O principal rasgo do meu carácter?
Isto é como abrir unha porta e chocar cun espello... parezo dura pero rompo con facilidade.
A calidade que prefiro nun home?
A min gústanme os tipos simpáticos e intelixentes, coma ti, meu amor.
A calidade que desexo nunha muller?
As mulleres gústanme moitísimo, sempre que sexan intelixentes e simpáticas.
O que máis aprecio nos meus amigos?
Que me axuden a recompoñer as pezas cando me esboroo. Tampouco teñen que darme a razón, só axudar a poñerme no sitio.
O meu principal defecto?
A miña incapacidade para controlar as emocións: son unha chorona, que lle vou facer.
A miña ocupación preferida?
Encántame ese momento de paz e amor dos mimiños dos nenos antes de adormeceren, e cando están durmidos ler ou vir poñer un post.
O meu soño de dicha?
Ás veces, despois dos mimiños, penso: vou lembrar esta época como a mellor da miña vida cando vaia vella.
Cal sería a miña maior desgraza?
Non me recreo nese tipo de pensamentos, cando morre alguén que quero sinto a desgraza rondando e desexo mantela a raia, que ilusa!
Que quixera ser?
Ser eu co don da palabra e aínda por riba cantar ben.
Onde desexaría vivir?
Miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals!
A cor que prefiro?
Eu son de meu moi colorida, de pequena xogaba coa caixa dos fíos de cores de bordar da miña nai. Sempre souben como se facían as cores; se queredes pintar a
casa con cores non estándar, chamádeme que chegarei á vosa cor soñada coa miña arte com
binatoria.
A flor que prefiro?
Isto é coma o das cores, todas!, máis as ventureiras coma Castelao.
O paxaro que prefiro?
As laberquiñas cantan que é moito cantar e teñen un carapucho moi simpático.
Os meus autores preferidos en prosa?
Aquí é onde un ten que dar do de peito, supoño... a min gústame a literatura moi literatura, que me deixe espazo libre para imaxinar. Por iso, en xeral non me gustan os americanos, con notábeis excepcións...enfín non me quero liar vou dicir tres ou catro: Flaubert, Proust, Kafka, Lobo
Antunes e, por favor, por favor, se non penso noutra cousa...
Ferrín.
Os meus poetas preferidos?
Camõens, Rosalía, Cunqueiro, Ferrín e algún comparatista que outro...
Os meus heroes de ficción?
O abatido rei Artur, no paseo dos grandes fieitos beirado de dalias.
As miñas heroínas de ficción?
A meniña gaiteira de Rosalía.
Os meus compositores preferidos?
Beethoven e Amancio Prada.
Os meus pintores predilectos?
Isto tamén é coma o das cores.
Os meus heroes da vida real?
Os que non se deixan gañar polo desalento.
As miñas heroínas históricas?
Rosalía de Castro é a miña.
Os meus nomes favoritos?
Gústame o teu, mira ti por onde.
Que detesto máis que nada?
os que sempre se andan queixando e non fan nada por mellorar.
Que caracteres históricos desprezo máis?
Os abusos de poder en xeral parécenme deprezábeis.
Que feito militar admiro máis?
A comida de rancho e a maxia de onde comen 100 comen 200.
Que reforma admiro máis?
as que serven para repartir a riqueza.
Que dons naturais quixeras ter?
Co que teño voume apañando, a verdade.
Como me gustaría morrer?
Sen dor, claro, e con sentidiño.
Estado presente do meu espírito?
Agora mesmo síntome con moita ilusión co que estou facendo e o que teño na cabeza.
Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Errar é propio do ser humano e cando o burro vai aló, xo burro xo!
O meu lema?
Morrendo e aprendendo.