Número total de visualizações de páginas

sábado, junho 10, 2006

Ferocidades domésticas

Carapuchiña é unha nena doce e xeitosa, só ten un
defecto: é unha lingoreteira e fala con calquera, mesmo
con descoñecidos. Ela foi a que trouxo ao lobo á casa
"coñecino polo camiño, avoa, non te enfades, está
famento".
Famento e esfarrapado, diría eu, quen sabe
que tipo de vida levaba aló no monte.Porén,
desde que entrou na casa era todo mel. Abríame a porta
do curral para que pasara eu antes, sacáballe o esterco
aos porcos, separábame a cadeira para eu sentar...e se
lle dicía grazas sempre contestaba "as que ti tes".
Unha vez bañado, o seu pelo tornou brillante e suave,
dentro da súa natural dureza. Non, nunca chegou a
semellarse á la de ovella.
Carapuchiña ía e viña da súa casa á miña, pola
Corredoira Vella, pola Pedra do Couto e o Camiño Real
case todos os días. Unhas veces traía requeixo, outras
pan de trigo, se cadra unha botella de viño, e moitas viña só 
a que eu lle dera a merenda. Aquel día trouxome o lobo
e logo marchou.
Logo duns días, xa vos digo, o lobo domesticouse moito
e pedíame aloumiños coma un gato. Unha noite tivo o
atrevemento de pasarme o rabo polas pernas mirándome
fixamente. Cando fomos para a cama, abriume a porta da
miña habitación e despois meteuse el. Non me resistín,
a min tamén mo pedía o corpo. Había tanto tempo que eu
non...Ai!

* * *

Un día Carapuchiña chegou cedo de máis. Entrou coma
unha tola na habitación e atoupounos en plena función.
Os ollos de Carapuchiña non puideron abrirse máis, deu
un chío de paxaro e saiu a todo canto lle daban as
pernas: "o lobo come á avoíña, o lobo está comendo á
avoíña". Estábame comendo, estaba, e a min
prestábacheme ben. Pero o lío xa estaba armado.
Case non nos dera tempo a recoller cando apareceu a
Garda Civil na casa armando un escándalo do demo. O
meu lobiño tiña o rabo entre as pernas, as miñas
pernas, cando recibiu o primeiro disparo. "Alto ou
disparo", e non se movera, meu pobre. ¡¡Asasinos,
fillos de puta!! ¡¡Entrometidos do carallo!! Nunca vou
esquecer a túa mirada de animal sobre min, lobo. Xa
non quero vivir maís coa xente, bótome ó monte, fágome
fera, ataco canallas de uniforme.
AAAAAUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUUU!!!!!

* * *

Meu lobiño lindo:
Espero que te vaias recuperando do disparo nas costas
que che deron aqueles brutáns. Espero moi pronto
sentir o teu rabo nas miñas pernas (aquelas caricias
que me gustaban). Venme buscar á fraga. Agora a fera
son eu e necesito domesticación.

domingo, maio 28, 2006

Careixós

Estamos no tempo dos careixós. En tódolos balados, entre a herba dos pomares, nas beiras dos camiños, ofrécense encarnados o saborosos a quen saiba deles e teña paciencia para apañalos. Pódense ir ensartando nunha herba, compoñendo rastras, nunha berza ou, se saes preparado da casa, en calquera cacharro.
A miña avoa traíanolos sempre cando viña das leiras e era o presente máis desexado por nós. Logo aprendín os sitios deles e con outros nenos pasaba as tardes buscando entre as herbas o seu fulgor escarlata. Primeiro apañabamos e logo comiamolos ás mans cheas.
Os careixós forman parte do meu imaxinario infantil, primeiro por experiencia (recibilos, buscalos, saborealos) e despois por unha ilustración enmarcada que había na sala da miña casa, no espacio de respecto, xunto ó reloxio de parede, o chineiro e a cómoda. A ilustración representa a a Carapuchiña Vermella nunha espesa fraga en animada compañía do lobo. Podería ser un locus amoenus se a escuridade do fondo da estampa non dera un pouco de medo. Non polo lobo, quero insistir nisto, que parece moi amiguiño da nena dándolle ao rabo entre as súas pernas.
Na parte inferior e en primeiro plano, vense claramente, entre o tapizado verde da herba que pisan Carapuchiña e a súa cuase-mascota, unhas vizosas plantas de careixós a plena producción.
As ilustracións da sala, que trouxera o meu bisavó das súas viaxes, eran o máis bonito que había na casa: Carapuchiña co lobo apañando careixóns e unha linda nena gordochiña colocándose un gracioso sombreiro rosa. As dúas teñen sobreimpresa a mesma mensaxe publicitaria:

CAFÉ SAINT MARTIN
(Con sorpresa) es el mejor
SAINT MARTIN HERMANOS, Moreno, 750, Buenos Aires

quinta-feira, maio 18, 2006

papanduxas (para pablo e todos os papanduxeiros que aínda queden)

