Número total de visualizações de páginas

sábado, abril 14, 2007

(Aproximación á) Introdución do plátano en Galicia



Chegou hoxe a miña irmá –paréceme que xa vola presentei- contando que o introdutor dos plátanos en Galicia foi o bisavó dun colega seu de Burela, coñecido para historia como Capitán Rúa. A cousa disque aconteceu pouco máis ou menos así:
Estaban unha vez o Capitán Rúa e a súa tripulación cansados de dar voltas polo mar sen pescar nin unha sardiña e, cando xa decidiran dar volta de baleiro, viron que se acercaba un buque. Agardaron e estableceron comunicación con el, a berros, supoño, naqueles tempos, e souberon que transportaba plátanos. ¡Un buque cargadiño de plátanos! Negociaron e compraron plátanos para encher o seu barquiño, pensando facerse ricos en canto chegaran a porto. Costar costou lles traballo…chegar a porto primeiro e vendelos despois. De feito, como en Burela non tiñan saída seique acabou, o Capitán Rúa, contratando un camión para levalos ata a Coruña. Desde Burela, imaxinade, ata a Coruña ¡e no ano 65! Non sei se crelo.

De todos os xeitos, este último dato invalida a pretensión de ser o Capitán Rúa o primeiro en dar a coñecer ás salvaxes tribus galaicas o froito marelo. No ano 65! Os de Burela sempre andaron un pouco atrás das outras tribus e por iso lle contei á miña irmá, e agora a vós, o conto tal cal mo contou a min a miña avoa:
Antes có Capitan Rúa, alomenos 45 anos antes, o meu bisavó, que andaba de fogonero no Río de la Plata, nunha viaxe de volta comprou nas Canarias unha fermosa piñoca de plátanos para facerlles abrir a boca aos veciños de toda a redonda. Nunca tal se vira, algúns empezaron a arreghañar os dentes burlentos. Esperade e veredes: colgouse a piñoca no balcón e alí foi madorecendo. Pero nin verdes nin maduros, amigos, o que se di amigos, os plátanos non tiveron ningún. Seique esghanaban a un e cuspíanos. Acabaron de podrecer no esterco.

Por favor, se alguén pode achegar máis documentos históricos anteriores aos narrados, que non dubide en poñer un comentario a este post. Xuntos, se nos poñemos, recompoñeremos a verdadeira historia da introdución do plátano en Galicia.

terça-feira, abril 10, 2007

Credo na Orde Interminábel

Remexendo en vellos suplementos cuulturais do ABC, nun de 2005 atopei esta foto pertencente a "un album que Chema Conesa ha realizado de la reina del cabaret, de la irreverencia y el sarcasmo, Astrid Hadad":

Tío Sam
que estás en el
país del norte,
santificado sea
tu nuevo orden,
vengan a nos tus dólares,
hágase tu voluntad
así en Estados Unidos
como en el mundo entero.
Danos hoy nuestros McDonald´s
de cada día,
perdona a los iraquís y a los
cubanos como nosotros
perdonamos a los marines.
No nos dejes caer en el nacionalismo
y líbranos de los hombres de negocios japoneses.
In God we trust. Shalom.
Amen.

quinta-feira, abril 05, 2007

Sabeliña


Ten fibra e sensibilidade. Ten xenio e beleza. É a miña irmá pequena, traballadora incansábel, sempre de aquí para alá, ás veces en ningunha parte en concreto, parécelle que vai perder pé, que o mundo xira ás súas costas cando é ela a que xira arredor do mundo, alumánndoo todo, arrincándolle os máis fermosos sons nas cordas do seu intrépido violín barroco.
Desde que era pequeniña admirei eu esas mans e os longos brazos morenos que se ían disciplinando no violín. Cerne puro, nosa Sabeliña, cifra máxica de todos os soños artísticos da nosa familia de artesáns e labregos.

quarta-feira, abril 04, 2007

10 cancións a través da vida

As cancións da miña vida, as canc.... ¡Este post debédesllo a Fravernero que me tirou unha luva moi garelito el!
algunhas das cancións da miña vida que máis se me apegañaron foron as que cantaba José o verghueiro mentres pelaba, cortaba, esqueiraba a madeira para facer cestas: Donde estarán nuestros mozos, que a la cita no quieren venir....  zarzuela, adiviñastes, que era o que se lavaba nos anos en que fora mozo.

Pero estamos na época ye-ye amigos, e os meus pais eran novos e galeguistas, por iso compraron un pick-up e varios sigles e un LP de Andrés Dobarro. Si, si, O tren quen me leva  polo meu camiño lévame e lévame...  por riba de todo.

Impresionados? Non aínda? Veredes: a nena medraba que daba ghusto, e xa ía ao instituto. Daquela arrasaba John Travolta e o sebo do sábado á noite. Como eu non saía, pois nada, pero a miña mellor amiga convertiuse ao travoltismo: chupa de skay, pantalón de skay, pelo newton jones... ligaba como unha liana e eu nada, paciencia, a amiga feocha. Travolta nunca me gustou, nunca me gustaron os chulos en realidade, mais a voz meliflua dos Bee Gees, ai iso si. Non me preguntedes cancións, sáberacho o demo, eu daba francés e o inglés para min era coma o chinés dialectal, pero o estilo dulzón dos Bee Gees,  encantábame.

