´Afrei

A miña nai ten sensibilidade de artista: é rebelde, sensíbel e ten unhas mans marabillosas. A súa arte nunca chegou aos museos pero creou primorosas pezas téxtiles que encheron de beleza a sobria cotidianeidade da familia. Os embozos das sabas e as fundas das almofadas da miña infancia eran un primor de colorido en arabescos florais. Tamén bordaba en branco, ás veces combinándoo con gris naqueles xogos de cama que ela consideraba de maior finura, diminutas e apretadas floriñas gornecendo unhas letras moi rebirichadas.
A caixa dos fíos era un dos meus pasatempos favoritos. Madeixas de moitas cores en diferentes tonalidades con nome suxerente: amarelo, ocre, alaranxado, color lume, encarnado, castaño, verde musgo, verde piñeiro, violeta, salmón, rosa claro, máis claro aínda... mmmm... os rosas son un mundo, e a gama dos amarelos aos vermellos outro. E que me dicides dos azuis? Do celeste ao ultravioleta, unha ducia de madeixas, polo menos.
Series de madeixas graduadas en tonalidades. Series de madeixas de cores opostas. Parellas e tríos de colores ao chou, acendéndose ou atenuándose mutuamente: pura maxia.
As cores íanme axudando a percibir o mundo e logo clasificaba o que vía de acordo coas regras da caixa, porque a caixa era a Normativa das Cousas Bonitas.
Dicídeme cantas madeixas farían falta para bordar este ceo.


Camiño adiante

Foto de Xebe d´Afrei

A túa pel, superficie lisa, non garda o paso dos meus dedos, cousa que non deixa de sorprenderme.
A herba gárdao, a area tamén.
Mesmo os cantos rodados se descolocan ao meu paso.
A túa pel, en cambio, con ser tan delicada, non sofre o desgaste do meu peso, a crispación das miñas uñas, a raspadura das miñas escamas.
Esfórzome, iso é certo, pero hai tantas cousas potencialmente perigosas en min...
Hai días en que, deslizándome nese manto humano, pregúntome se é posíbel evitar a erosión do amor.
Por favor, non me volvas pedir que che rañe o lombo.

quarta-feira, dezembro 02, 2009

Cambio de aceite


Onte sentinme ben. Moi ben. O mundo enteiro regalábame sorrisos, almanaques, bolígrafos e chaveiros e eu apañaba e apañaba incrédula e satisfeita. No banco retirei XXXX eurazos e déronme un almanaque en galego (nin sequera en bilingüe, tedes que crelo). Pero o que culminou a miña felicidade de onte foi a homenaxe que recibín no taller mecánico:

O meu coche elevábase no mecanismo tesoira hidráulico mostrando a barriga mentres o 2º de abordo dispoñía entre o bruar dos motores dos camións a súa posta a punto:
– Míralle a este coche os niveis, filtros e rexistros– indícalle ao operario estrela; detense e sorrime antes de rematar– para que ande correcta esta muller.
Eu sentíame realmente ben a pé de obra vendo toda a operación. Falábamos berrando e non tiña nada de violento: fluxo de camións, gasolina ou gasoil, disposición das tripas do motor: –Para chegar ao filtro do aire hai que desmontar isto todo, ves?
BBBRRRRRRRRRRBBBBBRBRRBRBRBRBRBR
–Vou ter que poñer unha sala de espera, verdade?, con sofás e revistas.
BRRRRRRRRMMMMMMM
–Estou moi entretida.

O almanaque era de cachorriños nunha cesta de froita, os bolígrafos imitación pilot parecéronme moi prácticos, e o chaveiro, unha peza realmente fina dentro dunha caixiña en leito de veludo negro, chegoume dereitiño ao corazón.

quinta-feira, novembro 26, 2009

Vostedes desculparán...


... este lapsus de entradas, pero estou pelexándome co mundo e non dou feito. En que vai dar isto? Non o sei e se cadra é o de menos; o importante é non renderse antes de presentar batalla. Despois de todo, pouca xente se decata do difícil que é, ás veces, pisar unha formiguiña.

terça-feira, novembro 17, 2009

Rastreando a arquipegada


Foto de Xebe d´Afrei


E eu comparábame aos palimpsestos; saboreaba a ledicia do sabio que, por baixo das escrituras máis recentes, descobre nun mesmo papel un texto moi antigo, infinitamente máis valioso. Cal era este texto oculto? Para lelo, acaso non cumpría, antes de nada, borrar os textos recentes?