Eu son unha papanduxeira. Sono porque vivo onde vivo, ben o sabedes, e comín moitas papanduxas de pequena.
As papanduxas , xunto coas peras cocidas eran unha das industrias favoritas da miña bisavoa. Eu colaboraba: escolliamos as mazás, lavabamolas e metiamolas no forno. Mentres se facía o caldo tamén se facían as papanduxas, logo deixábanse enfriar e eran un rico aperitivo a calquera hora do día.
Un verán veu unha familia vasca a facer turismo rural á casa do outro lado da aira (vir viñan á praia, pero non atoparon nada máis adecuado e acabaron na casa dos veciños). Unha corrente de simpatía mutua instalouse no rueiro entre os forasteiros e os propios. Os nenos, aínda que máis pequenos ca nós, viñan moito pola casa e sempre apañaban ou un cacho de pan, ou unha froita ou unha papanduxa.
Un día saímos eu e máis a nena para a aira con cadansúa papanduxa lambe que lambe. A nai veunos e chamou á filla. Mirou para a papanduxa e berroulle moito por comer nunha "mazá podre". Sen lle facer caso ás protestas da nena, colleulla e cimbrouna nunha silveira. A nena choraba, pero non lle valeu de nada. Desapareceron as dúas na casa do outro lado da aira. Antes de pechar a porta aínda mirou para min como culpándome porque era máis vella e debía coidarlle mellor a nena. Eu, que miraba a escena estupefacta, non me atrevín a desfacer o equívoco e seguín comendo a miña papanduxa, agora xa ostensiblemente, para exculpala de todos os males que inxustamente se lle atribuíran.

domingo, maio 07, 2006

O ruxirrou

A miña relación cos vilanchos non é moi intensa pero é, en xeral, afectuosa. Dígo que non é intensa porque non participo dos seus ritos orxiásticos nin nos eventos sociais-relixiosos, e digo que afectuosa porque me gusta conversar con eles, ou escoitalos falar das súas cousas, é dicir, de si mesmos no pasado e presente e futuro (programa de festas).
Unha vez unha tendeira sacou, mentras me cortaba un pouco de friame, como tema de conversación os paseos marítimos.
- É unha marabilla. Aínda que o bonito sería seguilo pola parte de Cabanas ata Irís, ¿non che parece?
- Pois non, a min os paseos marítimos parécenme unha barbaridade e estragan as ribeiras naturais. As cousas bonitas canto menos se lles toque mellor. Preparar un camiño de terra para poder andar, coidalo e listo.
- Pois a xente está encantada.
- Para pasear non fan falta baldosas. O único que se fai é sepultar a ribeira que había.
- Ó mellor tes algo de razón. Antes desde a miña casa, cando estaba a marea baixa, sentíase o ruxirrou de todo o bicherío que había e agora xa non se sente nada, debeu morrer todo.
Evidentemente, os meus gustos estéticos non influíron nada nos seus, pero regaloume a palabra ruxirrou, que permaneceu na miña memoria ata esta mesma semana, naque outro vilancho a refrescou.
Veu á miña casa a tomar unhas medidas e, mentres o acompañaba curral arriba, empezamos a falar de ghatos.
- Non os podo ver.
- ¿E logho? Non son tan malos, cazan ratos.
- Cazábaos eu a eles! Á miña tía deulle polos ghatos e xa ten máis de vinte. ¡Están en tódolos sitios e non hai quen lles dea coas crías! Aí atrás deron en morrer e botáronme a min a culpa.
- Se acaso tíñala.
- Noooo, eu só matei un, co camión; encendino para darlle atrás e nesto séntese un ruxirrou tremendo. Mi Maaaa! Un ghato que se metera no ventilador. Os outros debeunos cazar os do restaurante chino. Agora pechou e xa volveron inzar.

O ruxirrou xa é voso tamén, ¡disfrutádeo e difundídeo!

quarta-feira, abril 26, 2006

O país dos colchós de lá

Había unha vez unha nena que vivía nun estraño país onde os colchós eran de la de ovella. Eran colchós cálidos e confortables e mantiñan unha estreita comunicación cos corpos que acollían. Moi de cando en cando era preciso desfacer os colchós para deixar airear e espilir a la. O tempo ideal para realizar este labor eran os soleados días de verán ben venteados de nordés. Daquela a casa víase presa dunha actividade frenética: desfacer costuras, varear a la, estendela polo piso do sobrado e deixala asollar. As felerpas de la, vellas e amarelas, sepultaban a paisaxe cotiá. Podería ser unha festa para a nena aquela, pero, inexplicablemente, era un espectáculo horripilante que lle producía pavor. A visión, a posibilidade do tacto e o boreo que se formaba arredor daquelas tristes piltrafas esparexidas por tódolos sitios mantíñana arredada nun curruncho.

-¡Ven aquí, non sexas parva! Teño unha cousa para ti.

Era o pai, sorrindo e ofrecéndolle os brazos. Unha tentación moi forte, pero no medio, interpoñéndose, moreas de la amarela.

¿E se brincara moi rápido, pechando os ollos e sen respirar, pensando só nos brazos fortes do pai, no seu olor, na súa risa ó collela en alto?

-¡Veña...!

Foron varios brincos, unha sensación de repugnancia subíndolle polas pernas acosadas de la esfelerpada, pero alí estaban os brazos amorosos para rescatala. Xa se esquecera da recompensa porque o mellor era ser quen de chegar onda el e ter o seu recoñecemento.

Pero si que houbo sorpresa e un berro altísimo porque diante dos fuciños tiña unha presada de la ofrecida burlonamente polo seu pai para que a metera dentro do vestido. O seu pai tan amado, ¡que contento estaba de completar con éxito a broma e acabar coas aprensións ridículas da nena!

