Número total de visualizações de páginas

quarta-feira, novembro 21, 2012

ERE en Belén


Discutía hai un par de días coa miña irmá sobre o feito de que á forza de gravidade da Historia non escapaba ninguén, e velaquí que axiña atopei un bo exemplo: a sagrada familia vese obrigada a presentar un ERE polo que prescindirá do burro, do boi, dos pastores, dos anxos e dos reis magos, segundo unha lista facilitada polo xerente da empresa que representan. Por agora non trascendeu nada acerca da situación en que queda o caganer despois desta escabechina, pero eu penso que será o seguinte en caer da foto.

Esta mañá todo o mundo manifestaba a súa sorpresa, non sendo os teólogos máis no allo, capaces de niveis de abstracción cos que o populacho non pode nin soñar. Para eles, estas minucias non alteran a mensaxe. Que equivocados están! Calquera narrador sabe que todos estes personaxes, por moi figurantes que parezan, teñen unha función narrativa e, polo tanto, quitalos do medio si repercute na mensaxe que se quere transmitir como tamén repercute, se se me permite meter o dedo na chaga, insistir en pleno século XXI no virgo de María antes, durante e despois do parto.

Cuestións de fe?

segunda-feira, novembro 19, 2012

Corpos sen alma

Foto Xebe d´Afrei

Son unha maroma, o pedazo dunha maroma. 
O mar espedazoume e cuspiume nesta praia, da que non podo moverme, enchoupada como estou, xa case asimilada á area. Ao meu carón outros corpos  ofrecen os seus fermosos cadáveres: ofiuras, ameixas, algas de longa cabeleira, un mascato.  Os paseantes evitan pisar todo aquilo onde aínda se adiviña un xeado latexo,  todo o que promete un proceso de putrefacción. A min niguén teme pisarme, ninguén agarda un xemido de dor baixo os seus pés. Sempre fun tosca e rotunda, sen aquelas formas que engaiolan as almas, práctica, fermosa nunca. Algún neno intentou liberarme do abrazo da area para ofrecerme ao seu can. O can tamén tirou e esgadañoume un pouco máis cos dentes pero non foi quen de arrincarme.
Ignoraba como apretan as sepulturas.

terça-feira, novembro 13, 2012

A cabeza do meu corpo

Foto Xebe d´Afrei
 
A cuestión é estirarse ata onde poidas, ou ata onde che parece que poidas, sen rachar. Se non se fai de cote acaba un engurruñando, esquecendo que tiña posibilidades de acadar algo naquel sentido ou no outro. A min xa me ten pasado, e parece que unha forza te empuxa a rente do chan.
Eu tiña un corpo, agora seino; recoñezo os brazos, pernas, fío do lombo, artellos, músculos e tendóns... Véxome articulada e ben acabada, podo ocupar o espazo desprazándome e o movemento plenamente consciente dáme pracer.
Na miña cabeza o meu corpo móvese nunha praia deserta e sente o vento e a escuma do mar que o acarician sen frío. Na miña cabeza a cabeza do meu corpo pensa nos corpos engoumados das criaturas mariñas deixados na area e evita, ordenando un movemento de alancadas longas, que os seus pés os pisen. Na miña cabeza os pés do meu corpo xa case non fan máis que rozar a area e a escuma das ondas do mar e, xusto daquela, a cabeza do meu corpo pensa que aquela danza de alancadas longas é voar.