A. Gide

quarta-feira, novembro 11, 2009

Onde estás, eu?

Foto de Xebe d´Afrei

Que pouco me durou aquela emoción de terte, suxeito e ben suxeito entre as miñas mans, eu, materia fluída parida con dor e pensamentos. Agora pregúntome se foi todo unha ilusión miña, un soño, a lembranza dun conto que algunha vez me contaron: "tes que esforzarte e o teu eu emerxerá de ti e darache sentido, voz que retumbe baixo as bóvedas e capacidade de representación". E a min parecíame iso tan lóxico, tan absolutamente luz, que me volvín avelaíña e dei voltas e voltas arredor, toupeneando. Voltas e voltas que me emborracharon de logos: pensei e escribín e estaba disposta a asaltar as tribunas baixo as bóvedas a peito nu.

Estaba disposta, pero xa non te atopo, eu, eu, eeeeEEEEEEUUUUUuuuuuu...?

terça-feira, novembro 10, 2009

Dama de xeo

Dama do lago? Non. Dama das camelias? Que va! Dama de Elche? Boh-boh! Dama, dama, dama boba? Como que boba? Boba será ...

Dama de noite, dama de compañía? What? Como te atreves? Primeira dama? Quita, quita! Dama de ferro? MMmmmmm... Dama de Shanghai. Nadiña.

Belle dame sans merci, grazas as que ela ten, miña señor, miña dama de xeo.

sábado, novembro 07, 2009

Sentido práctico

Foto de Xebe d´Afrei

–Non sei se sabes que deixei a S.
–Sorpréndesme.
–Xa ves.
–Aquela noite parecía que as estrelas brillaban para vós.
–Aquela noite non quería decatarme de que non tiñamos futuro. Tiven a precaución de pechar todas as voces que mo advertían nun tarro ao baleiro; sen osíxeno esmorecen. Si, foi unha noite fermosa!
–Non sempre se ven estrelas.
–Escoita, non estou nada ben, todo aquilo afectoume moito. Máis do que pensaba, máis do que el estaba disposto a aceptar. Iso non me gustou e, aproveitando que tiña que volver coa terapia, díxenme: agora é o momento.
–Entendín ben? Aproveitando que estabas mal, un pouquiño peor non se notaría?
–Exactamente, total... xa non vía estrelas.

sexta-feira, novembro 06, 2009

Batalla perdida


Foto de Xebe d´Afrei

Cando recibiu a chamada e escoitou a súa voz extremadamente suave soubo que tiña a batalla perdida: era capaz de falar media hora seguida naquel ton amábel e envolvente facendo un demorado percorrido polos antecedentes, resultantes e consecuentes para pouco a pouco ir picando de aquí e de alí as conclusións inapelábeis, e ás veces facíaa rir e ás veces poñíaa seria, e dáballe á cabeza, pero cando se decidía a protestar xa a marea das súas palabras a arrastrara a algunha praia agradábel e sentía como unha caricia do sol no lombo e logo xa lle dicía que si, si, e el aproveitaba para arrincarlle un gurgullar de risa e rían xuntos e quedaban calados. Dime, dime ti, non eu, cóntame algo, pouco máis hai que contar, pois logo... e recapitulaba, tiña tanta forza que volvía a empezar, resumindo ou ampliando, tanto daba: se posuía o vento que movía palabras, a máquina que lles daba a razón, a capacidade de ocupar a súa mente e selar os seus beizos, o sol que lle quentase as pernas e a marea que a asulagase.

domingo, novembro 01, 2009

Chupópteros



A pregunta é, que interpretación lle damos ao resucitado tema do vampirismo que inza a literatura e a imaxinería dos produtos culturais dirixidos a adolescentes?
Estamos diante dunha reacción conservadora ante a sexualidade activa das mulleres modernas? Ou temos que interpretalo como expresión de tendencias sexuais sádico-masoquistas para consumo de todos os públicos?