domingo, abril 16, 2006

Cáceres

Veño de pasar uns días en Cáceres e teño que dicir que veño moi sorprendida. Por unha parte, claro, polo seu exotismo: esas trazas mouras da parte vella das vilas, esa temperatura, esa primavera botada de fóra, eses touros bravos pacendo nas devesas, esas falas...pero por outra ás veces parecía que estabas en calquera val ourensán coas montañas cinchadas de socalcos, as veigas traballadas en ricos alcoubes, os carballos, as sobreiras e as erupcións graníticas...por non falar desa pequena Galicia irredenta que se garda no val do Ellas.
Nunha desas pequenas poboacións, Abadía exactamente, veu un vello a falar con nós. Contounos unha historia con reis namorados, galerías subterráneas, princesiñas empreñadas malamente, franceses impíos e cristos rescatados da barbarie iconoclasta laica.
-¿De dondes venís?
-De Galicia.
-Ahhh, de allí vinieron los reyes más antiguos de España.
Pro se eles para nós son exóticos, nós para eles non o somos menos. Cada vez que me collían os datos do DNI para inscribirme nun aloxamento armábase. Os catalás son catalás, os vascos son vascos pero o noso é o nunca visto, eu penso que é porque andamos polo mundo como avergonzados. Contoume meu irmá, que andou traballando un par de meses por aquelas serranías, que nunha ocasión empregou toda a súa paciencia en facerlles pronunciar e escribir o seu nome.
-Xoán Xosé
- Lloán Llusep
- No, soy gallego, no soy catalán:Xoán Xosé.
-¿Lloán Ksoksé?¿Pero eso que nombre es?
- Juan José en castellano, Xoán Xosé en gallego. En catalán sabeis y en gallego no ¿eh? Os ponen a andar los catalanes.

E vén outro e empeza a escribir Juan....
-¿Que haces? ¿No ves que no es así?
-Pero es lo mismo.
-Por eso, porque es lo mismo.
E escribiu Xoán Xosé.

Unha pica en Flandes (e moitas en Galicia) hai que ir poñendo.

quinta-feira, abril 06, 2006

O campeiro da Graña

Xa non había clase pola tarde. A Fermín mandárano alinda-las vacas no campeiro da Graña, onda a escola. Facía calor e o aire estaba espeso. A cadela Tula, sentada e coas orellas moi tesas, recontaba dos animais mentres Fermín tentaba sacar grilos dos seus buratos cunha palliña. Axiña cansou de facerlles cóxegas ós buratos sen ningún resultado: os grilos habían estar durmindo. Virou a cabeza á dereita e veu á mestra, dona Dorucha, amañando o pequeño xardín de diante da escola. A filla da mestra, unha nena duns catro anos, aparecía e desaparecía entre os macizos rodeados de buxo. Fermín decidiu achegarse alí.

-Dona Dorucha, ¿pode vir Ana comigo?

-¿E onde ides?

-Aí onda o campeiro.

-Non vos poñades moito ó sol que hoxe esmecha.

Para a pequena Ana nada podía ser máis excitante ca seguir a Fermín nunha aventura. Deixaron á Tula vixiando o gando e baixaron pola boqueira do campeiro ó camiño. O sol de maio era lume pero enchía de vitalidade á multitude de pequenos seres que ruxían agora na Graña.

Un poco máis adiante, á beira mesma do camiño, gornecido de silvas e xestas en flor, Fermín descubriulle á súa amiguiña un exótico tesouro: cascas de mexillón. Rudos moscardóns e atarefadas abellas zoaban sobre aquel magnífico achado, atraídos polo seu cheiro picante.

-Imos facer unha arradio que xa verás- dixo Fermín entusiasmado.

Escolleu unhas cunchas e chascounas coma se fosen castañolas. Logo, con incrible axilidade, atrapou con elas unha abella. Os dous riron a escachar co zumbido rabioso do insecto ó quedar atrapado.

-Toma. Colle por aquí e apreta ben, non vaia a escapar. ¿Va que parece unha arradio?. E ten conta non lle achegue-lo dedo pola beira. Eu vou facer outra para min.

A nena estaba embelesada co seu inesperado xoguete. Non podía afasta-los ollos da estreita fenda que formaban as dúas cunchas ó se xuntaren, xusto por alí vía a boca da abella e o movemento continuo dos seus órganos libadores.

-Parece unha arradio- dixo a nena moi convencida mirando cara ó seu amigo, e axitou a man para volvela a escoitar a todo volume.

Fermín non lle respondeu. Estaba moi afanado na caza dunha segunda abella que, ó parecer, se estaba complicando máis da conta. O enxame alporizárase e non daba feito; era coma se xa estiveran avisadas da ameaza que supoñía o chascar das cascas de mexillón.

A nena volvera a concentrarse naquela misteriosa regaña que deixaba ve-la actividade do seu inquilino. Observaba o dalle- dalle das patas e da boca sobresaíndo naquela escuridade e a intervalos sentía o zunzún das ás.

-¡Xa temos outra!- anunciaba victorioso Fermín no mesmo intre en que Ana achegaba un curioso furabolos á fatal abertura. Non fixo máis que pousa-lo dedo na beira do mexillón e inmediatamente recibiu unha punzante resposta da prisioneira.

Os alaridos de dor racharon o sopor da tarde. As vacas deixaron de pacer, Dona Dorucha deixou o sacho e a abella liberouse por fin do seu encerro. Fermín non sabía qué facer.

-¿Que fixeches? ¿ non che dixera que non metéra-los dedos aí? ¡Burra! ¿Quen che mandaría? Agora hei leva-las culpas eu e a túa nai vaime poñer bon.

Dona Dorucha xa viña polo camiño guiada polos berros da filla con cara de preocupación e paso apurado. Fermín adiantouse á pregunta.

-Traboulle unha abella.

Pareceulle que con aquela explicación era abondo e iniciou discretamente a retirada.

Xa de volta na escola e unha vez extraído o aguillón , Ana contou saloucando a súa frustrada aventura. Dona Dorucha rifoulle por non segui-los consellos de quen sabía máis ca ela e, sen darlle máis importancia ó asunto, volveu ó xardín.

Pero a nena seguiu a chorar sen consolo, co dedo envolto nun gran pano branco que se lle enchoupaba de bágoas e mocos. Á dor da picadela xuntábase agora o ver que a súa nai non se compadecía dela nin a aloumiñaba con palabras de alento e consolo, semellaba que nin sequera escoitaba a súa tristísima ladaíña.

