Número total de visualizações de página

segunda-feira, dezembro 31, 2012

Memorias do volcán

Foto SW

Hai moito, pero moitísimo tempo, baixo os nosos pés había un volcán fervendo. Un bo día, aquilo que sentiamos bulir en silencio cuspiu gases e pedras incandescentes. Foi un fermoso espectáculo, porque nos parecía que o podiamos contemplar tranquilamente sen perigo ningún.
Estabamos enganados, por suposto.
Se decatármonos, aspiramos un fume acedo que rañaba na tráquea e facía tusir. Unha millenta de charamugas pousáronse nas nosas roupas consumíndoas paseniñamente en furados diminutos ata queimar a pel. A lava avanzaba contra nós chegando, case, a rodearnos, silenciosa no medio do ruído enxordecedor. Pero nada disto foi suficiente para sacarnos da contemplación estática daquela beleza apaixonada.
Por fin, un enorme pelouro veu rolando cara a nós. Mentres avanzaba a toda velocidade comprendín a catástrofe inminente. Non podo presumir dunha extraordinaria lucidez, é ben certo. Só a vantaxe duns segundos e a decisión rápida puideron salvarme. Salvarnos?
De todo aquilo conservo algunha cicatriz das queimaduras máis fondas e recoñezo ao meu arredor unha paisaxe pétrea, produto dunha antiga e violenta combustión.

2 comentários:

Homburg disse...

Unha secuencia de 'Te querré siempre', de R. Rosellini:
http://www.youtube.com/watch?v=9DW-Zb-HESo

Parabéns por escapar dese volcán.
Que 2013 sexa soportable.

SurOeste disse...

soportable malia os maos augurios.