Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, outubro 23, 2013

Inmaculadas concepcións



Un dos relatos máis delirantes do catolicismo é o dogma da inmaculada concepción de María, privilexio divino que a exime do pecado orixinal no que TOD@S nacemos enfangados e a prepara para ser digna nai do fillo de Deus da maneira máis extravagante posíbel: conservándose virxe antes, durante e despois da fecundación e, máis difícil aínda, ... do mesmo parto!

Compréndese semellante artificiosidade en contra das regras da natureza e dos límites da lóxica unicamente no contexto dunha relixión profundamente misóxina na que a muller é o sexo e o sexo é o pecado e, polo tanto, a ameaza de todo o mal, polos séculos dos séculos.

Deste curioso xeito, María chega a ser nai sen pasar polo arrebato sexual. Porén, a iconografía católica tena representado enlevada nun profundo éxtase: ollos virados para arriba, rubor nas meixelas, boca aberta, brazos arredor de si, como recollendo as gozosas badaladas do corpo en íntimo contacto con...



Resulta sorprendente a pervivencia deste relato da muller intachábel sexualmente que sente a chamada da maternidade e a este destino se consagra malia todos os obstáculos. Afortunadamente, hoxe en día os avances da tecnoloxía reprodutiva evitan, por unha parte, as incómodas especulacións acerca do incerto pai e, por outra, a insistencia na intervención de seres sobrenaturais ou axentes da natureza na fecundación, como as correntes de aire ou de auga que transportan sementes.

As evidentes dificultades de ser nai solteira onte e mais hoxe, aínda tendo unha boa posición económica, engaden un aura de heroísmo moi favorecedor para unha muller que queira facer carreira política. Asemade, o vello mito misóxino, renovado mediante a utilización da última tecnoloxía, ten un verniz de modernidade e, mesmo, de atrevemento: "faino ti mesma, para que che fai falta un home?"

Por todo isto, non o podo evitar, cando souben que Alicia Sanchez Camacho, por poñer un exemplo, non concibira cunha pombiña rebuldeira..., nin cun tubo de ensaio, caín da burra e espertei da miña inocente ensoñación  posfeminista.

segunda-feira, abril 01, 2013

Mucha nieve

Unha das famosas fotos de El País

I
Dous golden boys de poderosos peitos surcan veloces unha ría non sei se nun iate ou nunha lancha neumática. Están relaxados e seguros mirando á cámara. Son xoves e seguramente inocentes. Ímosllelo concender: a inocencia dos cachorros poñendo a proba a flexibilidade dos seus músculos ao manexar os remos ou guiar o leme da embarcación, procurando sempre non ir á deriva. Baixo o sol de occidente, a ría mostra as súas particularidades, neste caso as Illas Cíes, máis alá da liña das apolíneas costas impregnadas de crema solar.
II
Os golden boys entran e saen dun todoterreo de anchas rodas. Cazadoras de leñador canadiano e zapato castellano: toda unha lección de estilo para aldeás coma min. Neve, moita neve. Podería ser Andorra ou os Picos de Europa, non hai maneira de sabelo con tanta cantidade de neve. A xeografía vólvese unha ciencia difusa baixo os efectos da neve. E aquí habíaa, quen pode dubidalo? No iate se cadra tamén, pero aí xa non penso pillar os dedos, non me vaian tildar de insidiosa.

Que xoves eramos todos nos anos 90!

quinta-feira, março 28, 2013

Teño un tesouro



Tiven un soño. Un soño, si, un deses que queda prendido coma un pelo na lingua. Un pelo na lingua pode remitir facilmente a unha escena erótico-festiva, pero neste soño non había sexo. Quero dicir, non o había aparentemente, na superficie. Cos soños hai que andar con conta. Van tan cargadiños de imaxes simbólicas que case non sabe unha por onde empezar. Ás veces vas con todas as precaucións do mundo a enfrontarte a un soño, amodo, con xeito, de vagar. Rózalo, nada máis rozalo coa túa respiración, co aire que expulsas tras precorrer as túas entrañas, e o soño esvaise con todo o seu misterio intacto, deixándote envolta na escuridade de ti mesma.

Que difícil é vivir con soños.

É difícil mesmo cando se nos ofrecen dóciles ao extenuante exercicio da disección semiótica. Ese momento único no que nos achegamos e se nos permite abrir a caixa dos seus tesouros chega coma un don inesperado. Na caixa dun deses soños xoguei unha vez con cadeas de símbolos, doas de metáforas mltidimensionais, moedas douradas na cara e na cruz do significante e o significado, cunchas escollidas polas intensas irisiacións do seu baño de nacre. Probei diferentes combinacións: experimentei con tintileos e brillos, adorneime con extravagancia e volvín colocar todo ne seu sitio. Considerei toda aquela riqueza e a posibilidade de facerme dona dela. Sentíame embriagada con tanta abundancia de estímulos tirando de min en todas as direccións e comprendín que Todo era imposible. Dunha pequena parte, polo menos. Pero como contentarse cunha soa das pérolas do tesouro? Como arrincar unha delas da sarta interminable con temor de convertela nun peza inútil co brillo apagado? Non, non, iso non tería sentido. Hai tesouros dos que non se poden facer partillas. Hai fardos que non podemos cargar ás costas. Desexei esquecer todo, que o soño se desfixese sen deixar rastro. Fixen un esforzo para tragalo e foi coma se o pelo se convertise nun longo, longo colar de pérolas arredor do meu pescozo. Vou pasando doa a doa con dificultade, procurando que as arcadas non boten a perder o proceso. Debo agardar a que os ácidos do estómago desfagan unha a unha cada pérola. É unha dixestión pesada e preñada de imaxes, as máis delas sexuais, pero con iso xa contaba. Sospeiteino mesmo ao abrir a caixa.

quinta-feira, fevereiro 14, 2013

Cruce de vías


Gústame mirarlle as tripas ao blog: curiosear nas visitas semanais, comprobar de onde viñeron e que lles interesou, baixo que estraña motivación ou carambola darían co sitio...
Gustaríame saudar cun cariño especial aos habituais, aos que sempre, sempre acaban dando unha voltiña por moitos días que pase eu de lacazanería sen poñer flores frescas neste salón de visitas. Non importa, o salón segue aberto e calquera día con xenio abrimos unha garrafa de viño. Agardade e veredes.