As vacas xa se retiraban unhas detrás das outras guiadas pola Tula. Fermín era unha sombra que o sol da tardiña arrastraba polo campeiro da Graña, a carón da escola.

quinta-feira, março 30, 2006

Saltaparapetos

Ó meu avó gustáballe contarnos a guerra. Nunca esquecerei a súa narración do bombardeo de Guernica. Pero iso outro día, hoxe queríavos falar do saltaparapetos.
O saltaparapetos
era unha beberaxe que lles daban ós soldados antes de entrar en combate, para que fosen coma ovellas, cegos ó perigo, e para que mataran coma lobos a todo o que se puxera por diante. El nunca bebía. Nin o viño da casa. Tampouco o saltaparapetos, por iso era dobremente consciente do horror da guerra e sabíao transmitir cando contaba os centos de avoitres devorando cadáveres abandonados, ou os saqueos salvaxes ordenados polos mandos. Sempre sobrio, estudando a maneira de safarse daquilo.
Nunha ocasión, un veciño co que coincidía pediulle o seu saltaparapetos. Deullo e a dobre ración salvoulle a vida: estaba tan borracho que non puido ir canda os da súa compañía e cando espertou era o único vivo.
Ó meu avó ferírono con metralla nunha perna, sempre ensinaba a cicatriz, e xurou que non volvía ó inferno. Arriscouse a que lle amputasen a perna pero saiu coa súa.

sábado, março 18, 2006

Curral kitsch

Cando amañamos a casa, a vella casa familiar, quedaron moitas partes se rematar e, polo tanto intactas. Unha delas foi o curral: os pendellos, as cortes e a parra (barra) quedaron á espera de novos aforros. Entre tanto moitas daquelas construcións foron quedando obsoletas: as cortes xa non tiñan animais, o arado romano e as rodas do carro levaban xa moitos anos de xubilación colgados nun dos alprendes de acceso á casa polo meu avó (déixao estar aí que se cadra algún día...), a sementadora, a sachadora por alí tiradas nas cortes vellas... E agora que imos facer con todo isto? Bernizalo e convertir a entrada da casa nun alprende kitsch? Doalo a un museo etnográfico?
Ai!

terça-feira, março 14, 2006

Os meus posmodernos preferidos

Parada de autobuses sen marquesiña.
Pés fríos, xelados, doridos.
Ti non estás. Eu non estou.
O autobús non para.
¿Por que daquela me cabreo?
Falta de madurez en min, en ti, no chofer, no autobús
e na marquesiña.
Lóxica atropelada.
Media hora máis tarde chega outro autobús, igual pero
maduro.
Para.
Subo e séntome nun sillón cortado a navallazos e no que
pon puta puta
e miro pola ventaíña e teño aínda os pés fríos.
Ti non estás.

X.L.Mosquera Camba, A tensa calma da catapulta, Ed. Positivas

quinta-feira, março 09, 2006

Homenaxes

Á miña nai, que me secaba os cueiros na lareira mentres daba clases de alfabetización moi lonxe da nosa casa.
Á miña avoa, que me deixaba nun paxe no arredor mentres sachaba o maínzo.
Á miña bisavoa, que me aprendeu a pelar as patacas moi pequeniña.
Miñas mulleres traballadoras de mans doces e encalecidas que non queiman as brasas.

sexta-feira, março 03, 2006

Poetas á marxe: Lois Pereiro

p. Poesía. Patria. Paixón.
Perigo de extinción, perdidos na nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos.
Paisaxes espalladas, enfiadas entre os Perfiles do Pasado, coa presencia dunha vexetal sensación de eternidade.
Paixón e Poses "punk", refrexos Postmodernos e altas horas nos Peiraos urbáns da noite.
Lois Pereiro, "¿Que é Galicia?" (guión televisivo) (Emitido pola TVG o 25-7-88)

terça-feira, fevereiro 28, 2006

Para Clarice Orwell

Cas vulgaridades que afogan no tinteiro
unha ironía sin neoloxismos
escribe no revés dos días
toda a noxenta vulgaridade
da novela do meu romantismo.

Manuel Antonio, 1924.

quinta-feira, fevereiro 23, 2006

quarta-feira, fevereiro 22, 2006

Pastiche

Eu son un poema.
As miñas tetas, que enchen e devalan canda a lúa, son un poema.
E ti, ouh ti, se te me achegas serás un poema.

E como me empreñes...
DAQUELA SI QUE VAI SER UN POEMA.

quarta-feira, fevereiro 15, 2006

Manuel Antonio sempre

Estou lendo a correspondencia de Manuel Antonio e non podo deixar de admirarme da súa inquietude cultural, do seu radicalismo e da súa maneira lúcida de interpretar a realidade nas discusións epistolares que mantén co seu curmán Roxelio e co seu amigo Rafael Dieste.
Manuel Antonio mantén correspondencia con personaxes relevantes como Castelao ou Risco ós que pide información sobre os temas que lle interesan (arte, literatura, política), pero é con Roxelio e con Rafael cos que mantén unha relación fraternal na que se pode expresar con maior comodidade.
A R. Dieste repróchalle que sexa un "hespañolito" que colabora na guerra de África e pregúntalle " Si algún día recobraches a túa frialdade filosófica, pensaches n-a responsabilidade, diante da túa concencia, d´haber axudado a roubar a súa persoalidade (s´é salvaxe a min qué?) y-a sua liberdade (sempre respetabel) a un pobo?".
A Roxelio, que rexeita o seu convite a integrarse no nacionalismo porque a el o único que lle interesa é a pedagoxía, lémbralle que a pedagoxía é un medio, non un fin e que os establecementos de ensino británicos, que Roxelio tanto admira, teñen como finalidade facer ingleses, "Mais aquí nin somos ingreses nin compre facel-os.- Fai pedagoxía galega".

