A miña avoa traíanolos sempre cando viña das leiras e era o presente máis desexado por nós. Logo aprendín os sitios deles e con outros nenos pasaba as tardes buscando entre as herbas o seu fulgor escarlata. Primeiro apañabamos e logo comiamolos ás mans cheas.
Os careixós forman parte do meu imaxinario infantil, primeiro por experiencia (recibilos, buscalos, saborealos) e despois por unha ilustración enmarcada que había na sala da miña casa, no espacio de respecto, xunto ó reloxio de parede, o chineiro e a cómoda. A ilustración representa a a Carapuchiña Vermella nunha espesa fraga en animada compañía do lobo. Podería ser un locus amoenus se a escuridade do fondo da estampa non dera un pouco de medo. Non polo lobo, quero insistir nisto, que parece moi amiguiño da nena dándolle ao rabo entre as súas pernas.
Na parte inferior e en primeiro plano, vense claramente, entre o tapizado verde da herba que pisan Carapuchiña e a súa cuase-mascota, unhas vizosas plantas de careixós a plena producción.
As ilustracións da sala, que trouxera o meu bisavó das súas viaxes, eran o máis bonito que había na casa: Carapuchiña co lobo apañando careixóns e unha linda nena gordochiña colocándose un gracioso sombreiro rosa. As dúas teñen sobreimpresa a mesma mensaxe publicitaria:
CAFÉ SAINT MARTIN
(Con sorpresa) es el mejor
SAINT MARTIN HERMANOS, Moreno, 750, Buenos Aires
(Con sorpresa) es el mejor
SAINT MARTIN HERMANOS, Moreno, 750, Buenos Aires