Unha das famosas fotos de El País
I
Dous golden boys de poderosos peitos surcan veloces unha ría non sei
se nun iate ou nunha lancha neumática. Están relaxados e seguros mirando á
cámara. Son xoves e seguramente inocentes. Ímosllelo concender: a inocencia dos
cachorros poñendo a proba a flexibilidade dos seus músculos ao manexar os remos
ou guiar o leme da embarcación, procurando sempre non ir á deriva. Baixo o sol de
occidente, a ría mostra as súas particularidades, neste caso as Illas Cíes,
máis alá da liña das apolíneas costas impregnadas de crema solar.
II
Os golden boys entran e saen dun todoterreo de anchas rodas.
Cazadoras de leñador canadiano e zapato castellano: toda unha lección de estilo
para aldeás coma min. Neve, moita
neve. Podería ser Andorra ou os
Picos de Europa, non hai maneira de sabelo con tanta cantidade de neve. A xeografía vólvese unha ciencia difusa baixo os
efectos da neve. E aquí habíaa,
quen pode dubidalo? No iate se cadra tamén, pero aí xa non penso pillar os
dedos, non me vaian tildar de insidiosa.
Que xoves eramos todos nos anos 90!