Tiña 22 anos e estudaba para piloto. Era vago, soñaba cunha vida de aventura e quería facer poemas novos en galego, isto último tíñao moi claro.

terça-feira, fevereiro 07, 2006

Esta seguro que non a sabiades

Había unha vez un tal Adán e unha tal Eva, parella da que ben se podería dicir que foran feitos o un para o outro. Vivían no Paraíso Terreal, o mellor dos sitios posibles, o único posible naqueles primeiros tempos. Un tal Deus puxéraos alí. Ben, en realidade, primeiro creounos e logo ubicounos.

É moi curioso que a Deus se lle ocorrera antes de nada crear a Adán, o home no sentido de macho, con tódalas inequívocas características masculinas: ombreiros anchos, cadeiras estreitas, pene...e logo, a maiores, e a xeito de xoguetiño para Adán, a muller. Digo que é curioso porque, se a decisión de crea-lo home era única e definitiva, o home na súa versión macho non pode autoxestionarse, non pode xerar vida e, polo tanto, cando se acabara Adán acabábase todo. Se decidise crear antes a muller evitaría ese inconveniente. É sabido que en tódalas culturas existen as virxes preñadas misteriosamente: un airiño de nada, un baño do máis inocente e ¡zas! un embarazo que nunca ninguén vai reclamar. Poida que Deus, lonxe de contemplar todas estas posibilidades, fixese a Adán a modo de exemplo, coma unha criatura avantaxada entre tódalas demais, e que ó se decatar da súa falta de perfección, crease a Eva para que o completase. Adán sería só un experimento que se lle foi das mans ó mesmísimo Deus, paradóxicamente por culpa de Eva.

O Paraíso Terreal era un lugar fantástico. Había comida e auga en abundancia, non facía frío nin calor, non había moitos perigos. Todo á man, a disposición absoluta de Adán e Eva aínda que... é necesario mencionar un pequeno detalle que non encaixaba moi ben naquel lugar idílico: refírome á árbore da ciencia.

A árbore da ciencia estaba chantada no medio e medio do Paraíso Terreal. Chamaba a atención: impoñente, exuberante, incitante, sempre cargadiña duns froitos recendentes e vistosos. Sen embargo, Adán e Eva tiñan terminantemente prohibido achegarse máis da conta a ela e, por suposto, cata-los seus froitos. Cando lle preguntaron pola causa de tan ríxida prohibición, Deus retrucoulles con aspereza cunha consecuencia: É que se me desobedecedes expúlsovos do Paraíso. A contestación divina deixounos aínda máis desconcertados: ¿expulsalos? ¿a onde? Adán e Eva só coñecían o Paraíso. Era o único que existía para eles. Malia a súa ignorancia entenderon que non debían preguntar máis e desde aquel día en diante sempre quedou a sombra do misterio e da curiosidade nunca satisfeita en torno á árbore prohibida.

Aínda así e todo, Adán e Eva levaban unha vida moi agradable. Adán saía a cazar, máis por diversión ou pasa-lo tempo ca por necesidade. Eva tomaba longos baños, secaba á caloriña do sol, peiteaba os seus fermosos cabelos e adornábaos de flores. Ó longo de tempo deu domesticado algúns animais pero...algo lle faltaba. Sería que non tiñan casa, ¿para que? se non había nada do que gardarse, nin fillos, nin... E Adán tampouco non lle facía moito caso. Ó principio si, pero agora inclinábase máis pola caza e, cando volvía, botaba grandes sestas. Eva era incapaz de durmi-la sesta, a non ser despois dunha boa sesión de sexo, pero ultimamente non era probable que durmira a sesta.

Unha tarde, mentres Adán roncaba ó seu lado ferozmente, Eva non deixaba de pensar en todas estas cousas que lle queimaban a alma. Non se atrevía a comentarllo a Adán, porque tampouco sabía moi ben o que lle ocorría nin o que desexaba. A poucos metros estaba a árbore da ciencia, espléndida, fermosísima. Decidiu achegarse cautelosamente á extrema do permitido e desde alí axexar-la súa presencia magnífica. Case sentía aquela sombra refrescante, intuíaa pero aínda non... ¡que sustazo! unha cabeza de animal apareceu repentinamente entre as follas. Os seus ollos refulxían; o seu corpo, longo e estreito, enroscábase nas ramas. Un non-sei-que de fascinación e repulsión percorreulle o corpo a Eva. Para maior asombro, o animal falou coa súa estraña lingua gallada:

- ¡Eva, mulleriña! dá mágoa verte tan amorriñada podendo ser unha muller feliz e dona do teu destino. Eu, para min, que ese Deus tenvos aquí enganados, minguados e aborrecidos, sempre na súa presa. ¡Non é máis ca un vello coreño que vos ten taxado o pracer e o coñecemento que vos levaría á plenitude! Ti é-la única que te decatas ¿ou non ves ó teu Adán? cada día máis papán e aburrido, roncando coma un porco marrau e sen ansia ningunha.

Eva estaba conmovida. ¡Que ben expresaba a condanada víbora todo aquilo que se remexía no máis fondo da súa alma e lle provocaba aquel desasosego no peito! Decidiu seguir escoitándoa, aínda que deu un paso atrás, por precaución. Sen se decatar, a víbora fóraselle achegando tanto que xa lle facía cóxegas coa língua bífida na punta mesmo do nariz. Un pouco insolente si que era, e logo estaban aqueles ollos que a aparvaban e lle producían unha sensación de embriaguez.

-Se ti queres, Eva, e has querer porque es unha muller espilida, eu podería amosarche a maneira de acada-la liberdade e a felicidade. É moi sinxelo, antes de nada desobedece, racha, transgrede e ¡come os froitos da árbore! Asegúroche que non te sentirás decepcionada.