A seguinte parada non é tan vergonzante. Estamos en 3º de BUP e a nena xa ten certa capacidade de escolla. Meu pai todos os días co Sementar, sementarei de Fuxan os ventos, xa vos dixen que é galeguista de pata negra. Currante pero galeguista. E a Nova Trova Cubana logo? Silvio Rodríguez, por favor, si me dijeras pide un deseo , te pediría un raio de ? , ou algo así, que eu para as letras... e Pablo Milanés, Yolanda, Yolanda, eterrnamente Yolanda... que os fun ver en autostop á Coruña, que cousas fai a xuventude, vaia por Deus, mellor non acordarse.

Xa acabei o bacharelato, ¿cantas cancións quedan?Estou na University, o interminable fin de semana en que nos visitouu por primmeira vez o Papa polaco, juventud...castidad.... monte do gozo, periscopios para ver ao papa entre a multitude e eu allea totalmente ao momento histórico, vivindo o meu momento underground: todo iso e mais, ouh yeah, Patty Smith, Loo Red, os máis potentes e desfasados rockeiros...enfín saín indemne de todo aquilo, con saúde, sen vicios dignos de mención
 e todo e así; Shine on my crazy diamond!

E si, si, Galicia Caníbal, fai un sol de carallo.
E si si, tamén, Lá fora esta chovendo, mais así mesmo eu... Que maravilha! Toquinho, e o ex-diplomata e poeta Vinícius de Morais.
 
E falta unha, se non contei mal, unha .....

Tantas voltas dá o río ao redor da espadana
así daba Suroeste co seu amoriño na cama!

Decepcionados? Eu sonvos así.




terça-feira, março 27, 2007

Góticas


Na nosa sociedade é moi importante a imaxe, mesmo excesivamente importante, por riba de calquera outra consideración. Por iso non é de estrañar que os que levan unha vida máis ou menos exposta ao público se esforcen en presentar unha imaxe coidada e mesmo, especialmente se están relacionados co mundo das artes, orixinal e espectacular, que dalgún xeito proxecten visualmente a excepcionalidade da súa persoa.
Entre a intelectualidade feminina galega veño detectando unha certa tendencia á estética Morticia Addams, e non é un fenómeno de agora, o máis doado sería pensar en Yolanda Castaño, senón que vén de moito antes, e estou pensando na belísima Carmen Blanco.
Curiosa fascinación polo gótico na terra onde o románico perviviu máis tempo.

sexta-feira, março 23, 2007

Sibila




Ela (chamámoslle Sibila a partir da descoberta da súa semellanza, na Biblioteca Xeral) viña carregada de roupaxes pesadas, inmóbil e dinámica, e de cada retallo triangular da súa túnica surtía unha elipse musical e tenra que enchía todo o soño de Domingos cun arume estremecido de anduriña ou calquera cousa de fino e aletexante. Atraguíao ao seu seo e o delirio sobreviña nunha cópula doce e incriblemente destructora. sentíase chuchado, día a día vencido. Non cabía na linguaxe de Domingos acumulación tal de pracer e fermosura, sonido e discusión de cores e mensaxes de luz e perda progresiva da entidade propia: parola na Quinta Angustia. Domingos chegara ao ponto de cáseque non comer nin fumar na noite en que Sibila, esplendente, chegara empuñando unha parabellum, cunha fita cruel en vez de labres. Sentárase nunca cadeira metálica (tipo Bauhaus, xa sabedes) e as elipses tiñan desaparecido, ou tíñanse esvaído, ou tíñanse apagado, o que horrorizou ao meu amigo, cecais por algunha secreta intuición relacionada coa súa cultura teosófica. Sentárase Sibila e contemplara con ollos de aceiro e toda a maldade do mundo ao meu amigo, até que a albada e as campás viñeron rescatalo prá vixilia e a luz, se é que aínda era rescatábel.


                           X.L. Méndez Ferrín, "A Sibila", Crónica de nós.

quarta-feira, março 21, 2007

Aluspar Chelís




Iría contigo ós capelos polos campeiros de Monfero
ou polos da outra banda do río, de onde es ti,
e regalaríache un montón de flores lila.
Iría contigo ver as besta bravas polos campeiros de Monfero
ou polos da outra banda do río, onde ti viñeches engalanar o mundo,
e regalaríache unha noite de luar.
Iría contigo e descansariamos nos campeiros de Monfero
ou nos da outra banda, por onde saltaches de pequena,
e regalaríache os sons da auga caendo.

