Total Pageviews

Friday, June 17, 2011

Carta aberta ao conselleiro de educación

Señor Vázquez

Deixemos de lado, se lle parece, os formalismos para o rexistro de entrada dos organismos públicos. Non hai moita necesidade deles nun blog e, agora que me veu a inspiración, espero poder expoñer claramente sen moito requilorio o caso que me ten a cabeza ocupada. Si, é a que pode ver á miña dereita, a que utilizo para os asunto graves.

Vostede non deixa de sorprenderme pola impresionante fluidez coa que manexa os tempos e as formas para aplicar o poder a machamartelo. Xa o fixo con indubidábel destreza no caso do chamado –habilmente– decreto de plurilingüismo, ao final de curso, colléndonos a todos nos exames finais. O caso é que a semana pasada, cando saía da última clase da mañá, dei de fuciños cunha das súas últimas e fluídas decisións, aínda en forma de rumor vociferante: desprazar ensinanzas duns centros a outros, barallar ao alumnado afectado pola supresión da súa praza escolar entre aulas doutros centros que teñan algunha cadeira libre, desviar sibilinamente aos alumnos "excedentes" cara ao ensino concertado e deixar ao profesorado "sobrante" nese limbo agrupado nas categorías "profesor suprimido" e "profesor desprazado". Non se garante a praza no ensino público para o alumnado afectado que xa a tiña. Tampouco se garante un novo destino definitivo para o profesorado suprimido e desprazado.

É hora de aclarar que eu traballo nun deses centros afectados desde este mesmo curso, grazas ao acceso a unha praza que a propia consellería ofertou no concurso de traslados ordinario 2009-2010. Convén, tamén, dicir que en ningún momento durante este curso tiven a impresión de que sobrase: con dezaoito horas de clase en grupos do primeiro ciclo de ESO sen desdobres, con toda a diversidade imaxinábel (adaptacións curriculares, alumnado estranxeiro ou moi desfavorecido socialmente), podo asegurarlle que non me aburrín en absoluto e que, aínda así, cheguei ao final de curso en plena forma física, mental e, déixeme engadir, emocional, o cal non é menos importante. De feito, estaba trazando estes días cos meus compañeiros o plan para o próximo curso cando recibimos, como un mazazo, a nova ocorrencia da consellería.

Pensará vostede que son unha impertinente por chamar "nova ocorrencia" a unha decisión tan trascendental que vai afectar a tantas persoas (rapaces, familias, profesores...). Dígame, se non o é, que sentido ten ofertar prazas no concurso de traslados que van ser inmediatamente canceladas. Dígame, tamén, que sentido ten facer unha enorme inversión nun novo pavillón deportivo que ao ano seguinte xa non vai ser utilizado. Eu a esta política chámolle política de desbaldimento dos recursos públicos, tanto materiais como humanos, por moito que nas súas notas de prensa aparezan como medidas de aforro.

Cando o escoito a vostede falar de excelencia educativa penso na redución brutal de prazas no ensino público, na masificación das aulas, na imposibilidade dun tratamento adecuado da diversidade do alumnado, na precarización do traballo do profesorado con praza definitiva, que pasará a unha situación de interinidade –permanente?–, e pregúntome quen pode tragar tantos sapos dunha soa vez nun só discurso.

De todo este pesadelo só podo salvar a reacción inmediata e indignada do alumnado do centro onde traballo. Eles foron os únicos que se decataron de que iamos todos nun mesmo barco á deriva e manifestárono contundentemente. O profesorado, de novo, a velas vir, sorprendido, enganado por directores e inspectores –pola administración– nun confuso baile de cifras de vacantes e excluídos que nos fan perder o tempo para decatármonos, ao final, de que maneira vergonzosa estamos sendo tratados.

Tome nota, señor, porque estamos indignados.

4 comments:

Ronsel said...

Grazas por expresar tan ben o que tod@s sentimos.

substituto en paro said...

Moi ben! Por non falar das baixas que non se cubren ou se borran da plataforma desde xaneiro.

SurOeste said...

Evidentemente, os que están nunha situación máis precaria nótano antes, pero a miña mensaxe é "todos imos indo" así que mellor ir tomando nota.

Chousa da Alcandra said...

Mal andamos se tratamos mal a quen ten o compromiso e a encomenda de formar ás bases do que vai ser o noso futuro.
Eu falo dende outra das patas da Comunidade Educativa: os pais/nais. Tome nota, Señor Conselleiro.