Cando acabou o seu parlamento, a víbora tiña totalmente posuído o corpo de Eva quen, tremendo, se desmaiou.

Acordou sen saber qué lle pasara, co corpo todo lixado de terra e dunha sustancia apegañenta que a anoxou. Sentiuse débil e mareada. As pernas case non termaban dela e a testa ardíalle. Como puido, volveu cabo do seu compañeiro.

Adán seguía na mesma: respiración abdominal, ronquido suave, un fío de baba a esbararlle na xunta dos beizos. Custoulle caro sacalo daquel prácido sopor. Moi axitada, foille contando a súa experiencia e todo canto lle dixera a víbora.

Adán non era quen de comprender aquela tendencia á complicación e á aventura de Eva. Non compartía o seu desasosego existencial, pero aínda así, para demostrarlle que un home é un home e que estaba disposto a protexela de calquera cousa que ameazara a súa tranquilidade, decidiu achegarse á árbore da ciencia e darlle unha lección á víbora sabichona.

A víbora non se deixou ver por ningures, pero houbo de recoñecer que as inmediacións da árbore eran un lugar agradable en grao sumo. Por suposto o Paraíso era de seu moi agradable, pero os arredores da árbore eran irremisiblemente atractivos, facíante pensar, respirar máis fondo, mirar máis alá... Sen darse conta pasou os límites, paseou baixo a súa sombra, apaxou as súas follas, apañou algúns froitos e regresou xunta Eva.

Atopouna suorosa, nun delirio febril. No seu discurso atrapallado e confuso distinguíase o nome de Deus que semellaba cuspir con rabia. Logo choraba con desespero e colgábaselle a Adán con forza do pescozo. Adán non sabía qué facer ante aquela situación totalmente nova. Sentíase desbordado por aquela loita que se estaba librando dentro da súa compañeira e tivo medo. Medo de perdela, medo de ficar outra vez só naquel paraíso que xa non tería sentido para el. Sen saber moi ben a razón, botoulle a man a un dos froitos e deullos a comer a Eva, pois antes que nada sentía a necesidade de aliviarlle aquel terrible padecemento. A continuación, coma se fose a consecuencia lóxica do acto anterior, probouno el tamén. Unha inmensa sensación de paz e conforto invadiu o seu corpo e, xuntos, adormeceron.

Espertaron sobresaltados, víctimas da ira divina; Deus repudiábaos do seu amparo. Non só era coreño, era tamén implacable: maldicíaos, botábaos fóra, impoñíalle-la dor, o traballo, nómadas para sempre, perseguidos pola súa mirada severa ata a morte. ¡A morte! Era a primeira vez que consideraban que a morte podía afectarlles tamén a eles. A morte, contraria á vida pero tamén complementaria, agardando por eles.

Logo viñeron días duros e difíciles. Tiveron que aprender moitas cousas para sobrevivir, pero a súa curiosidade aguilloábaos cada vez máis e incitábaos a seguir experimentando. Xuntos descubriron un mundo novo, ben lonxe do Paraíso. Volvéronse atrevidos e fortes; tiveron fillos e iso fíxoos sentir á vez medrados e vulnerables, por iso quixeron face-las paces con Deus.

E a historia continúa, pero enguedéllase de tal forma que se esfiaña noutras mil historias, todas diferentes, pero, no fondo todas enlazadas na mesma trama.

quarta-feira, janeiro 11, 2006

Flores murchas

Erguinme tan cedo porque tiña que cambiar aquelas flores murchas antes de que viñeran eles. Sempre me din mamá que desastre e míranme dun xeito que me fan sentir moi mal. Por iso me erguín cedo, para que non me colleran outra vez sen mudar as flores. Pero agora resulta que en vez de cedo foi tarde, fíxose tarde, non entendo por que, e é de noite, non sei que hora. O reloxio tamén está parado e non lle chego para darlle corda, chégolle subida a un tallo pero daquela bérranme ¡mamá! que son moi listos e sempre me descobren. E teño medo porque non sei a miña cabeciña ás veces…se volvo para a cama podo quedar durmida e vólvese a facer tarde e non cambio as flores e ¡mamá! Non sei por que teñen que murchar tan axiña, antes durábanme máis.

Antes de nova tamén as noites duraban menos, pero non podía tocarlles ás flores se andaba mala porque murchaban. Pasáballes o mal ás flores e morrían. Coidadiño a que se lle tocaba cando unha andaba mala. O mundo acababa tinguíndose do meu sangue impuro e podía provocar desgracias. Recollerse, mirar baixo, non tocar a auga, non tocar nada. Pero algo había que tocar, porque a vida seguía coma os outros días. Facíase caso e non se facía. Só se pasa algo malo pensabas que eras a culpable. As mulleres nacimos para sufrir, dicía miña nai. Pensar así para non esperar máis que desgracias, tomar todo coma unha desgracia: medrar, que te aperte un home, ter fillos, que deixen a casa. Mamá ameazándome con desgracias cando me vía contenta, xa aprenderás, xa aprenderás. Eu non quixen ser así, pero quedoume o medo. Non sempre hai disculpas para este medo. Xa non teño a regra, poucas desgracias podo provocar xa. Non subir no tallo para poñer a andar o reloxio, non saír fóra para tirar as flores murchas que podo tropezar e romper a alma, estar atenta a que veña o día porque ¡mamá que desastre! Eu aínda sei, se me organizo, sei; pero ás veces…xa non me acordo e daquela teño máis medo.