sexta-feira, março 16, 2007

Os zapatos rotos



A miña amiga di ás veces que vai chea de traballar e que lle gustaría mandalo todo a tomar ventos á Marola. Querería pecharse nunha taberna de mala morte e beber todos os seus aforros, ou ben meterse na cama e non pensar xa en nada, e agardar que veñan cortarlle o gas e maila luz, deixar que todo se esboroe pouco a pouco. Di que o fará cando eu me vaia. Porque a nosa vida en común pouco ha durar; logo me hei de ir e voltarei a xunto da miña nai e dos meus fillos, a unha casa onde non está permitido levar os zapatos rotos. A miña nai poñerame a andar, impedirame utilizar alfinetes no canto de botóns, e escribir ata as tantas da mañá. Eu, pola miña parte, poñerei a andar aos meus fillos, vencendo a tentación de mandalo todo a paseo. Volverei ser seria e maternal, como me ocorre sempre que estou con eles, unha persoa distinta da que son agora, unha persoa á que a miña amiga non coñece en absoluto.
Mirarei o reloxio e levarei a conta das horas, vixiante e atenta a todo, e preocupareime de que os meus fillos teñan sempre os pés seccos e quentes, porque sei que debe ser así, se se pode, polo menos na infancia. É máis, se cadra, para aprender despois a camiñar cos zapatos rotos, sexa conveniente ter os pés secos e quentiños cando se é neno.

Natalia Ginzburg, Las pequeñas virtudes [Le piccole virtú, 1962] , 2002, Ed. Acantilado
(A versión galega é un experimento suroestiano)

domingo, março 11, 2007

terça-feira, março 06, 2007

Clases de canto



Onte o Tío Pepin deunos a todos, mais fundamentalmente a min, unha demostración do seu claro e varonil arte cantor. Non era o lugar, e el sábeo, pero non o puido evitar: non atopou mellor lugar onde exhibirse e, a verdade sexa dita, eu púxenllo a huevo. Pregúntome se hoxe estará tan orgulloso das súas habilidades ou prefire que retire o comentario.

domingo, março 04, 2007

Protectorados




Como os meus habituais comentaristas se encargan de me lembrar quero recoñecer
que, efectivamente, o estilo lingüístico das empresas de comunicación madrileñas
establecidas en Galicia é legal e mesmo lexítimo, desde o momento en que os intelectuais intergalácticos colaboradores se apresuran a lexitimalo día a día e 
suplemento cultural a suplemento cultural, expresando o seu consentimento de maneira totalmente voluntaria sempre que se lles pregunta. Da mesma 
maneira que o imperialismo non sería posíbel sen a colaboración das elites 
autóctonas dos territorios colonizados nin a  dominación masculina e a ablación de clítoris sen o consenso e colaboración das propias mulleres.
Uns e outras necesitamos protección, como todo o mundo sabe.

Non sen a miña lingua!
Non sen o meu clítoris!

terça-feira, fevereiro 27, 2007

O estilo lingüístico do Grupo PRISA (ou a lingua galega ben vale unha misa

En ¿Qué significa hablar? Economía de los intercambios lingüísticos Pierre Bourdieu analiza o papel da lingua como instrumento de dominación, en primeiro lugar en canto medio privilexiado para representar e interpretar a realidade, sempre de acordo coa interacción entre emisor e receptor e o mercado de valores simbólicos dominante:

Una parte de las determinaciones que constituyen la definición práctica del sentido, y no la menor, se produce en el discurso automáticamente y desde fuera. El origen del sentido objetivo que se engendra en la circulación lingüística hay que buscarlo en primer lugar en el valor distintivo resultante de la relación actuada por los locutores, consciente o inconscientemente, entre el producto lingüístico ofrecido por un locutor social caracterizado y los productos simultáneamente propuestos en un determinado espacio social. Sucede tambien que el producto lingúístico sólo se realiza completamente como mensaje cuando es tratado como tal, es decir cuando es descifrado. Asimismo, los esquemas de interpretación que los receptores ponen en práctica en su apropiación creadora del producto propuesto pueden estar más o menos alejados de los que han orientado la producción. A través de esos efectos, inevitables, el mercado contribuye a crear no sólo el valor simbólico sinó también el sentido del discurso. (Bourdieu, 1985:12)


En segundo lugar, en canto representación simbólica-identitaria das comunidades que as falan, a lingua pódese converter no expoñente máximo de dominación dun grupo humano sobre outro. Impoñendo a súa lingua (ou variedade lingüística) o grupo dominante estará lexitimando a dominación e con ela reservándose non só o dereito a representar, senón tamén a controlar o mercado de valores simbólicos.

Para que una forma de expresión entre otras (en el caso de bilingïísmo una lengua, un uso de la lengua en el caso de la sociedad dividida en clases) se imponga como la única legítima, es preciso que el mercado lingüístico se unifique y que los diferentes dialectos de clase (de clase, de religión o etnia) se midan en la práctica por el rasero de la lengua o según uso legítimo. La integración en la misma “comunidad lingüística”, que es un producto de la dominación política constantemente reproducida por instituciones capaces de imponer el reconocimiento universal de la lengua dominante, constituye la condición de la instauración de relaciones de dominación lingüística. (Bourdieu, 1985:12)


