Total Pageviews

Sunday, May 28, 2006

Careixós

Estamos no tempo dos careixós. En tódolos balados, entre a herba dos pomares, nas beiras dos camiños, ofrécense encarnados o saborosos a quen saiba deles e teña paciencia para apañalos. Pódense ir ensartando nunha herba, compoñendo rastras, nunha berza ou, se saes preparado da casa, en calquera cacharro.
A miña avoa traíanolos sempre cando viña das leiras e era o presente máis desexado por nós. Logo aprendín os sitios deles e con outros nenos pasaba as tardes buscando entre as herbas o seu fulgor escarlata. Primeiro apañabamos e logo comiamolos ás mans cheas.
Os careixós forman parte do meu imaxinario infantil, primeiro por experiencia (recibilos, buscalos, saborealos) e despois por unha ilustración enmarcada que había na sala da miña casa, no espacio de respecto, xunto ó reloxio de parede, o chineiro e a cómoda. A ilustración representa a a Carapuchiña Vermella nunha espesa fraga en animada compañía do lobo. Podería ser un locus amoenus se a escuridade do fondo da estampa non dera un pouco de medo. Non polo lobo, quero insistir nisto, que parece moi amiguiño da nena dándolle ao rabo entre as súas pernas.
Na parte inferior e en primeiro plano, vense claramente, entre o tapizado verde da herba que pisan Carapuchiña e a súa cuase-mascota, unhas vizosas plantas de careixós a plena producción.
As ilustracións da sala, que trouxera o meu bisavó das súas viaxes, eran o máis bonito que había na casa: Carapuchiña co lobo apañando careixóns e unha linda nena gordochiña colocándose un gracioso sombreiro rosa. As dúas teñen sobreimpresa a mesma mensaxe publicitaria:

CAFÉ SAINT MARTIN
(Con sorpresa) es el mejor
SAINT MARTIN HERMANOS, Moreno, 750, Buenos Aires

7 comments:

SurOeste said...

Este post adícollo a Torredebabel.

torredebabel said...

suroeste! moitísimas gracias! que non merezo nin teu tempo nin menos ainda unha historia así de fermosa. A próxima vez que estea na terra, quixera que fora no tempo dos careixós para apañalos tamén e convertirme nunha Carapuchiña vermella tamén... Graciñas, estou conmovida pola dedicatoria. Moitas, moitas gracias, suroeste!

Anonymous said...

¡No que é capaz de convertir unha Carapuchiña a un feroz lobo!

Suroeste, por este meu tenebroso bosque sempre se lles chamou ós careixóns amorotes/amarotes. É o de menos.

SurOeste said...

Deuvos a vós, Mus!

Lúa Neghra said...

Dioooos!!!!!!! Que momento Proust coa súa madalena acabo de ter!!!! Para min sempre foron careixós, e teño unha gana tola de ir á que sempre foi a miña única casa, a da miña abuela, en Pantín. Alí apáñanse a moreas :) Eu fun moi carrapuchiña de pequena, e debo seguir sendo, porque perderme polo monte aínda che me presta bastante, con lobos ou sen eles (lembranza de San Andrés de Teixido. Meu irmao: pero aquí... hai lobos? E a señora da tenda: haiche... e lobas tamén).

SurOeste said...

Non hai nada como un careixón maduriño inundándoche a boca de lembranzas. Só pensar naquelas rastras de careixós que nos traía a nosa avoa cando viña da da herba...

Anonymous said...

Here are some links that I believe will be interested