Para Ana Bande
Lilith, non Eva, foi a primeira muller de Adán, aquel homiño sen moito criterio que sempre se amañaba para botarlle a culpa dos seus erros ao outro, é dicir, á Outra. E din os vellos escritos hebraicos que no se fixo dunha costela del, coma Eva, senón da mesma lama ca el. Este argumento foi suficiente para xamais consentir ser dominada, obrigada, humillada polo seu compañeiro.
Lilith consideraba ofensiva a postura recostada que el lle esixía. "Por que me teño que deitar debaixo de ti?"–preguntaba. Eu tamén fun feita con po, e polo tanto son igual ca ti". Como Adán tratou de obrigala a obedecer pola forza, Lilith, enrabuxada, pronunciou o nome máxico de Deus, elevouse no aire e abandonouno.Ela tamén quería pracer e sabía que o seu pracer non dependía do del, esa estúpida idea que ás fillas de Eva se nos foi metendo na cabeza. O seu pracer era autónomo e Lilith, a primeira muller, soubo enseguida que a súa vulva, ademais dun burato, tiña un tenro pestelo ao que lle gustaba ser acariciado. Ás fillas de Eva foilles estirpado o pesteliño antes de se faceren mulleres ou, no mellor dos casos, foi ignorado polos seus compañeiros e condenado a ser algo clandestino e pecaminoso que conducía á loucura.
Deus púxose do lado de Adán e esixiulle a Lilith que volvese ao lado do seu esposo e aceptase o seu dominio, mais ela, insolente, riuse na súa cara e botou a andar cara o inferno. A primeira muller tivo a ousadía non só de enfrontarse ao seu home, senón ao Home, a Deus Pai. Unha perdida sen remisión esta Lilith! No Zohar e noutros libros da tradición hebrea non se aforran calificativos denigrantes con ela e, por extensión, coas mulleres que adoptan actitudes tan extremas e contrarias aos intereses do patriarcado: a rameira, a perversa, a falsa e, atención!!!, a negra.
Erika Bornay pensa que a utilización de Lilith por parte dos rabinos débese á necesidade de atopar unha figura feminina á que culpabilizar de todos os males da humanidade desde os primeiros días da creación e, deste xeito, aliviar a responsabilidade excesiva acumulada por Eva, quen, despois de todo, é a nai primixenia e merece só por iso aparecer nos mitos dun xeito un pouco máis respetábel. Neste contexto e neste xogo de oposicións, para redondear a figura, engadíuselle a Lilith a capacidade de facerlles mal ás preñadas e aos neonatos pois, sendo ela estéril, odia todo o que sexa a perpetuación da vida.
Lilith é perigosa porque é bela e seductora, porque non depende dos homes para o seu pracer e non vive lastrada coas cargas da afectividade maternal. O seu corpo é incandescente e fai arder a quen ouse tocalo nunha paixón que pode dexenerar en desatinos e enfermidades. Ela é a
femme fatale, a vampiresa que asexa os soños dos homes e destrúe as tranquilas e produtivas familias.
Deus aprendeu a lección e a seguinte muller que fixo, a partir da costela de Adán, foi unha especie de apéndice do home con certa autonomía, mais que nada para que non a tivera que cargar ás costas. Aínda así na cabeleira de Eva, de ningún modo tan esplendorosa coma a de Lilith, Deus deixou ir, ou escapóuselle, algún que outro pelo gallado como logo se virá a demostrar.