quinta-feira, fevereiro 22, 2007

de Toro bravo a Toro amansado


Leo estupefacta as explicacións, desculpas, súplicas de Suso de Toro, o noso intelectual máis revoltoso, abrindo o último número de Tempos Novos. Por que está tan confundido Suso de Toro, el que sempre vai polo mundo moi cheo de razón, creando opinión, fustigando aos que manteñen a contraria e, nunha palabra, marcando estilo?
Suso de Toro converteuse nunha das estrelas da edición para Galicia de EL PAIS pero para iso tivo que adentrarse no seu laberinto persoal porque, segundo nos confesa, obrígano a escribir en castelán:
"O xornal antedito ten unhas normas claras e moi articuladas e que obrigan a escribir en castelán en todas as súas edicións, excepto nun suplemento cultural".
El intenta xustificar esa deserción como a única maneira (a máis doada, desde logo) de escapar á asfixiante censura do xornalismo patrio:
" se mantiña a norma de escribir en galego nun xornal iso supuña na realidade aceptar a censura, o silenciamento, pois non tiña onde facelo, e se quería chegar á opinión pública escribindo o que coido que debo escribir tería que facelo en castelán".
Enfín, a min non me convence. No mesmo escrito xustifica a censura lingüística de EL PAIS porque despois de todo o xornal é deles e teñen dereito a defender a súa idea de España (coa que Suso só coioncide en parte, seique), en cambio os xornais galegos que lle permiten escribir en galego en Galicia son inadmisíbeis porque non lle deixan escribir o que quere. Gustaríame que nos aclarase, aínda que sexa en castelán, de parte de quen en concreto sufriu esas censuras das que fala, e de paso comprobar se o novo patrón madrileño é tan liberal para permitirlle exhibir a súa facundia sen cortapisa ningunha.
Na miña opinión se falamos de censura tanto se estña a exercer nun caso coma noutro pero, se me permitides, aínda me parece máis inadmisíbel a de EL PAIS que censura unha lingua (xa non o que se poida dicir nela) e redúcea á triste consideración coros y danzas, coma nos tempos de Franco.
A ninguén se lle escapa a estas alturas a tremenda e negativa carga simbólica que ten para a normalización do idioma e para a normalidade cultural deste país noso que intelectuais que sempre utilizaron e defenderon a nosa lingua se poñan agora a contarnos cousas en castelán. Na edición de Madrid as súas palabras resultarían solemnes e poida que convincentes; na edición de Galicia, para ser lida por galegos, soa en falsete, a parodia de si mesmos.
A lingua é un dereito irrenunciable e hoxe, diante de Suso e todos os intelectuais colaboracionistas do colonialismo noxento de EL PAIS, quero reivindicar o espírito Máis Alá. Canto choveu desde aquela, e que pouco avanzamos perdidos cada un no seu laberinto!

Máis Alá!!

quarta-feira, fevereiro 14, 2007

Queremos saber


Onte lin en Vieiros que o historiador Dionisio Pereira foi denunciado pola familia dun alcalde falanxista ao que as fontes orais dos superviventes do xenocidio inculpaban nos crimes impunes que se sucederon entre o golpe de estado de 1936 e a posguerra dos anos 40. Dionisio Pereira deberá acudir mañá 15 de febreiro a un acto de conciliación onde se lle esixirá que se retracte e indemnice á familia do alcalde falanxista.
Desde toda España Dionisio Pereira está recibindo mostras de solidariedade de persoas e colectivos sensibles á demanda da Memoria Historica e desde aquí quero adherirme totalmente a esta causa. "Todos somos Dionisio Pereira" lin hoxe nun comentario en Vieiros, si, os que queremos saber somos Dionisio Pereira.
A historia oficial e os poderes posfranquistas foron extraordinariamente xenerosos cos asasinos, maltratadores, violadores e ladróns. Tamén a igrexia. Todos miraron para outro lado, administraron os sacramentos correspondentes e pensaron que con iso abondaba. Os demais, os que quedaran, xa tiñan dabondo con sobrevivir.
Mais a historia ten outros xeitos de transmitirse, se non chega ás aulas ou aos parlamentos transmítese oralmente, de pais a fillos, de avós a netos, de tíos a sobriños, dos que conservan a memoria aos que queren saber. Eu pódovos contar o que pasou desde o 18 de xullo ao 5 de agosto (memoria histórica) na miña parroquia, case día a día, ou se preferides o bombardeo de Guernica visto desde o monte (esquecín o nome, ou se cadra o meu avó non o sabía, é o que ten este tipo de transmisión), as mulleres ás que lles cortaron o pelo, por roxas, ou o nome do garda civil que apaleou ao meu avó. Despois de todo sempre foi de dominio público. Os asasinos nunca se esconderon, andaban moi fonchos polo mundo, virís e deportivos, como narra Ferrín nos seus contos. Sempre tiveron nome e apelidos e sempre a seguridade da súa absoluta impunidade. Os que debían ter medo eran os outros, ou sexa nós.
Vai seguir sendo así?