Pero hei de confesarvos, amigos e estraños que aquí vos xuntades, que hai unha cousa que me desacouga: as moitas estrañas visitas que teño aquí de lugares incomprensibles. A que veñen? Por que insisten se non poden atopar nada que lles interese? Son mercaderes de carne humana e veñen uliscando títulos de post como "Chica de calendario" ou "Mulleres de beizos pintados", con moito as entradas máis solicitadas, abertas, sobadas e babadas. Vou chea de limpar lixo nos comentarios. É inútil: novas ondas de detritus entran ás poucas horas.
Estraño cruce de vías neste aterrador mercado global onde o de menos é entender o significado das palabras.

segunda-feira, dezembro 31, 2012

Memorias do volcán

Foto SW

Hai moito, pero moitísimo tempo, baixo os nosos pés había un volcán fervendo. Un bo día, aquilo que sentiamos bulir en silencio cuspiu gases e pedras incandescentes. Foi un fermoso espectáculo, porque nos parecía que o podiamos contemplar tranquilamente sen perigo ningún.
Estabamos enganados, por suposto.
Se decatármonos, aspiramos un fume acedo que rañaba na tráquea e facía tusir. Unha millenta de charamugas pousáronse nas nosas roupas consumíndoas paseniñamente en furados diminutos ata queimar a pel. A lava avanzaba contra nós chegando, case, a rodearnos, silenciosa no medio do ruído enxordecedor. Pero nada disto foi suficiente para sacarnos da contemplación estática daquela beleza apaixonada.
Por fin, un enorme pelouro veu rolando cara a nós. Mentres avanzaba a toda velocidade comprendín a catástrofe inminente. Non podo presumir dunha extraordinaria lucidez, é ben certo. Só a vantaxe duns segundos e a decisión rápida puideron salvarme. Salvarnos?
De todo aquilo conservo algunha cicatriz das queimaduras máis fondas e recoñezo ao meu arredor unha paisaxe pétrea, produto dunha antiga e violenta combustión.

segunda-feira, dezembro 10, 2012

Síndrome María Antonieta



Disque crise económica, creba da facenda pública, protestas populares, rabia. Á Paris un día despois do outro, un regueiro de descontento que ouriza os cabelos. Vai haber que profundizar nas reformas que non hai cartos.Van ter que pagar máis, bien sûre que van, ou pensan vivir de gratis?.
Privilexios fiscais, subvencións pola cara bonita, incentivar a industria do luxo: exportaremos a nosa marca de clase e tiraremos da economía para arriba.
Arrogancia.
O meu estreito círculo non paga impostos: é impensable vivir con menos dando tantas esmolas. Teño un petit ami moi intelixente, convídano a todas as tertulias, e sempre di que moito cahier de doléances pero acaparan as axudas de 400 eurazos porque non queren dobrar o lombo por 8000, e aínda pretenden, aínda esixen de la tarte no canto de du pain.
Din que non teñen e gardan na faltriqueira, contan mes cheris les tertuliens, que non teñen dentes de tanto rillar nas pedras de azucre, e no fondo, esta clase ruín de abuso arruinou o país. Agora terán que pagar se queren existir e ser apuntados no Rexistro Civil como súbditos contribuíntes, e se non que se perdan nas cloacas, de onde viñeron. Pódese vivir estupendamente sen existir, ai iso pode, e aforrando unha barbaridade, practicamente todo, se tampouco se come. Imos ter que poñer un tributo para os que se negan a comer, tamén.
Estou empezando a sentir mal à la tête, acelérome coas inxustizas do mundo ao revés. Necesito desconectar unha fin de semana nun spa fronteira avante, lonxe deste país de desgraciados.
Au revoir, pensarei cada segundo en vós. De la responsabilité, avant de toute chose!

quarta-feira, novembro 21, 2012

ERE en Belén


Discutía hai un par de días coa miña irmá sobre o feito de que á forza de gravidade da Historia non escapaba ninguén, e velaquí que axiña atopei un bo exemplo: a sagrada familia vese obrigada a presentar un ERE polo que prescindirá do burro, do boi, dos pastores, dos anxos e dos reis magos, segundo unha lista facilitada polo xerente da empresa que representan. Por agora non trascendeu nada acerca da situación en que queda o caganer despois desta escabechina, pero eu penso que será o seguinte en caer da foto.

Esta mañá todo o mundo manifestaba a súa sorpresa, non sendo os teólogos máis no allo, capaces de niveis de abstracción cos que o populacho non pode nin soñar. Para eles, estas minucias non alteran a mensaxe. Que equivocados están! Calquera narrador sabe que todos estes personaxes, por moi figurantes que parezan, teñen unha función narrativa e, polo tanto, quitalos do medio si repercute na mensaxe que se quere transmitir como tamén repercute, se se me permite meter o dedo na chaga, insistir en pleno século XXI no virgo de María antes, durante e despois do parto.

Cuestións de fe?