Caricias inquietantes

Xa comentamos como o tema da nova muller emerxente nas fins do século XIX e principio do XX tiña desconcertados e preocupados á inmensa maioría dos varóns, entre eles moitos intelectuais e artistas que arremeteron con furia contra as pretensións de igualdade e independencia que empezaban a soar con forza desde o movemento feminista. E aí están para comprobalo os textos misóxinos de Nietzsche e de Schopenhauer e de Kierkegaard e a preocupación que rondou a Freud durante toda a súa vida: "que quere unha muller?" ou a alarmada advertencia do pintor Gustave Moreau: "L´intrusion sérieuse de la femme dans l´art serait un désordre sans remède".

No fondo, a certeza de que a orde patriarcal estaba definitivamente esborrallando, infundía un temor que se expresa nas artes con imaxes que asocian o feminino ao inhumano e, polo tanto, irracional: muller-animalizada, criatura dominada polos instintos naturais non domesticados pola cultura, ou muller-demo, aliada das forzas malignas do inferno.

A imaxe coa que se ilustra o post foi feita por Fernand Khonpff e titúlase A caricia (ou tamén A esfinxe ou A arte) en 1896 e representa a un Edipo adolescente e de aspecto andróxino e unha rara Esfinxe con aspecto de leopardo. Como sabemos, o xove Edipo –representante do masculino– ten que enfrontarse á temíbel Esfinxe –representante do poder feminino que se opón ás pretensións do heroe– que impide o paso, estrangulándoos no seu opresivo abrazo e devorándoos, a todos os varóns que pretendan traspasar a súa encrucillada e que non adiviñen os seus enigmas. Edipo, de feito, será o primeiro que logre burlar o poder da Esfinxe, precipitando a súa caída.

A asociación destes conceptos: muller-fera devoradora-gardadora de enigmas para os artistas decadentes fin-de-siécle presenta un indubidábel atractivo pois simboliza á perfección todos os fantasmas que os aterrorizaban e á vez os atraían sen remedio: "symbole de la lutte entre le désir de la domination terrestre et celui de l´abandon á la volupté" segundo se comentou na prensa da época acerca do cadro de Fernand Khonpff, como nos informa Erika Bornay en Las hijas de Lilith, Madrid, Ed. Cátedra.

sexta-feira, outubro 30, 2009

Conto de terror


Foto de Xebe d´Afrei

Ás veces paseando unha atopa cousas así de desacougantes que nos advirten de que o horror está a espreitarnos en calquera esquina, detrás dos valados que beirean os camiños, na horta do veciño, na porta do lado...
Que é o que tornan o espantallo con careta de vella e guantes recheos, a sotana empalada e o burriño de peluxe aforcado?
Non é mil veces máis inaceptábel esta imaxe ca unha familia de corvos merendando as peras? Os corvos actúan en familia?

As demencias en boa medida si.

quinta-feira, outubro 29, 2009

Lecturas ilustradas


Foto de Xebe d´Afrei

-Ensínoche as pernas ata ben arriba se me levas o feixe dos guizos ata a casa. Aceptas?
–Si.
A moza arremangou as faldras ata deixar ver as coxas.
–Gústanche?
–Gústanme moito.
–Pois se queres que chas ensine ata máis arriba tes que darme un bico "naquel sitio".

Antonio tamén aceptou o envite. Arquelia baixou as bragas e ensinoulle o seu repampanudo fandango. O rapaz nunca vira nada así, só albiscara dificilmente algo semellante entre as mulleres da súa familia (a súa nai e a súa tía Ádega, sobre todo, cando de noite acendían unha candea e baixaban da cama para mexar no caneco) e quedou coa boca aberta e os ollos asustados mirando aquilo coma un pasmón.

–E isto non che gusta?

O cativo non sabía que dicir. Estaba atordoado ante aquelas paisaxes.

–É moi fermoso– dixo por fin.
–Pois bícamo.

Dubidou. Era demasiado para el. Pero acabou bicándoa onde ela quería, aínda que con certo reparo. Daquela a muller desabotooulle a petrina e cariñoulle a mingalla. El tremeceu coma un feble xunco...

–Algún día serás un gran mozo, pero hoxe non dás a medida– dixo–. Que pena! Bícame outra vez, anda.

Bicouna no mesmo sitio. Entón Arquelia colleulle a cabeza cunha man e esfregoulle a cara contra a pube uns momentos, marchando seguidamente co feixe na croca sen dicir nada.