quarta-feira, fevereiro 07, 2007

Houellebecq et moi


Non é santo da minha devoción -diciame un amigo o outro día- mais penso que ten moito que dicir da sociedade contemporánea.
Eu debo confesar que tampouco é santo da miña devoción e que ademais estou convencida de que non di nada, absolutamente nada, novo e, o que é peor para un escritor, tampoco sabe como dicilo novidosamente.
O seu discurso, ben ramplón a nivel narrativo, é o mesmo discurso de macho egoísta e falócrata que está convencido de que a súa pirola é o centro do mundo. En calquera taberna atopamos machos solitarios bebidos e monotemáticos despregando o mesmo discurso.
Os seus protagonistas en 1ª persoa son sempre a mesma monótona voz, a do propio Houellebecq, tratando de disimular. As súas antagonistas, sempre mulleres, son un desdobre do propio Houellebecq para darlle sempre a razón a superHouellebecq (non hai interacción) un "si, neniño, si tes razón e aquí estou eu para darcha".
Na última que lin, e creo que xa me vou a plantar, Houellebecq é un cómico cáustico a quen a estupidez humana fai multimillonario. Coñece a unha muller guapísima, intelixentísima e no cume do seu éxito profesional, pero como tamén é cáustica déixao todo para vivir con Houellebecq dos seus millóns. É a muller perfecta se non fora porque está cerca dos 40 e a Houellebecq gústanlle as adolescentes. Ao cumprir os 40 esta muller marabillosa nota que xa non está á altura de Houellebecq porque as súas tetas xa van cedendo e, moi digna, déixao para que Houellebecq non se sacrifique e poida adicarse en corpo e alma ás rapaciñas. Ah! pero non é tan doado. As rapaciñas van basicamente ao seu e Houellebecq escandalízase de que estea perseguido o sexo con menores e que non se prostitúan con máis facilidade e a un prezo razoábel. Por fin consegue un bollycao que o volve tolo pero a súa pirola xa non é o que era e Houellebecq escandalízase de que a rapaza o poida deixar por outro máis rixo.
Todo isto salpicado por un apaixonante relato futurista de clons dos personaxes anteriores. É o toque "modelno" da novela e Houellebecq case queda calvo no intento, como se pode apreciar na foto.
Ben, a polémica está servida. Encantaríame que alguén me abrise os ollos sobre as virtudes que me escaparon e me quite o cabreo dos cartiños tan tirados en A posibilidade dunha illa (ED. Rinoceronte).

terça-feira, janeiro 23, 2007

sábado, janeiro 20, 2007

Rudo encono


En Galicia hai catro monas e dúas son papahostias (ou paréceno).
En Galicia hai catro monas e unha nunca se sabe con certeza se "sube para arriba o baja para abajo".
En Galicia hai catro monas e só unha se sente medio-nacionalista; a outra media considérase nacionalista ata as cachas (ou mellor dicir, a cacha que queda).

quinta-feira, janeiro 18, 2007

Psicoanálise doméstica


Onte púxenme a cociñar unhas xudías. Prepareinas, laveinas, puxen a pota a ferver...Entra o meu irmá e coméntolle:
-Vounas facer con tomate.
-Pois moi ben.
De alí a un pouco:
-Bah, mellor non lles boto tomate, unha allada e listo.
Mirámonos. Tampouco tiña tanta trascendencia. Sorriu e empezou a asubiar
-La donna é mobileee, cual piuma al vento... Hai que ver canto sabía o cura aquel e como entendía!

sexta-feira, janeiro 12, 2007

Canon heterodoxo


Son muller: a miña debe ser unha poética do corpo, unha demostración visceral de aquilo ao que fun reducida, polos séculos dos séculos..

domingo, janeiro 07, 2007

Orballo


Levo uns días tecendo os meus pensamentos nunha tea tan fráxil que ata unha fina orballeira a fai cambalear. Xa tomei posición e estudo a estratexia mentres espero que vire o vento, sacuda a nugalla húmida e empecen a enredarseme as despistadas moscas e os farturentos abellós. Vide a min e alimentádeme!

terça-feira, janeiro 02, 2007

Finais e principios


Defender sempre e en todo lugar aos do teu propio clan, que en definitiva han ser os que che vaian ao enterro.

domingo, dezembro 24, 2006

Disposicións navideñas



Que mellor día que o de noiteboa en que se reúne a familia para compartir un tempiño de vagar nese programa de limpeza xeral que se vai pospoñendo por unhas cousas ou outras?
Pois veña! Mesmo é divertido limpar portas e ventás en animada conversación. Ata o meu pai, imbuído de espírito colaboracionista, se animou coa fregona e o trapiño. Chegoume á alma.
A limpeza en familia une moitísimo, xúrovolo.

segunda-feira, dezembro 18, 2006

Homenaxe ao tío Pepin

Se quitó la gorra marinera, la gloriosa gorra del tío Pepin, y como si esa gorra simbolizara los tiempos antiguos, los tiempos de oro, tanto los del tío como los de mi padre, se la ofreció al viento, lanzándola al aire, hacia el sol, y la gorra se quedó un rato volando encima del río para, luego, posarse en el agua. La corriente se la llevó mientras mi padre la acompañaba con la vista, contempló como el río Elba se llevaba la gorra del tío Pepin, y la gorra no se hundió, y mi padre tenía la sensación de que no se hundiría nunca, y aunque eso ocurriera, la gorra seguiría resplandeciendo en su mente como un recuerdo maravilloso.