Cando boto o día enteiro pensando como se chamaba a que me di ¡mamá! porque está a dos nenos e a outra. Pois a dos nenos non, a outra que cando ven por aquí ¡mamá! e ó final, nada, non me din acordado e púxenlle queixo na trampa e non foi a el. Pero disto lémbrome. Do que non me lembro, logo lémbrome moitos días e teño que pensar moito e logo esquézome das outras cousas. E iso é o peor. Porque aínda que non me deite e estea aquí agardando o día, e quedar quietiña sen subir ó tallo para darlle corda ó reloxio, estou pensando no que non me lembro, e ó mellor despois xa non me acorda o que tiña que facer cando chegue o día. Ou se chega e eu non me decato, que tamén me ten pasado, e logo faise tarde e ¡mamá! coma se fora unha neniña. Por iso teño medo. Eu fágome a forte e penso moito as cousas, ás veces hai que poñerlles trampas, e organízome para que non se me vaia a cabeza, para non ter que oír ¡que desastre, mamá! nin sentir que provoquei outra desgracia por non ter coidado, por tocar ou por mirar para dereito e beber auga fría. Deixádeme, deixádeme que xa non sangro máis.

sexta-feira, dezembro 16, 2005

Mulleres de beizos pintados

Leo na revista Nós (abril 1922) un anaco "Do meu diario" que Castelao escribe desde París:

Decididamente eu son nemigo das cibdades. Istes Fradiques Mendes e istas mulleres de beizos pintados, que finxen o pracer e non-o sinten -coma dixo Quevedo- danme fonda tristura. ¡París! Haivos no meu Hotel unha gata que and´á xaneira, pero eu coido que o finxe.

¿Por que lle chamaba tanto a atención a Castelao que as mulleres pintasen os beizos? ¿Non chegaría aínda naqueles tempos a moda a Galicia?
Chegara tal. A miña bisavoa, nada en 1989, contábame que na súa mocidade había dúas mozas máis vellas ca ela que pintaban beizos e poñían o colorete para ir ó baile. Ríase moito cando describía como, na fogosidade do divertimento, a suor abríalles grosos regos na pintura da cara. Estas dúas mozas modernas na primeira década do XX tiñan "mala fama". A mesma "mala reputación" que Castelao lles atribúe ás mulleres de beizos pintados de París. De feito, unha delas acabou marchando para A Coruña e abrindo unha casa de citas. A miña bisavoa sempre conservou aquela amizade e, cando se veu moi apretada cun fillo acabado de asasinar e outro no cárcere da Coruña foina ver ó seu local, nas traseiras do Papagaio. "Non te preocupes, vou eu contigo agora mesmo e has ver ó teu fillo" e, sen quitar o mandil ciscado, puxo o abrigo e acompañouna. Evidentemente no cárcere aquela muller tiña as súas influencias e a miña bisavoa puido ver ó seu fillo.

domingo, dezembro 11, 2005

Xarrón chino

Carlos e Eusebio eran dun tempo, un nacera no agosto e outro no nadal, e criáranse practicamente xuntos. As súas casas daban á mesma eira e as súas familias eran moi ben levadas. Desde ben pequenos compartírono todo: xogos, traballos, pupitre na escola…e, xa de rapaces, inquietudes e amoríos. Queríanse coma irmáns, ou máis aínda, porque entre eles nunca houbera unha sombra de rivalidade.

Cando tiñan sete anos, os pais de Eusebio marcharon para Suíza e o neno quedou cos avós e un tío solteiro. Desde ese momento, Eusebio buscou na casa do seu amigo o pai e a nai que perdera, e resultaba inconcebible que un fose a unha feira ou a unha festa sen o outro. Ningún dos dous admitía ter un xoguete ou unha larpeirada que non fose para compartir co seu amigo. Aprenderon a andar na bicicleta que lle trouxeran a Eusebio os seus pais de Suíza, pero quedou esquecida ata que a Carlos lle botaron unha os reis dous anos despois. Despois si, as dúas bicicletas cobraron o seu auténtico valor e dedicáronse a descubrir o mundo nelas lonxe da aldea.

Foi na época das bicicletas cando se lles deu por facer unha colección de caixas de mistos. Habíaas con distintos motivos gráficos: automóbiles antigos, animais, bolboretas…pero sobre todo de xarróns chinos. Era unha colección feita con moita paciencia, ó longo de varios anos, unha argallada máis para compartiren. Recortaban o debuxiño da caixa de mistos –case sempre un xarrón chino- e poñíana nunha caixa de galletas. Co tempo a caixa encheuse e tiveron que poñer un pouco de orde facendo filas. Os días de inverno en que o tempo non lles permitía saír, quedaban na cociña da casa de Carlos xogando cos cartóns das caixas de mistos. Daquela os fermosos ramalletes azuis dos xarróns chinos da dinastía Ming, ou se acaso da Tang, expostos enriba da mesa enchían de luz e requintes nunca vistos a escura cociña. A de xarróns chinos era, con moito, a colección máis numerosa e tamén a máis apreciada polos nenos, case ó extremo da obsesión.

Os domingos compraban cadansúa caixa de mistos na tenda e, algúns días, aproveitaban os paseos en bicicleta para probar sorte nas tabernas dos arredores por se atopaban algún xarrón que aínda non estivese na colección. Nunha destas ocasións, ó pararen nunha taberna descoñecida, atendeunos unha rapaza do seu tempo.

“¿Que queriades?”

“Unha caixa de mistos”

Foi cara un aparador de portas vidreiras que había no fondo do local e colleu unha; era dun coche de época.

“¿Non a tes de xarróns chinos? »

A rapaza mirounos estrañada, pero remexeu ata atopar unha caixa de mistos cun xarrón da dinastía Ming.

“É que este xa o temos”

“Se xa tedes unha caixa de mistos ¿para que queredes outra?”

Riron os dous, botáronse unha ollada cómplice e empezou a falar Carlos.