Xosé Fernández Ferreiro, Tempo de centeo

sexta-feira, outubro 23, 2009

A liturxia do falo


Na 3ª parte de Sexual Politics, o clásico libro de Kate Millet, analízase a obra de catro escritores: D. H. Lawrence, Henri Miller, Norman Mailer e Jean Genet. Do primeiro deles arrinca cun texto da novela O amante de lady Chatterley que a continuación reproduzo. Os comentarios de Millet acerca da política sexual proposta no texto son moi interesantes, desde logo, pero a min interésanme tamén os vosos.

"–Déixame verte!
El quitou a camisa e permaneceu inmóbil, cos ollos fixos na súa amante. Unha raiola de sol que penetraba pola ventá iluminaba as coxas e o seu fino ventre, e o falo erguíase, escuro e cálido, sobre unha ardente nube de velo dourado. Ela estaba abraiada e asustada.
–Que estraño!– murmurou suavemente–. Que estraño parece! Tan grande, tan moreno e tan seguro de si! Está sempre así?
O home mirou o seu branco e esvelto corpo, e botou a rir. Entre as súas tetiñas agromaba un velo espeso, case negro. Pero no seu baixo ventre unha resplandecente nube roxa ourelaba o seu groso e arqueado falo.
–Que arrogante!– bisbou inquieta–. E que espléndido! Agora comprendo por que sodes tan imperiosos os homes. Pero é verdadeiramente cautivador. Coma se fose outro ser! Inquietante pero fascinador! E apunta cara a min!– Trabou no labio inferior, temerosa e excitada.
El mirou en silencio o seu falo erecto que non se alteraba...
–Unha cona, iso é o que ti buscas. Dille a Lady Jane que desexas unha cona. John Thomas, ti desexas a cona de lady Jane.
–Por favor, non o importunes!– dixo Connie, arrastrándose sobre a cama e rodeando cos seus brazos as finas cadeiras do seu amante. Logo achegouno cara a si, ata que os seus peitos rozaron, abaneando suavemente, a punta do falo tenso e excitado, apañando o seu zume. Apretouse contra el.
-Déitate!– dixo este– Déitate e recíbeme!
Agora tiña apuro."

D. H. Lawrence, O amante de lady Chatterley (1928)

sexta-feira, outubro 16, 2009

Que te confunda o inferno, Lilith!

Para Ana Bande

Lilith, non Eva, foi a primeira muller de Adán, aquel homiño sen moito criterio que sempre se amañaba para botarlle a culpa dos seus erros ao outro, é dicir, á Outra. E din os vellos escritos hebraicos que no se fixo dunha costela del, coma Eva, senón da mesma lama ca el. Este argumento foi suficiente para xamais consentir ser dominada, obrigada, humillada polo seu compañeiro.

Lilith consideraba ofensiva a postura recostada que el lle esixía. "Por que me teño que deitar debaixo de ti?"–preguntaba. Eu tamén fun feita con po, e polo tanto son igual ca ti". Como Adán tratou de obrigala a obedecer pola forza, Lilith, enrabuxada, pronunciou o nome máxico de Deus, elevouse no aire e abandonouno.


Ela tamén quería pracer e sabía que o seu pracer non dependía do del, esa estúpida idea que ás fillas de Eva se nos foi metendo na cabeza. O seu pracer era autónomo e Lilith, a primeira muller, soubo enseguida que a súa vulva, ademais dun burato, tiña un tenro pestelo ao que lle gustaba ser acariciado. Ás fillas de Eva foilles estirpado o pesteliño antes de se faceren mulleres ou, no mellor dos casos, foi ignorado polos seus compañeiros e condenado a ser algo clandestino e pecaminoso que conducía á loucura.

Deus púxose do lado de Adán e esixiulle a Lilith que volvese ao lado do seu esposo e aceptase o seu dominio, mais ela, insolente, riuse na súa cara e botou a andar cara o inferno. A primeira muller tivo a ousadía non só de enfrontarse ao seu home, senón ao Home, a Deus Pai. Unha perdida sen remisión esta Lilith! No Zohar e noutros libros da tradición hebrea non se aforran calificativos denigrantes con ela e, por extensión, coas mulleres que adoptan actitudes tan extremas e contrarias aos intereses do patriarcado: a rameira, a perversa, a falsa e, atención!!!, a negra.