Bohumil Hrabal, La pequeña ciudad donde el tiempo se detuvo.






(collage e texto roubados e pegados sen elegancia ningunha)

quinta-feira, dezembro 14, 2006

Laberintos



Dixéronme que cando un se perde nos propios laberintos é doado chegar ao mesmísimo inferno.

segunda-feira, dezembro 11, 2006

Amigos ata no inferno


Deus é bon....o demo non é malo. Todos coñecemos o prudente, por non dicir cínico, dito popular, o por se acaso do que en calquera momento pode virar a chaqueta para salvar o pelello ou o que sexa. Eu entendín a súa verdadeira dimensión esta fin de semana.
Estaba eu cunha xente católica, apostólica e romana e, por se é necesario dicilo, absolutamente conservadora, aínda que tamén supersticiosa, de maneira que dentro da súa lóxica cabería facer ritos máxicos para, por exemplo que che quiten o mal de ollo ou, por que non?, unha verruga. Se Deus non funciona, malo será que o demo...
Ai, ai! eu atea como son e mira que mo dicía a miña avoa: hai que ter amighos ata no inferno!!!
Peor para min.

quinta-feira, novembro 30, 2006

Retranca galega vs Sangre española


Ninguén nos anos 70 podería pensar que estes armatostes de ferro en forma de touro que inzaban a paisaxe de todo o estado para anunciar, xunto co coñecido e machista eslogan Es cosa de hombres, unha marca de coñac made in Spain, acabarían convertíndose nun dos máis recorridos símbolos identitarios do españolismo. Nos anos 70 todo o lote, o touro armatóstico e o eslogan, eran o máximo expoñente da España rancia do baixofranquismo e, polo tanto, execrables. Mais aí os tedes, con xuventude e actualidade renovadas, despois de torear, nunca mellor dito, a lei que obrigaba a retirar da rede viaria todos aqueles reclamos publicitarios que distraesen aos automobilistas. A patria é a patria, e cómpre reforzala por todos os medios, aínda que se espeten os despistados.
Algúns espantallos taurinos, porén, sucumbiron. Un dos primeiros en ser retirado foi o que había nas marismas de Miño, ben visible desde a N-VI, indo de Ferrol á Coruña, o mesmo que inspirara un memorable comentario á miña bisavoa cando o descubriu recortándose a contraluz no horizonte: Arre boi, tenche boa petaca!!





terça-feira, novembro 28, 2006

O tarro das esencias


Leo en Vieiros estupefacta unhas declaracións de Núñez Feijoo en Arxentina (ou era Uruguay?) escandalizándose de que o goberno conceda a nacionalidade española aos inmigrantes norteafricanos (evitou referirse aos negros dos caiucos, que fino!) e do leste de Europa que, cito textualmente, no tienen ni una gota de sangre española, mentres que racanea a concesión da preciada nacionalidade aos fillos e netos de españois emigrantes (polos votos baila o can).
Como será o sangue español? Que características terá que non teña o sangue norteafricano ou do leste de Europa? O meu sangue será español? E o dos etarras? Cantas xeracións fan falta para ser cristiano viejo con todas as da lei? Alguén analizou o ADN do brazo incorrupto de Sta. Teresa de Jesús? (non vaia ser xudía...) E eu de quen virei sendo?
E por fin: haberá cousa máis rancia cá dereita española?

segunda-feira, novembro 27, 2006

Paisaxes despois da batalla

Unha noite en Babilonia, unha noite non é nada, unha semaniña enteira -ai!!- esa si que vos é muiñada.

segunda-feira, novembro 20, 2006

Babilonia

O que me encanta de Babilonia é que ninguén se escandaliza por nada. Só non está moi ben visto mexar na praza pública. Ahhh Babilonia, que deliciosa loucura!

sábado, novembro 18, 2006

Os símbolos e as súas diversas utilidades



Contáronme que o famoso casco de Leiro foi atopado casualmente por un labrego mentres lle fincaba ao arado detrás das vacas. A terra oculta a veces cousas extraordinarias, xa se sabe, mesmo hai quen anda por aí de paseo cun detector de metais, mais só as entrega cando quere. Neste caso, o elixido para tan singular achado debeu ser coidadosamente seleccionado, porque cumpriu co desexo da terra de que o casco volvera a ver a luz con todo o seu esplendor e entregoullo á autoridade máis próxima, neste caso a garda civil.
O casco aínda durmiu uns días discretamente agachado debaixo dunha cama, agardando que os expertos se achegaran a examinalo e a depositalo nun museo. Pero na casa seique vivía un neno e, cando ninguén o vía, entraba na habitación, arrastrábase debaixo da cama e collía o casco para xogar. Desta maneira, e con moito segredo, o casco volveu brillar na cabeza do neno e convertíao nun gran xefe celta, amado e temido ao tempo. Debíalle quedar ben porque o casco, se vos fixades, é bastante pequeno, como feito para a cabeza dun principiño.