“Queremos caixas de mistos diferentes porque estamos facendo unha colección”

“Si, xa temos moitas e cada vez énos máis difícil atopar unha diferente”

A nena mirounos con simpatía e ofreceuse a gardarlles tódalas caixas de mistos que deixaran por alí os clientes da taberna e outras que puidera conseguir. Así empezaron a ser socios e a verse con certa frecuencia. Un día eles leváronlle a colección enteira e mesmo accederon a deixarlla ata a semana seguinte, cando puideran volver por alí. E, efectivamente, a nova coleccionista aplicouse no seu cometido e en pouco tempo fixo contribucións considerables á colección. Agora había unha apretada fila para cada un dos motivos, non sendo o dos xarróns chinos que tiña tres. Fíxose urxente o cambio de contenedor e a rapaza aportou unha bonita e espaciosa caixa de lata azul marino con deseños de varas de marmeleiros calladas de froita e unhas letras douradas na tapa que poñían: Carne de membrillo.

A taberna da familia da rapaza tiña un comedor que só se usaba en temporada de caza ou nos días de festa e moitas tardes reuníanse alí todos tres para admirar os tesouros da caixa dos marmelos. Xogaban a facer series, parellas, familias, a buscar semellanzas e diferencias, pero o máis difícil, e que esixía un perfecto coñecemento da colección, era adiviñar a qué dinastía e século pertencían os xarróns. O premio do gañador deste xogo, que sempre deixaban para o final, era custodiar a caixa ata o próximo encontro. E os rapaces estaban abraiados de que en tan pouco tempo a súa amiga fose quen de memorizar tal cantidade de pezas, case sen dubidar. Ela era sempre a que gañaba o dereito a quedar coa colección pero, ó mesmo tempo, sabía administralo con xentileza e, xa a un, xa a outro, permitíalles levala para a súa casa case tantas veces como quedaba na súa. Non era de estrañar que pouco a pouco, e a medida que medraban, os dous se fosen namorando dela, aínda que cada un deles se esforzou en ocultar o seu amor.

A rapaza era bonita e desenvolta. Se cadra o feito de terse criado tratando con xente alí no negocio da súa familia favorecera aquel xeito seu para ter conversación con todo o mundo, para escoitar con atención ós demais e repetir logo as historias de tódolos días xusto no momento oportuno. Sabía sacarlle chispas a calquera cousa, e tamén que se sentiran cómodos e cómplices do mundo que despregaba para eles. Desde o primeiro momento quedaron encantados coa súa maneira de ser natural e especial ó mesmo tempo, rica e xenerosa. ¡Que ben o pasaban con ela! ¡Que importantes se sentiron cando lle mostraron a súa marabillosa colección! Cando se despedían non podían deixar de pensar nela ata que a volvían ver. Aquela nena meiga apropiárase da súa colección e tamén dos seus corazóns. Cando volvían para a casa ían calados, sumido cada quen nos seus pensamentos repetindo para dentro o seu nome.

“Ti tamén estás pensando nela ¿non é verdade?”

“Tamén”.

“Pois para os dous ou para ningún ¿oíches?”

“¿Como que para os dous?”

“Pois así”

“¿Refíreste a como estamos agora?”

“Así quérenos ós dous, e non vexo outro xeito”

“Preguntarlle a ela”

“¿Pero ti que dis? ¿E o que quede fóra?

“Fódese”.

“O demo te coma, aínda habemos fodernos os dous”

“Calquera día virá un langrán por aí e daquela si que nin un nin o outro”

“Tódalas solucións son malas. Ti es o meu amigo antes ca ela, pero non podo sacala da cabeza”.

Non volveron falar do tema e ningún dos dous se atreveu a tomar a iniciativa amorosa. Sabían que os seus fortes vínculos volvéranse febles coa sacudida do amor e que podían botar a perder todo. A espontaneidade e a ledicia que envolvía as súas reunións foise apagando. Agora estaban serios e tensos. Este cambio non lle pasou desapercibido á rapaza, pero tampouco sabía como actuar.

Pouco despois de rematar aquel curso, chegaron os pais de Eusebio de vacacións e anunciaron a súa intención de levar ó fillo canda eles. A súa situación en Suíza era estable e podíanlle asegurar ó rapaz un futuro laboral mellor ca na súa terra.

Eusebio non quería marchar, pero non tivo forza dabondo para opoñerse ós desexos dos pais. Os seus amigos insistiron en que levase a Suíza a colección de caixas de mistos e quedaron de escribirse e mandarse fotos para manter viva a súa amizade.

Os primeiros anos na emigración, Eusebio pasouno moi mal. Cambiou varias veces de oficio, custoulle facer amigos e adaptarse ó novo ambiente. Nesa época pasaba moito tempo só na súa habitación, relendo as cartas dos seus amigos e escribindolles as súas desventuras. Continuou a súa afección polos xarróns chinos e chegou a converterse nun experto no tema, primeiro como restaurador e logo como comprador e vendedor de pezas antigas de gran valor.

O día que lle chegou a carta onde o invitaban á voda dos seus queridos amigos, pechouse no seu despacho e despregou unha vez máis a fermosa colección de xarróns chinos. Elexiu un xarrón que sempre lle gustara e foi poñendo en rigoroso orde as uñas que cortaba ó rente dolorosamente. Mentres lle esbaraban as bágoas parecíalle ver que as metía no propio xarrón. Cando rematou, dirixiuse ó almacen onde gardaba as valiosas pezas que servía e elexiu o xarrón que máis se semellaba a aquel no que gardara as uñas. Sería un regalo de vodas perfecto: un xarrón chino da dinastía Ming, único no mundo, aínda que repetido ata cinco veces na vella colección de caixas de mistos.