Erika Bornay pensa que a utilización de Lilith por parte dos rabinos débese á necesidade de atopar unha figura feminina á que culpabilizar de todos os males da humanidade desde os primeiros días da creación e, deste xeito, aliviar a responsabilidade excesiva acumulada por Eva, quen, despois de todo, é a nai primixenia e merece só por iso aparecer nos mitos dun xeito un pouco máis respetábel. Neste contexto e neste xogo de oposicións, para redondear a figura, engadíuselle a Lilith a capacidade de facerlles mal ás preñadas e aos neonatos pois, sendo ela estéril, odia todo o que sexa a perpetuación da vida.

Lilith é perigosa porque é bela e seductora, porque non depende dos homes para o seu pracer e non vive lastrada coas cargas da afectividade maternal. O seu corpo é incandescente e fai arder a quen ouse tocalo nunha paixón que pode dexenerar en desatinos e enfermidades. Ela é a femme fatale, a vampiresa que asexa os soños dos homes e destrúe as tranquilas e produtivas familias.

Deus aprendeu a lección e a seguinte muller que fixo, a partir da costela de Adán, foi unha especie de apéndice do home con certa autonomía, mais que nada para que non a tivera que cargar ás costas. Aínda así na cabeleira de Eva, de ningún modo tan esplendorosa coma a de Lilith, Deus deixou ir, ou escapóuselle, algún que outro pelo gallado como logo se virá a demostrar.

sábado, outubro 10, 2009

Había unha vez...

Foto de Xebe d´Afrei


Segundo Vladimir Propp a estrutura dos contos populares baséase nunha trama básica moi simple: o heroe inicia unha busca que o conduce á "esfera de acción dunha princesa e do seu pai" para o que deberá superar diversos obstáculos, mesmo poñendo en risco a súa vida, para, finalmente, alzarse co trofeo –a princesa– e o que ela significa –a transmisión do poder pola súa mediación–.

Propp relaciona isto cun estadio de transición do réxime matriarcal –máis antigo, onde a transmisión do poder era matrilineal– ao réxime patriarcal, que acabaría substituíndoo, onde a transmisión se fai patrilinealmente.

As tramas, segundo afirma en Oedipus in the Light of folklore, non reflicten directamente unha orde social determinada, senón que xorden do conflito, das contradicións de diferentes ordes sociais segundo se suceden e reemprazan unhas a outras. Esta tensión entre ordes diferentes é o que se manifesta nas tramas, na súa transformación e dispersión de motivos e tipos.

Visto así, Edipo –lembremos, o príncipe de Tebas que, criado lonxe do fogar paterno e descoñecedor da súa orixe, regresa á súa terra onde mata ao seu pai, casa coa súa nai e ocupa o trono– aparece na encrucillada histórica na que se atopan en conflito as dúas formas de sucesión: a matrilineal, na que o poder é tranferido do rei ao xenro por medio do matrimonio coa filla do rei, e unha posterior, patriarcal, na que pasa directamente do rei ao seu propio fillo. Nesta última, a transferencia de poder implica a morte do vello rei, normalmente por asasinato, tema que no floklore aparece unido ao tema do parricidio e da profecía. Esta é necesaria porque non pode admitirse que un fillo desexe matar conscientemente ao pai. Coa aparición da profecía faino inconscientemete por esixencia dos deuses, como ocorre con Edipo.

Nos contos máis antigos, continúa Propp, é a propia princesa ou o seu pai quen se encarga de poñer a proba ao estranxeiro-aspirante para saber se é merecente de acceder á súa liñaxe e ao poder.

Malia todo ela permanecerá inmóbil, no pazo, e observará desde unha alta e segura torre –simple observadora ou princesa-feiticeira que coa súa astucia intentará levar á morte ao aventureiro– a evolución das accións do heroe con moita atención. E é que... non todos valen para príncipes.
(Lendo a Teresa de Laurentis, Alicia ya no, Ed. Cátedra)

sexta-feira, outubro 09, 2009

Abrir os ollos; pechar as pernas



Gustábame pechar os ollos cando ía medio adormilada para escola pola mañá. O sol aparecía e desaparecía mentres o coche viraba á dereita e á esquerda seguindo a sinuosa estrada e o meu mundo de dentro ía cambiando de cor. O sol iluminaba os vasos sanguíneos das miñas pálpebras e todo se tinguía dun vermello intenso. Eu concentrábame entón en todo o torrente de sensacións que viñan do corpo e sentía o almorzo rebulir nas tripas e o ritmo pausado do corazón bombeando vida. De cando en vez abría os ollos e o mundo abríase en amplos horizontes de prados e pinares e monte baixo e casas despintadas á beira da estrada. Cos ollos abertos a conciencia do meu corpo diluíase e perdía intensidade no medio de todo o demais.