quinta-feira, novembro 09, 2006

Teoría do poder


Las canicas, Joe R. Villareal, S. Antonio, Texas


Dixo Moscoso, o corrupto empresario da serie Pepe o inglés, que cada un ten o poder que os outros lle queren dar. Éche ben certo e, por agora, non teño máis que engadir a esta xenial máxima de teleserie.

terça-feira, novembro 07, 2006

Atopando a posición (no campo)


O primeiro golpe, que non esperaba, tumboume. Conseguín chegar ao meu recuncho arrastrándome e varrendo para a casa as pezas do puzzle que me artella. Era preciso, no penoso traslado, non perder nada fundamental. E cheguei e deixeime masaxear polo meu adestrador ao mesmo tempo que memorizaba un par de consignas. Era fácil, cuestión de atopar a posición adecuada cos pés firmemente asentados no chan. Inamobíbel. Nin un paso atrás. A partir de agora, se alguén as ten que levar, vounas repartir eu.

segunda-feira, novembro 06, 2006

Inhibición


Hoxe teño un día deses de meterme na cuncha e deixar que pase o mundo sen que me incordie.
Quero pensar que a hostilidade que me magoa vai esvarando polas rugosidades calcáreas que se me foron pegando vida adiante, sen ser quen de atopar unha soa fenda pola que acceder ao meu interior nacarado, ao suave e iridiscente leito onde me acollo.
Eu non son máis ca unha carniña fráxil que ás veces se asoma entre a regaña sorrinte das dúas valvas e vexo moi mala hostia por aí fóra. Vou pechar a cuncha, flup!

domingo, outubro 29, 2006

Un colariño de post arredor do sol


Hai xa un ano que decidín abrir este blog. Non foi unha idea premeditada, o resultado de darlle voltas ao asunto e chegar á conclusión de que tes certas necesidades comunicativas e dicir "eu o que necesito é un blog". Non foi así, non, e se vos conto como foi realmente, poida que vos dea a risa. O caso é que eu hai xusto un ano matriculeime nun interesantísimo curso e o profesor pensou que estaría moi ben colgarnos os documentos que necesitabamos para traballar nun blog creado para este fin. "Fixémola boa" pensei eu, "co burra que son eu para estas cousas". O caso é que para poñer comentarios había que ser blogger, é dicir, ter aberto o teu propio blog. Nestes casos de emerxencia informática acudo ao meu irmá para que me saque as castañas do lume e, unha tarde -plisplas- xa tiña eu armado o meu blog, cun suxerente nome e un ambiguo nick. "Isto é unha proba, pero de seguido virán máis" escribín no meu primeiro post. Eu estaba segura de que non virían máis pero...como xa sabía o procedemento, probei a poñer un relato que tiña no caixón e...que vos vou contar, xa sabedes que isto é moi vicioso. Cada vez que me poño cunha entrada destas síntome Madame Bovary saíndo co cabalo a galope cara o máis escuro do monte a buscar emocións. Un ano de emocións desenfreadas, de risas, de expectación, de experimentos e ousadías.
De hoxe nun ano e vós que o vexades!!

sexta-feira, outubro 27, 2006

Viaxes


Non, non, eu estou aquí, desta vez non me fun. Os días corren rapidamente, non nunha roda, senón nunha espiral na que case non nos movemos do sitio, pero movémonos. Lentamente os nosos ollos vanse volvendo vellos, "ai, si isto xa o vira eu, isto déjà vu" e pousamos unha mirada de benevolencia superior nos que aínda non o viron e non están no camiño de volta da espiral coma nós. Así que eu estou aquí, non sei se indo cara o centro de min mesma ou cara a vós, criaturas da mesma constelación. Reparade no maxestuoso movemento da miña espiral, mentres ides revirando a vosa propia traxectoria.

terça-feira, outubro 17, 2006

A metáfora total


Soñeino ou foi certo? Eu habitei esta casa, ou unha coma ela, aínda nena de teta. A miña habitación, a nosa, era a máis quentiña porque a besta durmía debaixo. A calor que desprendía a besta axudou a criarme coma o leite da miña nai. No sobrado enorme a familia compartía intimidades, cada un no seu currunchiño e eu no mellor dos aconchegos.
Unha tarde a miña nai veu un coche veloz atravesando a chousa e chamou aos nenos da casa entusiasmada. Eran dúas bestas correndo. Só dúas bestas brincando no campeiro de su a casa.

domingo, outubro 15, 2006

Humilde patrimonio popular


Unha casa así non debería baleirarse nunca de vida: xente, animais, trafegar das colleitas. Nunca debería permitirse que se lle esfondara o tellado, lle apodreceran as madeiras e as ventás fosen só bocas abertas berrando. Casas que levan séculos nesa mesma posición, referentes familiares e colectivos de repente son descoidadas, abandonadas, esquecidas, unha morea de pedras comidas polas silvas. Belas estruturas feitas firmes durante séculos por canteiros e carpinteiros habelenciosos coa técnica de noso, inxeniadas por nós mesmos para resolver os problenmas do espazo e do clima: solucións asombrosamente prácticas. Escola de arquitectos despistados que fan edificios onde chove ou onde te derretes co sol.
Se tedes unha casa así, mirade por ela. Ten un valor incalculábel.