–"Son un animal!"– declarei ao persoal sanitario que me atendía no paritorio. Trataron de convencerme amablemente de que non, que de ningunha maneira, mais naquel momento sobrepasada polas sensacións profundas do meu corpo tiven esa certeza. Pechei os ollos e concentreime na seguinte contracción para empuxar con todos os meus músculos.

Desde sempre, e moi conscientemente, cando abro os ollos, pecho as pernas.

terça-feira, outubro 06, 2009

Por riba de toda dúbida


Era eu unha nena que empezaba a deixar de selo cando fun a un recital de poesía dun profesor noso ao que adorabamos. Entre os versos que alí se leron hai dous dun poema que lle dedicaba á muller dos que non conseguín esquecerme:

Eres la realidad de mi quimera
la verdad más hermosa de mi vida
(...)

Supoño que o seguinte verso remataría en compañera, pero non podo aseguralo. O caso é que os versos quedáronme cantando na memoria e cando cheguei á casa pregunteille á miña nai que era aquilo de quimera. E velaí que descubro agora nestes humildes versos dun mestre que facía poesía despois das clases gran parte do misterio da diferencia sexual, e o que son "elas" e o que son "eles" neste xogo desigual.

Os ollos de King kong contemplan o fermoso obxecto, produto dun refinadísimo proceso cultural, con tenrura e desexo e ela déixase mirar compracida –que para algo se amañou tan coidadosamente e comeu e bebeu só o xusto– e devólvelle a mirada comprensiva. E neste xogo especular de miradas el atópase moi favorecido e reconfortado e as súas mans temíbeis deixan de apretar.

Felices? Ela segue estando á mercede do capricho del, segue sen ser a dona do seu corpo e o seu destino, o seu desexo é secundario, e non se lle recoñecerán doadamente as súas capacidades para pensar nin para crear cultura; tanto se apreta un pouco como se afrouxa de máis morrerá. Decatarase?

domingo, outubro 04, 2009

Tostado do Ribeiro



Modo de facelo: para un litro de tostado precísanse entre sete e oito quilos que uvas pasas, neste caso da caste autóctona de torrontés, que deberán estar ben maduras no momento de ser vendimadas e serán postas a secar durante catro meses, coidando moito de que non as coman os paxaros.

Posoloxía: unha vez ao ano e ao remate da vendima nunha cantidade que en ningún caso debe exceder un dedaliño por persoa.

Propiedades: levanta as paletillas caídas, creea lazos de solidariedade entre as persoas que o beban xuntas e de gratitude co administrador.

Historia: o tostado do Ribeiro era un viño doce resultado dun proceso de fermentación absolutamente natural das uvas deshidratadas. Como parte do proceso de desculturización e desvalorización do propio que padecemos, nas últimas décadas deixou de facerse, en parte polo pouco rentábel que resultaba e en parte porque a ninguén se lle ocorreu sacar proveito económico a un produto único, quintaesencia da uva, estación termo da cultura do viño. A recuperación deste produto pasa pola investigación da memoria oral e a experimentación.

Brindemos!

quinta-feira, outubro 01, 2009

Actualizacións II


Que fermosa es, miña rula! Tardei en atoparte pero por fin estás comigo, ao meu lado, para min. Sabes?, terte faime feliz de verdade. Non podes imaxinar o tolo que me puxen cando botaches a correr. Menos mal que atopei o zapato que foi o que, finalmente, me levou a ti: o único pé do mundo que podía entrar neste zapatiño tan pequeno.
Non estás cansa?, miña pobre... e esas mans tan estragadas de fregar non volven facer nada máis que poñerse unha sobre a outra, en cada dedo seu anel. Diso encárgome eu. Xa non terás que traballar, nin ter conta de nada, só quererme a min e seguir a miña mirada. Reflectir todos os días a miña imaxe na túa mirada serena e confiada, coma agora. Máis ca agora, que estás cansadiña. Repousa miña xoia, no meu ombreiro, recibe os dons que che ofrezo e vivirás practicamente feliz nun pazo de ouropel herméticamente pechado.