domingo, outubro 08, 2006

Madame Bovary c´est moi


Seique iso mesmo contestou Flaubert á pregunta tan pouco orixinal de se existira realmente unha muller tan arrebatada, tan errada e tan drástica nos seus remedios. El era Emma Bovary e Emma Bovary era el.
O que escribimos está na nosa cabeza, poderemos recoñecelo ou non, deixar que nos posúa por uns instantes, unha semanas, uns meses ou trazar claramente as estremas con marcos e piagueiros: ata aquí ti e ata aquí eu. As boas historias non saen de nada, como o fume necesitan combustión e o escritor ten que mollar as bragas para apañar as troitas. Madame Bovary, c´est moi, que gran frase, que gran escritor!
Hai uns anos tiven a ousadía de promocionar entre os meus compañeiros de traballo unha revista que por aquel entón facía unha minúscula asociación cultural. Nas súas páxinas había un relatiño meu: Chica de calendario. A pregunta, morbosa, non tardou moito "era eu a protagonista?" e aínda "era eu a da fotos que acompañaban o texto?". Que responder? "Si e non", "se cadra", "non necesariamente", "o poeta é um fingidor"... Nada diso, queridas e queridos, botei peito e atrevinme:
-Madame Bovary c´est moi.

quarta-feira, outubro 04, 2006

O mal do século

Telepredicadores, sanadores, astrólogos, sacerdotes do fitness...Ai que desgraciados somos! O estado do benestar non fai máis que poñer en evidencia a soedade ontolóxica que nos esgana. Teño un amigo que leva máis dun lustro dunha noutra: constelacións familiares, hiperventilación, chamanismo (new-chamanismo, digamos), música tecno, regresións, eu que sei! pero a angustia que o atrapou non fai máis que medrar. Necesita destes personaxes (non sei como chamalos, "vendedores de benestar" paréceme bastante axeitado) para tomar calquera decisión. Seique todo está escrito nas nosas mans, todo decidido non momento de nacer, porque arrastramos os erros e sufrimentos dos nosos antepasados e deixamos a pesada herdanza, cada vez máis insoportable, a medida que se van acumulando frustracións e dor, aos que han de vir. E esta especie de enerxía negativa transmitímola non só bioloxicamente senón a aqueles cos que temos un trato cercano. Sentir toda esta negatividade debe ser terrible, unha especie de pecado orixinal sen a posibilidade redentora da graza cristiá, nin a segunda oportunidade da reencarnación budista, nin...E daquela que? Aquí cada iluminado ten a súa propia receita, misteriosas menciñas para a alma que só eles (culto á personalidade) administran e fan de quen os escoite cegos adeptos.
Moito coidado cos feirantes.

segunda-feira, setembro 25, 2006

O mellor do mundo


Pensastes algunha vez que o mellor do mundo é gratis? Ver unha posta de sol, darse un chapuzón, unha conversa agradábel, parir un fillo, botar un canivete...Gratis! E onde non...sempre nos quedan os xenéricos.

sábado, setembro 23, 2006

Pequenos grandes traballadores


Estes dous nenos coidaban sen descanso un brazado de leitugas e pés de cilantro, tornando as moscas cun ramallo e chiscándolles auga por riba a cada pouco. Nunca vin un equipo máis concentrado e eficaz, alleos totalmente a todo o rebulir ruidoso de arredor.
Onde andarían os pais?

sexta-feira, setembro 22, 2006

Suburbio



Un mundo de acabados de chegar, paredes tortas que se apoian unhas noutras con pouco cemento, sen pasado nin moito futuro; tan só un precario presente de "hai que tirar para diante"

Inmersión tropical


Aínda non vos contei onde estiven todos estes días, nin expliquei por que levo desde que cheguei con sono e a cabeza desordenada, intentando retomar as rutinas que me encadean e me protexen da intemperie. Tampouco penso ser moi explícita, prefiro deixar que a vosa imaxinación complete os espacios en branco.
Digamos que estiven nun fermoso país tropical: chuvia pola mañá, sol de xustiza a mediodía, vexetación exhuberante, froitas incríbeis, ritmo no corpo da xente e tremendas desigualdades sociais. Miradas que golpean a conciencia, traballos inverosímiles para comer un pouco, suburbios immensos afogando rañaceos. O contraste brutal, a puta miseria a carón da riqueza máis obscena.
Déixovos a gracil curva deste coqueiro en contrapicado para empezar, porque de seguido virán máis.

segunda-feira, setembro 04, 2006

Atando cabos






Esta é a outra estampa que (con sorpresa) publicitaba o Café Saint-Martin de Buenos Aires e que acabou atravesando o Atlántico no baúl de Andrés do Manco. Para min esta imaxe ten unha profundidade simbólica tremenda: o lobo, xa vedes que aquí nada feroz, a nena, a cestiña pudorosamente tapada, os careixós, a fraga... O mundo que me rodeaba era máxico e resúmese nesta escena que aínda me atrapa.